‘Spleen en catro tempos’, a nostalxia do instante

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Spleen en catro tempos’, a nostalxia do instante

‘Spleen en catro tempos’, a nostalxia do instante

César Lorenzo Gil.

Arancha Nogueira (Ourense, 1989) propón en Spleen en catro tempos (Toxosoutos) unha paseata pola cidade na procura dos seus ángulos mortos. Coma un flâneur contemporáneo (con présa, logo falarei diso), a poeta talla os seus poemas como inscricións de nostalxia, máis que de melancolía, esa bile negra que se agocha detrás do significado do xénero do spleen.

Nogueira aproveita este poemario para facer balance e conta nova. Poesía de xuventude que se alimenta de soños destripados conforme muda a perspectiva vital. “e fuches ti, promesa do verán pasado/estúpido tempo de frío/entre rúas de escaparse/o peor dos bicos de nadal”.

Estamos polo tanto diante dunha poesía por veces inxel, por veces solemne, que procura entender o tempo no que vivimos a partir da sorpresa ante a cotidianidade. Conségueo Nogueiras porque opta polo verso correcto, polo ritmo sincopado, por xogar cos sentidos (sobre todo coa vista) e coa memoria: “todo en ti era zona vella/non tiñas medo de nada”. É no ritmo onde máis problemas ten este libro. Os versos, moitas veces, encaixan mal entre si, sobran palabras e caneos na estrutura. Ao final a cesura faise a ollo, prexudicando un tantiño a lectura.

A autora ourensá é máis ambiciosa (e arrisca máis) na construción das imaxes poéticas. Desde o evocador poema “Escaparate”: “toda a xente/abrindo as coxas do manequín”, que abre o libro, percibimos como o seu maior coidado literario se centra en converter iso que olla ou que recorda nunha pegada de beleza. Ten mérito a poeta porque non lle ten medo ao rutinario, ao común, ao colectivo. Hai palabras graves como buganvílea mais tamén urbanizacións de vivendas sociais con canchas deportivas.

Antes dicía que Nogueira pasea con certa présa. É imposible non facelo así hoxe. Nótase présa na camiñada real, a través das cidades do pasado, consciente de que todo ese magma no que arde este libro pode desaparecer diante de novas cidades, novos amores, novos desenganos. Mais tamén sente a poeta a présa pola obsolescencia programada do filtro valencia ou a roupa do Decathlon. Cando a escritora fala de Airbnb en realidade o que quere é inmortalizar para sempre o seu tempo e os seus sinais. Un tempo que foxe, tan efémero coma o panel de aplicacións dun móbil.

♦ Spleen en catro tempos, de Arancha Nogueira. Toxosoutos, 2018. 54 páxinas. ♠12€

 


Source: BIOSBARDIA

2019-05-07T11:09:25+00:00 07 / 05 / 2019|BiosBardia|