Rosalía aguanta todo?

Inicio/Blogs/BiosBardia/Rosalía aguanta todo?

Rosalía aguanta todo?

Camiseta da casa viguesa Animosa cun lema tirado da obra de Rosalía de Castro.

César Lorenzo Gil.

Hai xa polo menos 15 anos botaban un anuncio na televisión dun pan de forma cuxa principal virtude era que puxeches o que puxeches por riba del ao faceres un sandwich, aguantaba todo. Leituga e peito de perú, bistés a correrlles o sangue e tomate maduro. É a figura de Rosalía de Castro coma aquel pan? Na súa imaxe e memoria é quen de cargar con todas as mensaxes que se relacionan con ela?

Rosalía é nacionalista, feminista, pioneira, brava. Defende os pobres, denuncia a xustiza machista. Ilustra camisetas, láminas e paredes. Inspira unha icona pop por tempada e a súa receita do caldo de gloria enche os bandullos cada 24 de febreiro en Padrón.

A escritora concita un consenso nunca conseguido na sociedade galega perante ningunha outra figura. Non é de agora. Desde practicamente a súa morte, Rosalía é puro símbolo. Rosalía matriarca; Rosalía saudosa, tristeira e picarona. Por buscar a cuadratura do círculo simbólico, no enterro de Rosalía viuse a bandeira galega por primeira vez na historia. Rosalía é coma un enorme porco ideolóxico. Cadaquén colle a súa mera e ela dá para todos os discursos e posicións.

Contra esta Rosalía para todos os públicos reaccionou a investigadora e poeta (con amplo coñecemento sobre a figura e a obra de De Castro) María do Cebreiro. Publicou nas súas redes:

“Rosalía non é de todos

Vou escribir algo que acaso non sexa moi popular, mais que me gustaría que se entendese como unha verdadeira homenaxe ao espírito dunha autora sobre a que levo algún tempo traballando.

Rosalía non é de todos. No limiar das súas Follas deixou claro que escribía para o “pobo que falta”, como diría Deleuze citando a Klee. Un pobo que non había no seu tempo e que non foi chegado. Unha democracia real e non formal, de traballadores precarios, de labradores e de estudantes: unha república de mulleres nunca máis estafadas pola promesa dunha igualdade que, por tempo que pase, aínda non naceu.

Non teño claro que a aparición de Rosalía por todas as partes, como unha verdadeira pantasma do século XXI, contribúa a facela realmente visible. Como calquera escritor ou escritora de calquera época, ela elixiu falar a través da súa obra, e a verdade é que a súa obra (en verso e en prosa, en castelán e en galego) segue estando, en xeral, ausente no sistema de ensino e na maioría das conversas que conforman o debate social sobre a súa figura.

É boa verdade que, grazas ás valiosas achegas dos rosalianistas, nos últimos anos estamos vendo mellorar tanto o traballo de edición da súa produción literaria como o seu coñecemento biográfico. É verdade tamén que moitas iniciativas contemporáneas de reivindicación da súa figura se basean, cada vez máis, en algo tan sinxelo e ao tempo tan difícil como lela. Mais se toda a enerxía social e persoal que investimos nas chapas, cuncas e camisolas a puxésemos en ir ás bibliotecas e procurar as súas palabras (non só as que máis nos gustan ou as máis memorables, senón todas) estariamos rendéndolle un tributo máis eficaz e talvez máis honesto”.

Non se estuda hoxe a obra da autora? Con certeza, a poesía en xeral e a dela non é a excepción non figura por de máis no ensino. Fronte a lecturas recomendadas, a poesía de Rosalía é demasiado clásica, é demasiado adulta para figurar nos plans de estudo básicos. Máis alá da anécdota dalgúns dos seus versos máis cantados, o verdadeiro tesouro da súa expresión artística queda só para adultos que queiran pescudar na morea de libros que, como recorda María do Cebreiro, se publicaron e se seguen a publicar todos os anos.

Mais por outra banda hai que gabar como o Día de Rosalía, que se desenvolve cada 24 de febreiro sen apoio institucional nin publicidade nos medios de comunicación públicos ou privados, se vai convertendo nunha cita fundamental no calendario festivo e cultural de Galicia, xa non só da autoconsciente senón tamén desoutra que habitualmente nin atende a que temos unha cultura propia e viva que fai cousas de seu a diario. É lícito aproveitar a figura de consenso para aumentar a visibilidade do libro galego ou para crear tradicións que vinculen a cidadanía co consumo cultural? Os valores de Rosalía, en calquera caso, están vinculados á democracia, a xustiza social e a beleza. Como ben recorda o presidente da Fundación Rosalía de Castro, o tamén poeta e investigador Anxo Angueira, non é casualidade que a icona de Rosalía cative non só en Galicia senón noutros recantos. Desde os vendidísimos cadernos da casa Animosa ao deseño dos avións de Norwegian Air.


Source: BIOSBARDIA

2019-02-28T07:07:52+00:00 28 / 02 / 2019|BiosBardia|