U-los clásicos do cómic galego?

Inicio/Blogs/BiosBardia/U-los clásicos do cómic galego?

U-los clásicos do cómic galego?

Edu Maroño.

‘Gaspariño’, de Xaquín Marín.

Cando se fala das orixes do cómic como medio é habitual aludir a antecedentes da Antigüidade ou da Idade Media: textos funerarios exipcios, columnas romanas, tapices medievais, vidreiras, códices… Sen ir máis lonxe, Breixo Harguindey publicou en 2006, no Boletín Galego de Literatura, un artigo no que salientaba as tanxencias entre a linguaxe do cómic e unha obra tan relevante na historia da literatura galega coma As Cantigas de Santa María de Alfonso X. Non obstante, está asentada a opinión de que a aparición do cómic en sentido moderno deriva da invención da imprenta e da posterior proliferación de publicacións periódicas. O cómic tal e como o coñecemos hoxe xorde no século XIX nos xornais, en forma de viñetas ou tiras humorísticas e satíricas de contido político ou social, e a partir de aí vai gañando autonomía, dando lugar ás primeiras revistas e libros que teñen a narración en viñetas o seu contido fundamental.

Capa do libro de Xulio Carballo ‘Os pioneiros da banda deseñada galega’-

Se pensamos no caso galego, a escaseza de publicacións periódicas en lingua galega e as dificultades que tivo a edición na nosa lingua ao longo da historia explican que a aparición da banda deseñada seguise un camiño distinto ao que tivo lugar en ámbitos lingüísticos normalizados coma o anglosaxón, o francófono ou o castelán. Dende o século XIX, existiron tamén en Galicia, incluída a Galicia exterior, publicacións que incorporaron viñetas de contido humorístico ou costumista que se expresaban en lingua galega. Medios como El Pueblo Gallego, Vida Gallega, Céltiga ou Vida Céltica, por exemplo, acolleron viñetas de Maside, Ventura Requejo, Xaime Prada, Eduardo Padín ou Álvaro Cebreiro. Non só iso, parte da obra gráfica dunha figura tan relevante coma Castelao, que tamén achegou viñetas a publicacións periódicas coma Vida Gallega ou Galicia, sitúase nun territorio claramente limítrofe co da banda deseñada. Non obstante, o período da ditadura franquista e a súa política respecto da lingua galega imposibilitou a transición natural destes antecedentes cara aos caderniños de banda deseñada. Acéptase hoxe que o cómic galego en sentido propio xorde na década de 1970, cando conflúen os traballos de Reimundo Patiño e Xaquín Marín co labor desenvolvido polo denominado Grupo do Castro (Xosé Díaz, Rosendo Díaz, Chichi Campos e Luís Esperante), que se vería seguido nos anos seguintes por unha crecente acollida de tiras cómicas en galego na prensa e nos suplementos culturais e revistas da época. Obsérvese o atraso histórico a respecto doutros contextos: non hai cómic galego en sentido estrito até o derradeiro terzo do século XX.

Esta versión das orixes do cómic galego, que fora aparecendo con distintos graos de concreción en artigos dispersos, queda fixada tras a publicación en 2015 da tese de doutoramento Para unha historia da banda deseñada galega de Xulio Carballo, e a súa posterior transformación no libro de divulgación Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979) (Xerais, 2019). O de Carballo é o estudo máis extenso e rigoroso desta etapa até a data e nel quedan establecidos os nomes dos autores que, de maneira consciente, abriron a cultura galega ao que daquela era un eido creativo novo, e fixérono ademais coa vocación de empregar un medio que percibían como popular para espallar unha mensaxe política. Carballo analiza ademais con detalle os títulos decisivos desta década: os primeiros libros de cómic, as primeiras revistas e fanzines, e tamén as series de tiras cómicas que comezaron a agromar na prensa galega. Cómpre, xa que logo, felicitar o autor polo que supón un avance claro na aproximación histórica a unha das manifestacións máis dinámicas da cultura galega actual, mais o seu traballo serve tamén para deixar en evidencia as eivas do noso sistema editorial no que atinxe aos clásicos da BD galega.

Cantos dos títulos recollidos por Carballo no seu traballo están hoxe dispoñibles en librarías? Cantos foron obxecto de reedición nos últimos anos? Poucos, moi poucos. Xaquín Marín é quen gozou de mellor fortuna, probablemente por terse mantido en activo e cunha forte presenza nos medios dende os anos 70 até hoxe. En 2006, a editorial Embora recuperaba Ratas, obra que publicou inicialmente en 1977, e facíao ademais en galego, idioma no que fora concibida malia ter visto a luz en castelán por ter sido editada polo propio Marín e por Patiño cando ambos vivían en Madrid. Tamén Cen + Cen Pés, unha antoloxía dos famosos “pés” de Marín que viu a luz en 2007. O ano seguinte, El Patito Editorial publicaba o volume titulado As dúas viaxes de Xaquín Marín, que recollía A longa viaxe de volta dende as estrelas, o relato co que o ferrolán participara en 2 Viaxes, considerado o primeiro libro de banda deseñada galega, xunto cunha segunda narración da mesma época que permanecía inédita até aquela data, Buscando otro mundo.

Non obstante, bótase en falta a recuperación dunha obra fundamental de Marín da década dos 70, as tiras de Gaspariño que apareceron en El Ideal Gallego a partir de 1974. Marín valeuse deste personaxe, un neno de aldea, para expoñer a súa visión dos problemas polos que atravesaba a Galicia daqueles anos: a explotación económica, a

Capa de ‘Cen-Cen Pés’

emigración, a falta de conciencia ecolóxica ou a discriminación da lingua galega e os seus falantes. A ollada inocente do Gaspariño, a súa sabedoría infantil e a difícil relación co mundo dos adultos vinculábano ao Balbino de Neira Vilas, como acertadamente sinala Carballo no seu ensaio. Sen desmerecer os demais autores que cultivaron este formato naqueles anos, é probable que as de Gaspariño sexan as tiras de prensa máis relevantes da década e o feito de teren sido xa recompiladas en dous volumes no ano 1978 dá idea da súa popularidade. Ademais, trátase dun dos traballos que mellor reflicte a evolución gráfica de Marín, permitíndonos contemplar como foron aparecendo e consolidándose algúns dos elementos característicos do seu debuxo. Estamos perante un material que demanda hoxe unha reedición completa, cronolóxica e debidamente restaurada. Ademais de con materiais adicionais que o autor podería achegar, o volume podería completarse con outras tiras do propio Marín, especialmente coas de Lixandre, outro personaxe infantil que debuxou para El Ideal Gallego entre 1977 e 1979.

Tampouco se comprende que a día de hoxe non exista unha reedición de 2 Viaxes, considerado o primeiro libro de banda deseñada galega e do que só existe a súa primeira edición de 1975. A necesidade da súa recuperación non só está xustificada polo seu carácter primordial, senón tamén porque os dous relatos que o compoñen, A longa viaxe de volta dende as estrelas de Marín e Saga de Torna no Tempo de Reimundo Patiño, recollen a visión que os autores tiñan sobre os problemas da sociedade galega naquela altura, ao tempo que ilustran os motivos polos que consideraban necesaria una BD galega, politicamente comprometida e dirixida ao gran público.

Aínda habería máis. Sería interesante unha recuperación tamén debidamente restaurada dos materiais que conformaron o primeiro número de A Cova das Choias, primeira revista de BD galega, acompañados dos materiais que ficaran excluídos daquela e dos destinados ao segundo número, que non chegou a ver a luz. Poderían complementarse cos restantes traballos dos membros do Grupo do Castro, dende as tiras de Luís Esperante (Historias dunha vella descoñecida) até os moitos materiais dispersos que Chichi Campos desenvolvería en anos posteriores.

Cando falamos da necesidade de reeditar estes clásicos da BDG non nos referimos só a darlle unha nova vida comercial a unha serie de títulos significativos, senón a restaurar un patrimonio cultural esencial, polo que cómpre preguntarnos se non sería esixible o apoio institucional a calquera iniciativa editorial que xurdira. Non entraría este labor dentro das obrigas dos poderes públicos de coidar o patrimonio histórico e artístico de Galicia e de promover e defender a cultura galega? Sería imaxinable que os títulos de Rosalía, Pondal, Cunqueiro e tantos outros fosen imposibles de atopar hoxe en librarías?

‘2 viaxes’, Brais Pinto.

Bibliografía

Carballo, Xulio (2019):  Os pioneiros da banda deseñada galega 1971-1979. Xerais. Vigo.

Crespo, Rosario (2017): “Precedentes del cómic gallego” en Revista Tebeosfera, tercera época, n.º 4. Sevilla.

Harguindey, Breixo (2006): “As Cantigas de Santa María: Obra mestra das orixes da historieta” en Boletín Galego de Literatura n.º 35. Santiago de Compostela.


Source: BIOSBARDIA

2019-03-28T07:09:34+00:00 28 / 03 / 2019|BiosBardia|