Un libro sobre o amor louco

Inicio/Actualidade Literaria/Un libro sobre o amor louco

Un libro sobre o amor louco

Frank Tallis é un psicólogo clínico británico especializado en terapia de parella. Amais é un escritor de recoñecida experiencia na narrativa popular, con éxitos de novela de misterio, entre outras.

Da súa experiencia terapéutica e coa arte que ten para a escrita podiamos prever que tivese certa mestría á hora de crear un libro como El romántico incurable (Ático de los libros), onde recolle diferentes casos concretos que pasaron pola súa consulta (ou pola súa vida) e que lle permiten facer un percorrido amplo e moi interesante sobre os diferentes tipos de amor patolóxico.

Neste libro fálase de amor pero non do amor das películas románticas nin o das parellas que viven xuntas para sempre máis ou menos en harmonía. Este libro fala dun amor “incurable” que por un motivo ou outro se atragoa na gorxa do amante e acaba por causarlle a el e aos que o arrodean variados problemas.

Tallis fai desfilar polos ollos do lector diferentes casos: unha muller que de repente se namora do dentista e méteselle na cabeza que el está namorado dela; unha viúva que ve a pantasma do seu home e lle pide sexo; a muller con delirios de celos; o home mesiánico que converte o amor en impulso asasino; o narcisista que en realidade só se ama a si mesmo e triunfa no Instagram… Cada historia, contada con mestría e unha linguaxe moi clara e cercana, sérvelle ao doutor Tallis para explicarnos non só que trastornos a ciencia médica estuda en relación ao amor senón tamén a propia esencia dese sentimento: por que necesitamos amar? Por que todas as culturas humanas aman?

O libro ademais intenta responder unha cuestión moi complexa: Ten cura o amor? Leonard Cohen dicía que non.

2019-04-11T13:48:11+00:00 11 / 04 / 2019|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario