Rapazas de Polar. Capítulo 5

Inicio/Blogs/BiosBardia/Rapazas de Polar. Capítulo 5

Rapazas de Polar. Capítulo 5

Rapazas de Polar

Por Eva Moreda

Capítulo 5

Dormitorio, 1953. EUROPEANA.

Con todo isto, empezamos tamén a observar nós mesmas a Sor Elvira Lecumberri: faciámolo sobre todo porque xa de Imogen non nos fiabamos tanto. En observando, vimos, con sorpresa, que moitas veces Sor Elvira lle escapaba un pouco a Imogen. Escapáballe, dicimos, daquela maneira: viámolas as dúas, espiabámolas pola ventá que daba ao patio, recolocando os percais no baúl, e era Imogen a que dicía, ou a que lle liamos nos labios que dicía: Isto aquí, Sor Elvira. E isto acó. Non ve? E Sor Elvira Lecumberri dicía que si, e facía, e logo volvía colocar como o puxera ela antes e logo volvía colocar como dixera Imogen. E Imogen pegábase a ela máis do que facía falta; Sor Elvira vacilaba primeiro pero despois era que si. Que traes hoxe para nos contar, insistiámoslle de noite, xa mudadas, mentres ela cepillaba no cabelo, e xa algunhas de nós tiñamos collidos os cepillos nosos polo puño, con raiba, como para darlle con eles a Imogen unha malleira nas cachas; outras, por detrás, poñíanlles a estas a man no ombreiro, como pra dicir: Pero que: esperemos mellor a oír o que teña que dicir Imogen, que aquí somos todas de crer nas palabras. E Imogen tiña que dicir. Cando lle preguntabamos: e a ver que diches sabido dese home, ela suspiraba e dicía: moitas cousas, porque, sabedes que: Sor Elvira Lecumberri, por moito que se lave e se fregue, non pode toller o olor dese home (nin de todo o que ese home trae con el) de dentro e de enriba dela. Pero estas cousas sempre pasan. Sabedes que lles pasa tamén ás vosas nais cos vosos pais? E que nos ha pasar a nós? Nós contestabámoslle, sen case pensar: Tira esas porcalladas da boca, Imogen. Algo si que queriamos saber máis daquelas cousas, porque estabamos na idade, pero tamén nos repelían: repelíanos pensar na carne de Sor Elvira Lecumberri cheirando a home, pensar nas carnes nosas cheirando a home tamén, un día. Tira esas porcalladas da boca e cóntanos o que importa de verdade. Iso xusto é o que importa, dixo ela: porque ese home, e agora con el Sor Elvira Lecumberri, cheira aos pensamentos que ten dentro do miolo, ás cousas que fixeron seus avós e seus bisavós, cheira ao que somos aquí todas e a aquilo no que debemos converternos. Boh, Imogen, chamabamos entón, derrotadas. Boh. Esquece. Esquece a Sor Elvira Lecumberri. Estamos dispostas a esquecelo todo nós tamén; non somos xa as de hai catro, cinco meses: esquece. (E, por dentro, o pensamento de deixalo sen máis abríanos as carnes, porque eramos mozas e curiosas: pero o máis importante, pensabamos, era facer que Imogen esquecese). Que vou esquecer, retrucaba Imogen. Que vou esquecer, agora que descubrín o máis importante, e vouvos dicir ademais unha cousa: vós todas pensades coma min. Sor Elvira Lecumberri pensa coma min. As monxas, se pensan, pensan tamén coma min, só que non o sabedes aínda. Non o sabedes porque de todo facedes con tal de non saber, e vouvos dicir outra cousa tamén: así non é. Así non se pode andar pola vida: ou que pensades?

Aquela noite, cada unha na cama súa, pensando en todo o que acontecera nos meses anteriores, chegamos todas a unha conclusión semellante a respecto das clases de persoas que habitan o mundo (ou das clases de mulleres que habitaban daquela Polar: teña en conta que, daquela, para nós, aquelas dúas cousas viñan sendo o mesmo). O que aprenderamos era que había a xente simple como era Imogen, neta dun matachín de cochos, e que eles entendían as cousas como lles viñan; que nós –Sor Elvira Lecumberri tamén– tiñamos máis desenvolvido o de dentro, e iso impedíanos sequera mirar sen pechar os ollos para todo o que fose máis grande ca nós. (As monxas, case nin as contabamos: elas eran xente ben roma e non podían nin concibir nos miolos que houbese algo que fose máis grande ca elas). Pensamos logo, no medio de todo, que algo habería que facer. O que, ao primeiro non sabiamos. O que si sabiamos era que agora estabamos todas un pouco máis preto de Sor Elvira Lecumberri: aquilo era algo de consolo, se cadra o único que tivemos naqueles anos en Polar.


Source: BIOSBARDIA

2019-12-05T06:48:06+00:00 05 / 12 / 2019|BiosBardia|