Rapazas de Polar. Capítulo 7. Final

Inicio/Blogs/BiosBardia/Rapazas de Polar. Capítulo 7. Final

Rapazas de Polar. Capítulo 7. Final

Rapazas de Polar

Por Eva Moreda

Capítulo 7. Final

Pintura ao óleo. CAYLEY ROBINSON/EUROPEANA.

Chegou logo o sábado; pola mañá tiñamos a hora que lle chamaban de estudo, e case toda a pasamos a mirar da fiestra para fóra (estudio, xa se dará vostede conta, era un poñer: moitas liamos novelas ou escribiamos cousas de nós; as que estudaban facíano cunha devoción que non sabiamos de onde colleramos: pero non das monxas). Fomos logo xantar, sen pensar, e logo foi como se a luz do día nos tirase para fóra, cara á poza, pero aquilo, se o pensamos ben, era o que pasaba sempre. Baixando pola corredoira pina para abaixo, unha e dúas e tres miramos para atrás para ver se viña Imogen camiñando connosco: camiñaba, viña, e entón, a cada unha por separado, algo nos pinchaba no corazón dentro: porque se camiñaba connosco tamén aquela vez era porque Imogen era parte de nós. Chegamos ao pé do outeiro, collemos para a poza: xa daquela iamos pensando que Imogen si fora parte de nós, pero agora igual xa non: pero xa lle dixemos que en Polar era difícil pensar o presente, logo o pasado, logo o futuro. Quentándonos o sol, chegamos á poza, e ao primeiro andamos todas ocupadas a nos espir e a nos admirar de como o sol nos entraba pola pel. Fomos para a auga; chapuzamos, mergullamos as cabezas e volvemos saír, como faciamos sempre: pareceunos que estaba a auga máis quente que d’habitude, pero xa lle dicimos agora que nós naqueles simbolismos procurabamos non crer moito. Estabamos, logo, xa todas na auga e vimos que Imogen non; miramos entón para a terraferma e vímola camiñar cara a nós. Alí viña sorrindo, coa pel brillándolle como se a trouxese cuberta de escamas, a cabrona dela: haberanos desculpar pero: a cabrona dela, aló viña como se fose superior a nós: e era.

Non lle imos dicir outra cousa máis que o que pasou: que aló nos botamos todas enriba dela; unhas enriba e outras debaixo. Non o tiñamos tampouco pensado así: isto foi que de dentro de nós saíu aquela forza primeira que tiñamos dentro e que criamos que non, pero Imogen sabía que si. Tamén lle dicimos que coidamos que aquel día botamos fóra de vez todo o que tiñamos daquilo: xa non cremos –mire o que lle dicimos– que nos volva saír nunca máis.

Cando camiñamos de volta para Polar, as monxas a todo nos dixeron que si: tamén é verdade que outra cousa non ían facer. Mirou para nós con ollada torva Sor Mártara a Nova na aula principal, na que nos meteran a todas de urxencia. Mírenme ben: están seguras de que dixeron todo o que tiñan que dicir? Dixemos, Madre. Como non lle iamos dicir, Madre (e era: porque aquelas cousas non deixaban de ser todas accidentes da natureza). Pois será así logo: vaian agora descansar, e, se algunha non dá feito, que vaia canda Sor O’Malley a que lle faga unha cunca de English breakfast. Mañá xa pasou todo. Pasou, Madre, dixemos como un eco, e marchamos. Coidamos que no corredor andaba agachada Sor Elvira Lecumberri, mirando para nós, como querendo e non querendo saír á vez. Nin ladeamos a cara para mirala. Aí nos decatamos que o interese que tiveramos por ela perderámolo todo: estabamos na idade.

A verdade? Quere agora que lle digamos o que é a verdade? Para algunhas de nós, algunha vez, e para Sor Elvira Lecumberri pensamos que tamén, a verdade pode ser o que recordamos de tocar no cabelo húmido de Imogen cando se facía branda e mansa para sempre: branda e mansa, entendemos agora, como nos habemos facer todas algún día.


Source: BIOSBARDIA

2019-12-19T06:37:31+00:00 19 / 12 / 2019|BiosBardia|