Xogo de tronos na Galicia medieval

Inicio/Actualidade Literaria/Xogo de tronos na Galicia medieval

Xogo de tronos na Galicia medieval

Con este ensaio histórico viaxamos ao século X, o Século de Ferro, un dos máis importantes na historia de Galicia. Nun reino convulso por loitas familiares e territoriais e a ameaza permanente dos ataques vikingos, un vello monxe, propietario da solemne basílica de Santa Comba de Bande, conta a súa historia. Batallas, amores e moito que aprender nos escenarios da Limia e de Celanova.

 

Este é un libro que serve como guía divulgativa do século X en Galicia. Contra os tópicos da Idade Media, aquí veremos monxes e monxas convivindo xuntos nos mesmos mosteiros, reis galegos que colaboraban cos monarcas árabes e aldeas que ían medrando pouco a pouco coa protección das grandes familias nobres da época, caso da de san Rosendo de Celanova e a súa nai Ilduara. É curioso regresar a unha Galicia que aínda non perdera a Portugal e onde Braga era unha das súas grandes capitais.

 

Rodríguez Baixeras, profesor de Historia con ampla experiencia no libro divulgativo, achégase destoras a un relato que forma parte do Tombo de Celanova, redactado en latín, considerado un dos máis importantes relatos autobiográficos da súa época, a pesar da súa brevidade, non só en Galicia senón en toda Europa. O historiador aproveita a viaxe ao mundo do Odoyno para dar datos e noticias sobre moitos aspectos sen esquecer nunca o valor literario das andanzas dun home que buscaba congraciarse cos poderosos e facerse perdoar os seus pecados e excesos, tamén os sentimentais.

 

Ideal para: amantes da historia, se tes vínculos coa Limia, se queres saber como eran os “xogos de tronos” de verdade na Galicia medieval.

2017-03-08T12:34:56+00:00 08 / 03 / 2017|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario