Rapazas de Polar. Capítulo 3

Inicio/Blogs/BiosBardia/Rapazas de Polar. Capítulo 3

Rapazas de Polar. Capítulo 3

Rapazas de Polar

Por Eva Moreda

Capítulo 2

O nome da rapaza, non fará falta que llo digamos, non era de verdade Imogen, pero era polo estilo. Imogen, pois, só tiña unha misión, e esta era: averiguar aquelas cousas todas que queriamos saber da propia boca, do propio corpo, de Sor Elvira Lecumberri. Logo, cando pasou tempo, algunhas de entre nós deron en dicir: Esa Imogen xa sabiamos nós que non. E dicían tamén que Imogen era unha mulier nova que non levaba no colexio tantos anos como levabamos as demais (as demais non poderiamos nomear o día que chegaramos a Polar). Pero todo isto foi a posteriori; non lle imos dicir tampouco que tivésemos unha clarividencia que, a aquela idade, non nos correspondía.

Que como era Imogen de cara e de corpo? Debe crernos se lle dicimos que pouco nos lembramos diso: do que nos lembramos, é, por suposto, das cousas que importan.

Moza alisando o cabelo. MAGNUS ENCKELL.

Mandamos, logo, a Imogen coa misión; xa era pola Inmaculada e facía ben de frío: sabiámolo porque había moitos meses que non nos deixaban as monxas ir bañarnos á poza que había ao pé do monte collendo en dirección contraria a Agromos. Imogen tiña, primeiro de todo, que sentar con, estar preto de Sor Elvira Lecumberri: igual faría unha sobriña máis que unha irmá ou amiga. Da Inmaculada ao solsticio observamos a Imogen achegarse a Sor Elvira Lecumberri, sobre todo no dining hall: e semellábanos que estaba a facer todo o que lle dixeramos, e a facelo ben, pero aínda non esperabamos nada: a aquelas cousas había que darlles tempo. Isto nolo repetía Imogen polas noites no dormitorio se algunha vez mostrabamos máis ansiedade da que tocaba. Chegaron logo as vacacións de Nadal; algo de mágoa si que nos deu, pero igual que nos daba sempre: case non nos afixeramos a Polar despois do verán e xa había que deixalo atrás: sempre en Nadal, case sempre tamén en Semana Santa, menos cando cadraba que algunha tiña pais que marchaban a Roma ou a Florencia pasar o domingo de Pascua e deixábaa quedar no colexio. Daquela vez, porén, non quedou ningunha, e nas casas demos en pensar: e que andará a facer Sor Elvira Lecumberri? E que andará a facer: picábanos dentro, en silencio, a pregunta aquela: algunha vez chegamos a poñer a pluma enriba do papel para ver de escribirlle a Imogen, e que nos contase. Pero mellor que non; decidimos, cada unha de nós por si mesma, que non: nas vacacións preferiamos non falarmos moito as unhas coas outras, menos cando por casualidade nos atopabamos entrando ou saíndo de misas, que aquela época do ano era sempre de ir a moitas misas. O día que volvemos, catro de entre nós xuraron que viran a Sor Elvira Lecumberri nas festas (unha na Coruña, dúas en Vigo, unha en Betanzos). e sempre naquelas visións Sor Elvira Lecumberri levaba pantalón e non levaba cofia, pero todo aquilo decidimos axiña –aínda antes de rematar o primeiro almorzo– que non quería dicir nada: porque sabiamos que todas aquelas coincidencias non podían ser outra cousa que os restos de alucinacións que nos viñan cando estabamos soas, sen o abrigo que nos daban as demais en Polar. Deixámolo de lado, pois, e volvemos ás nosas tarefas: aínda nos doían os ósos da viaxe, o día anterior, no Castromil. Seguimos logo polo segundo term adiante a mirar para Imogen. Imogen, mentres as outras rapazas contaban na mesa das súas visións, quedara mirando, sorrindo de esguello. E logo que?, preguntámoslle. Que? E non sabes que diante das monxas non se pode, non se debe sorrir: iso sabémolo desde o primeiro día que entramos polo portón adiante. Pero, dixo ela. Pero: eu ando on a mission: xa vos esqueceu? Xiramos  entón a cabeza, vimos na mesa das monxas a Sor Elvira Lecumberri empuxar con delicadeza un biscoito ata o padal mesmo: suspiramos todas á vez, pero é tamén que o primeiro, o segundo día de volver a Polar andabamos sempre ben sensibles. Logo tocou o timbre e fomos para as clases: Sor Chinta, Sor Dolor, Sor Mártara a Nova. Aprender non aprendiamos moito en Polar, era verdade: pero só a un estranxeiro ou a unha persoa con ben pouco de coñecemento do que eramos nós se lle ocorrería pensar que estabamos aló para aprender: non; estabamos para estar en Polar, as unhas coas outras.


Source: BIOSBARDIA

2019-11-22T06:39:20+00:00 22 / 11 / 2019|BiosBardia|