Un Nobel de química fala de literatura sen querer

Inicio/Blogs/BiosBardia/Un Nobel de química fala de literatura sen querer

Un Nobel de química fala de literatura sen querer

Juan Carlos Onetti.

Manuel Veiga Taboada.

Hai pouco, a revista El Viejo Topo volvía publicar unha vella entrevista de Eduardo Galeano a Juan Carlos Onetti, ambos exiliados daquela en España. É unha conversa desenfadada. Onetti di que lle gustan as novelas policiais, pero lamenta a decadencia do xénero, desprazado nese momento, segundo el, pola ciencia ficción. Despois, o premio Cervantes gaba a Faulkner pero négase a dar o nome de autores contemporáneos en lingua castelá. Até aí todo transcorre con normalidade.

O sorprendente é cando Onetti confesa a quen se dirixe. A si mesmo. E aos lectores? Pregunta Galeano. “Ben –di–, eu sei que vai haber alguén que me vai ler e vai entender as tristezas que escribo”.

Creo que hai moitos anos que non lle oímos dicir a ningún escritor que escribe para si mesmo. É máis, se o dixese probabelmente se condenaría diante dos editores. Ninguén se atrevería a publicalo.

Onetti pensa aínda na literatura como nunha creación persoal, da que só como consecuencia se deriva un público, maior ou menor. Hoxe en día a mercantilización do libro está a condicionar a creatividade até extremos perigosos. Chama nisto a atención que sexa o premio máis coñecido, o Nobel, o que máis aposte polos autores. Aí están Modiano, Le Clézio, Jelinek ou Herta Müller, por poñer algúns exemplos.

O hai pouco finado Amos Oz ofreceunos, no seu último libro-entrevista, algunhas consideracións sobre o que pensa da literatura. Destaca sobre todo unha frase: “A boa literatura está moito máis perto da pintura e da música que da historia ou a socioloxía”. Algo semellante, aínda que incluso máis atrevido, é o que nos di Xurxo Borrazás na súa última obra, Brevedume, publicada case simultáneamente á de Oz: “A literatura existe… non grazas ás palabras, senón a pesar delas. Literatura é o que comparte… non coas palabras, senón co resto das artes”. Os puntos suspensivos son do autor.

A pregunta repítese non obstante, inevitábel, e non todo o mundo opina igual: Que é a literatura? Unha explicación atopeina, tamén recentemente e de forma inesperada, nunha entrevista con Roger Kornberg, premio Nobel de Química no 2006.

Isto é o que opina Kornberg das investigacións sobre medicamentos. Cambien empresas farmacéuticas por editoras e investigadores por escritores e obterán unha resposta:

“Tentamos facer cousas que poden conducir a algo ou non. As farmacéuticas son alérxicas ao risco por natureza. Os negocios evitan os riscos. Outra diferenza é a escala do tempo. Non sabes canto tempo necesitarás. Moitas investigacións requiren décadas. E cada vez máis, desafortunadamente, os xestores das farmacéuticas teñen que informar dos seus beneficios cada tres meses”.

“A nosa investigación está movida –di tamén– pola curiosidade a respecto da natureza, sen saber onde te vai levar. Un descubrimento, por definición, non se pode predicir”.

Dadas estas circunstancias, Kornberg pensa que os Gobernos, en representación dos cidadáns, deberían apoiar o seu traballo. É necesario dicir máis?


Source: BIOSBARDIA

2019-11-14T06:53:37+00:00 14 / 11 / 2019|BiosBardia|