‘Sen piedade’, unha fiable novela para maiorías

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Sen piedade’, unha fiable novela para maiorías

‘Sen piedade’, unha fiable novela para maiorías

Pedro Feixoo.

Xesús González Gómez.

Podiamos describir, un pouco apresuradamente, a novela para maiorías como aquela que mestura a desorde e a redundancia, a que disfraza a tradición de novidade, a que combina elementos coñecidos de maneira inédita. Ao lector destas novelas non lle agrada que lle repitan o que xa sabe, mais tampouco gusta de argumentos radicalmente novos. Con estes poucos elementos, podiamos incluír dentro da novela para maiorías a, por agora, última novela de Pedro Feijoo, Sen piedade (Xerais).

Antes de iniciar este intento de recensión, debo aclarar que esta é a primeira novela que leo de Feijóo e penso que domina amplamente as técnicas da novela de maiorías, que sabe o que debe introducir na súa obra e aquilo que debe desbotar e que, mesmo aos non lectores das que denominamos novelas de maiorías, non decepcionará, xa que o autor nunca quere dar, como se dicía en tempos de fame, «gato por lebre».

Cando un le a Feijoo pode convencerse, contra a súa natural disposición ao que o conduciron moitos anos de lectura, de que aínda é posíbel utilizar a linguaxe de maneira puramente referencial. Como se conservase a inocencia edénica de que gozaba antes de que os homes e o tempo a desgastasen. A orde e a aparición das escenas, a aparición e desaparición dos personaxes, os saltos temporais, os títulos dos capítulos (que semellan títulos de cancións pop –ou de rap– á vez que cumpren unha función de achegamento/despegamento da «acción», do que está a ocorrer), todo está concibido a maior gloria da eficacia. O lector, en primeira e última instancia, sabe que pode fiarse do autor –que lle serve o prato ben presentado e a comida ben cocida– e pórse nas súas mans: saben que terá unha viaxe plácida e que 250 páxinas despois chegará a un lugar imprevisíbel mais necesario. A obra cumpre á perfección o precepto aristotélico: «Que as partes dos feitos se compoñan de tal maneira que, colocada fóra de lugar algunha parte, ou suprimida, cambie e se perturbe o todo». Noutras palabras, a obra está ben «cosida». Podiamos prodigar metáforas téxtiles: trama ben urdida, texto trabado, fío argumental que non se perde en momento ningún. Sen piedade é unha desas novelas que se dirixe ao lector que busca exclusivamente pracer… no momento da lectura. Pracer que, nos finais da segunda década do século XXI, obriga o autor a lanzar unha «idea» intimamente vinculada á trama, idea que debe conducir o lector á reflexión: non todo na novela é violencia, droga, alcohol, etc.; os motivos da «aventura» propiciada por Gordo son os mesmos que mergullan nunha fonda melancolía a Teo: o amor infeliz, ou o amor.

Por outra banda, Feijoo sabe dosificar ben os materiais, domina o uso das técnicas de folletín, ou, mellor dito de serie televisiva (que son os folletíns actuais), si, mais a carón das técnicas da novela policial: o aspecto esperpéntico dalgunhas das aventuras dos dous amigos contribúe a engordar o pastel. Noutras palabras, un produto ben elaborado e de fácil dixestión. Perante o «fenómeno» que xa é, seica, Pedro Feijóo, e fronte aos seu «críticos», só cabe reproducir estas palabras de Charles Baudelaire nos seus Consellos aos xoves escritores:

«Moitas das persoas que amo e estimo irrítanse contra as popularidades actuais, Eugène Sue, Paul Féval, logogrifos en acción; mais o talento destas persoas, por moi frívolo que sexa, non existe menos, e a cólera dos meus amigos non existe, ou mais ben existe de menos –porque é tempo perdido, a cousa menos valiosa do mundo. A cuestión non é saber se a literatura do corazón ou da forma é superior á literatura de moda. Isto é unha gran verdade, cando menos para min. Mais non será do todo xusto até que non teñades, no xénero que vos queirades instalar, o mesmo talento que Eugène Sue no seu. Tendes que prender o mesmo interese con outros medios; tendes que posuír unha forza igual e superior nun sentido contrario; dobrade, triplicade, cuadriplicade a dose até chegar a unha concentración igual, e xa non teredes dereito a calumniar o burgués, porque o burgués está en vós. Até aquí, vae victis!, porque nada é máis verdade que a forza, que é a xustiza suprema.»

♦Sen piedade, de Pedro Feijoo , Xerais, 2018. 248 páxinas. ♠16€


Source: BIOSBARDIA

2019-06-05T06:50:19+00:00 05 / 06 / 2019|BiosBardia|