Xavier Alfaya: “Non me estraña que moitas voces influentes que se reclaman liberais esixan a imposición do castellano”

Inicio/Blogs/BiosBardia/Xavier Alfaya: “Non me estraña que moitas voces influentes que se reclaman liberais esixan a imposición do castellano”

Xavier Alfaya: “Non me estraña que moitas voces influentes que se reclaman liberais esixan a imposición do castellano”

Xavier Alfaya. ANXO IGLESIAS.

O escritor e crítico galego Xavier Alfaya (Baiona, 1939) faleceu o 29 de xaneiro do 2018. Nesta entrevista publicada n’A Nosa Terra hai 25 anos (Nº 557, 18 de febreiro de 1993), debulla algunhas das súas ideas sobre lingua, literatura e política, logo de publicar a súa primeira novela.

Gustavo Luca.

Xavier Alfaya xa era comunista cando publicara os primeiros versos mozos. A crítica celebra estes días a súa última novela Eminencia o la memoria fingida (Alfaguara), que mantén a coherencia plena co seu ideario dos 19 anos, ben que sinale o cumio dunha delongada procura formal de estilo, desde Viaje al País Gallego (en colaboración con Armando López Salinas) aparecido no ano 1965. Miñorano de nacemento, asimilado desde mozo ao mundo literario de Madrid, Xavier Alfaya ten publicado ensaios sobre Ramón del Valle Inclán (1970), os libros de versos Transición (1970) e La libertad, la memoria (titulado a partir dunha cita de Rafael Dieste), o libro de relatos El traidor melancólico e numerosas traducións, críticas e artigos.

O mundo das letras español non culminou a esperanza de recuperar a tradición e as bases éticas despois do franquismo.

Non puido ser polo xeito de facer a transición política que comprometeu todo o desenvolvemento cultural. Fíxose unha cultura necesariamente conformista e acomodada ás necesidades dunha transición política trapalleira. Así foi como non tivemos un cambio cualitativo importante nas literaturas do Estado. Tamén non houbo unha crise moral abondo profunda para que tivese un reflexo na literatura. Padecemos unha literatura conformista, de consumo, light. Na novela española actual non se representan os problemas do país. Desde os medios fíxose toda unha política para que fose así.

Como foi esa política?

Todos os que traballabamos na prensa cando morreu Franco pensabamos que habería unha fonda remoción e aparecería unha prensa de verdade democrática. Para min a gran frustración foi a morte de case todas as publicacións críticas. Claro que ficades vós e algunhas outras iniciativas, pero a maioría esvaeceron.

O seu nome aparece nas redaccións de todas aquelas publicacións.

En todas: Triunfo, Realidades, La Calle, Cuadernos, Mundo Obrero… Salvando El  Viejo Topo e Mientras Tanto, coido que non fallei en ningunha delas. Os integrantes de todas aquelas redaccións están hoxe na casa, non escriben nin traballan; outros metéronse no sistema. Houbera intentos de fundar editoriais e publicacións, coma no caso de Manuel Sacristán ou Alfonso Comín, pero se non hai cartos e infraestrutura, non se dan levado adiante. O exemplo de A Nosa Terra podería valer para outras iniciativas.

Á vista diso poderiamos concluír que a fronte de oposición intelectual non estaba tan desacougada co franquismo.

Dunha parte a oposición non tiña profundidade, certamente; talvez o franquismo tivo moito máis alcance do que se pensaba. Non pasa o mesmo en Portugal, por exemplo, onde pasaron por un cambio máis traumático. Non hai moito que unha muller conservadora como é Agustina Bessa Luis dicía “despois da revolución a nosa lingua é distinta”. É o caso de José Saramago, José Cardoso Pires, Lídia Jorge, Lobo Antunes. Lémbrese toda a literatura italiana da resistencia que é cualitativamente distinta. A alemá é a máis radicalmente crítica de Europa co sistema: Günter Grass, Christa Wolf, Thomas Bernhard. Coa transición que se fixo, era historicamente imposíbel que se acadase unha reflexión profunda sobre a vida no Estado. Aquí houbera un proceso de adaptación antes que de renovación da vida social e cultural.

Parece que o enterro do reaganismo sinalou a fin da deconstrución como escola crítica. Que vai ficar daquel discurso da negación do texto?

Durante algún tempo pretenderon que non existía texto nin significado. A literatura non importaba nin tiña estatus especial. Josep Fontana explica en A historia despois da fin da historia que a deconstrución foi unha consecuencia do reaganismo. O descubrimento de que Paul de Man, un dos pais do deconstrutivismo, era nazi, axudou ao descrédito desta escola. Aquí, as distintas culturas do Estado están moi colonizadas e as correntes críticas chegan tarde e mal. Nin sequera é posíbel polemizar con algún seguidor desta escola porque non hai crítico que se recoñeza como tal. Non sei de ningún deconstrutivista serio. Tamén non houbo estruturalistas españois. Doutra parte, o esforzo que se fixo para desacreditar os heterodoxos foi enorme. Para min a morte de Manuel Sacristán foi todo un símbolo. Non cemiterio unha voz arrancou coa Internacional pero Jordi Solé Tura e outros notábeis torceron o xesto e o espontáneo baixou o puño e alí rematou todo.

Para o descrédito dos heterodoxos, hai agora vías moito máis directas como son a desaparición das editoriais dedicadas ao pensamento ou pór os libros a un prezo inaccesible.

É o mesmo que pasou co franquismo. Podías comprar as obras completas de Stendhal, a un prezo exorbitante. Todos os intentos que se fixeron de crear editoriais democráticas no Estado feneceron por falla de diñeiro. Cantas editorais quedan dedicadas a pensamento? Crítica. Siglo XXI está a piques de desaparecer. Doutra parte a narrativa converteuse nun produto hexemónico da literatura: todo ten que ser narración. Apenas hai ensaio serio. Pode haber ensaio de vertedoiro como O quinto xenete ou Gargoris e Habidis. E non falemos de pensadores marxistas, senón dun crítico liberal como Galbraith, ao que editan case clandestinamente. Eu non teño unha concepción conspirativa da historia pero creo que existe todo un plan para acabar cos libros de pensamento.

Na súa última novela, Eminencia o la memoria fingida, o inquisidor protagonista é unha persoa con enorme poder que, con todo, ten o perfil dunha vítima.

O cardeal representa o fracaso do entrismo, da proposición de traballar desde dentro do sistema. O protagonista fracasa porque ten que seguir firmando penas de desterro e cadea, por moi liberal que sexa. É unha figura histórica. Caro Baroja retrátao en El Señor Inquisidor y otras vidas por oficio. Este foi o derradeiro grande inquisidor, gobernando Godoy. Dimitira no ano da invasión francesa. As acusacións que se lle fixeron foron as de ser ateo, libertino e francmasón. É unha figura significativa de todo o fracaso da ilustración española, clave de moitos acontecementos posteriores e da frustración dunha alternativa burguesa a unha sociedade feudal. O liberalismo revolucionario español do XIX é absorbido de vez polo conservadorismo. A incapacidade de crear un modelo de desenvolvemento burgués. Alcalá Galiano retrátao como un inquisidor mundano, incrédulo e liberal. Por todas esas condicións é apaixonante. Non foi nunca amnistiado porque utilizara o segredo de confesión contra o príncipe de Asturias.

Como autor de libros de poemas, non cre que os últimos narradores desprezan o referente da lingua poética?

Penso que se pode escribir mellor en prosa cunha certa experiencia como poeta. Na literatura máis nova en castellano, pero tamén en galego e catalán, hai como un esquecemento dos valores musicais da prosa. O estilo segue parecéndome fundamental. Hai pouco discutía cunha profesora norteamericana que negaba a importancia do estilo, por influencia da deconstrución. Penso que no mundo en que estamos, escribir ben é revolucionario. Na sociedade do anonimato, o consumismo e a degradación de todo, comer ben e escribir o mellor posíbel é revolucionario. Temos que negarnos ao Burger King. Max Gallo, no Manifesto para un tempo de sombra, defende unha alternativa cultural nun momento en que as opcións políticas non están claras, aínda que sexan necesarias.

Que problemas pode ter un galego para se integrar no mundo das letras de Madrid?

A verdade é que no meu caso foi doado. Entrara moi novo en Triunfo e aquilo para min foi natural. Por razóns familiares tamén vivín sempre con moita independencia, o que facilitaba as cousas. Os meus morreran sendo eu moi novo e non había cousa que me atase. A miña vida intelectual foi en Madrid e non houbo trauma. En León, dos seis aos 17 anos, si que tivera unha sensación forte de estrañamento. Tamén tivera moita relación con xente galega, como Castro Arines, que me facilitou as cousas.

No proxecto de Estado autonómico formúlanse equivalencias entre países que despois non se aplican á lingua. A obriga de integrármonos no español non ten reciprocidade para os que falan castellano só.

Para nós os galegos é máis doado escribir nas dúas linguas que para un vasco ou un catalán. Rafael Dieste e Eduardo Blanco Amor pasaban dunha lingua á outra sen dificultade.

Pero vivimos un proceso cara á normalidade: Álvaro Cunqueiro sinala a fin dos escritores galegos que eran bilingües por obriga.

Hai un proceso e tamén unha dualidade que se pode levar, claro que non é o meu caso por desgraza. A verdade é que nunca o sentín como problema, talvez porque veño dunha familia na que se falaba en castellano. Agora estame a pasar algo que psicoloxicamente é intrigante: eu comecei facendo poesía en galego para despois cambiar de lingua. Pero agora regreso á lingua poética primeira dun xeito natural. A novela non me sae. De todos os xeitos a mentalidade fascista impregnou o Estado que foi centralista ao cento por cento. Moitos escritores en español séntense posuidores da lingua nacional e consideran que os demais escriben en linguas que son curiosidades folclóricas. O caso de Galiza é especialmente significativo. A burguesía catalá non tivo nunca problema para contar con editoriais importantes: hoxe a literatura catalá está tan promocionada como a española. En Galiza temos unha dependencia case absoluta. Cantas editoriais autóctonas temos? Conto Galaxia, Ediciós do Castro e algunha máis, pero Xerais, por exemplo, é dun señor de Salamanca. A diferenza é importante con estoutras editoriais quen non xurdiron da vida galga senón do interese de aproveitar as posibilidades da normalización lingüística.

Na prensa española hai voces influentes que se reclaman liberais, que non discutirían o ideario democrático, pero son belixerantes contra toda lingua de Estado que non sexa o castellano.

A tradición da esquerda española é federalista. O PCE actuou con grande oportunismo en moitos momentos, aínda que agora parece que volve ao rego da idea federal. O PSOE é outra cousa. O nacionalismo español do PSOE é claro e evidente. Esa é outra desgraza. O goberno central non pode con Cataluña que ten o poder económico máis sólido. Pero no resto do Estado son impositivos. A min non me estraña que moitas voces influentes que se reclaman liberais esixan a imposición do castellano. Escribir en castellano é a sensación do poder.


Source: BIOSBARDIA

2018-02-20T08:06:10+00:00 20 / 02 / 2018|BiosBardia|