Un conto con sabor aos misterios da infancia

Inicio/Actualidade Literaria/Un conto con sabor aos misterios da infancia

Un conto con sabor aos misterios da infancia

Mary é unha nena que está vivindona véspera dunha guerra. É unha meniña pobre e espelida que rapidamente entende a relación peculiar que existe entre o tempo e o espazo. Estas calidades chaman a atención da cobra Lamno, que a vai acompañar durante toda a vida.

Así comeza Mary y la serpiente, de A. L. Kennedy, publicada por Alfaguara e traducida ao castelán polo grande escritor arxentino César Aira. Este libro está destinado a converterse nunha das sorpresas do ano porque consegue combinar a fascinación primaria polas historias, pola literatura orgánica, cunha gran pericia para a narración. A escritora escocesa constrúe unha historia única a través dunha técnica literaria chea de matices e dominio dos recursos, xa non só os da escrita senón tamén os da oralidade. Mary y la serpiente é unha novela que se desfrutaría moito tamén escoitándoa. Ou léndoa en voz alta.

Mary vive nun xardín que ás veces parece infindo e outras veces demasiado pequeniño, sen que ela saiba moi ben por que. A serpe Lamno dubida de se a amizade con Mary ten sentido xa que sabe que algún día, aínda que queira, non vai poder estar máis con ela. Unha historia sobre a fantasía, a amizade e a relación entre as persoas e o noso contorno. A crítica definiu este libro como O Principiño do século XXI.

 

 

 

2019-03-14T11:28:00+00:00 14 / 03 / 2019|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario