Rapazas de Polar. Capítulo 2

Inicio/Blogs/BiosBardia/Rapazas de Polar. Capítulo 2

Rapazas de Polar. Capítulo 2

Rapazas de Polar

Por Eva Moreda

Capítulo 2

De volta do Nadal, algo de todo isto levaramos para Polar: pero foi con tanto disimulo que case quedou en nada, porque, de todo o que fose faxcismo, as monxas non querían nin oír falar. Nós ben sabiamos que era todo por facer ver o que non era: porque unha vez, anos antes, case lles pecharan o colexio a conta do fax-cismo. Viñera unha inspectora, ben altiva, ben cinchada cun abrigo escuro que marcaba a cintura: eramos daquela aínda todas novas e xuntabámonos detrás das portas entreabertas para vela pasar: como ía falar con Sor Dolor, con Sor Mártara a Nova, e mesmo coas que en Polar pouco mandaban: Sor Mártara a Vella, Sor O’Malley, Sor Chinta, Sor Radegunda. Cando ía a inspectora falar con esta última, a Sor Dolor, a Sor Mártara a Nova, poñíanselles grandes os ollos de horror. Sor Radegunda, aínda que estaba paralizada de cintura para abaixo e case todo o tempo o pasaba na cela, estudara de noviña en Hildesheim e gustaba de todo o que cheirase a Alemaña: estaba subscrita a revistas que lle chegaban co correo e estudaba de aló as linguas antigas, aínda que a nós do que nos daba clase era de matemáticas. Foi a inspectora pola cela de Sor Radegunda, logo, e dixo de ver as revistas: viunas e pasar non pasara nada de importancia, pero Sor Radegunda, Sor Mártara a Nova, espantaran e dixeran: Aquí en Polar, pola porta adiante, estas cousas non entran máis. Polo menos no que se ve. Nós, coitadas monxas que somos, só podemos coidarnos das cousas que se ven; do demais, xa se coidará cada un ou cada unha. E así fora. Quedara entón prohibido, non o faxcismo, porque non había que nomealo, senón, en xeral, moitas cousas que viñesen do século (unhas si e outras non: non había tampouco unha regra fixa, e debeu ser aquela a operación máis intelixente que botaron para adiante nunca as monxas). E así, cando fora o de Sor Elvira Lecumberri, as monxas nada dixeran, nin para arriba nin para abaixo: só unha vez que lle tiramos algo da lingua a Sor Mártara a Vella, no tempo que aínda daba clases de costura, dixo: “Cousas así pasan sempre en todos os conventos. Que lle queren: está na idade esa Elvira Lecumberri”.

A cociña do Hôtel Dieu of Baines, en Francia. EUROPEANA.

A primeira clase de costura fixemos todas por chamar moito a Sor Elvira Lecumberri para que nos axudase con isto, con aquilo –antes case nunca a chamabamos, porque explicaba tan ben as cousas que entendiamos á primeira– e todas as veces a chamabamos así: Sor Elvira Lecumberri. Xa viramos que levar levaba cofia, pero. Sor Elvira Lecumberri isto, Sor Elvira Lecumberri aquilo; axúdeme con este pespunte, faga o favor, Sor Elvira Lecumberri. Ela todo o facía: non cun sorriso, pero é porque xa daquela ben pouco sorría: en Polar só sorrían as monxas máis vellas. Daquel facer concluímos que era outra vez monxa: iso convertíaa na primeira persoa que coñeciamos na carne que estivera casada e agora xa non o estaba. Baixando a Agromos os domingos despois da misa, algunha mercara o xornal aquel –cando chegaba, que a Agromos non sempre chegaba– por ver se algo máis dabamos sabido do home aquel co que estivera casada Sor Elvira Lecumberri: queriamos, agora o comprendemos algo mellor, verlle a cara, verlle o corpo, ver se Sor Elvira Lecumberri tamén lle tería cortado a roupa enriba da pel como nos mandaba cortala a nós. No xornal, cando o dabamos mercado, viamos nada máis o nome impreso: normal; pero polo menos servía para dármonos conta de que o señor aquel existir existía. Chegou o San Martiño, e foi aquel o primeiro ano, tamén o derradeiro, que en Polar se fixo matanza: mandáralle Sor Dolor a Sor O’Malley criar un bácoro por fóra da cociña, e Sor O’Malley, que era muda e irlandesa, criárao ben e dera non se encariñado, pero logo o día da matanza (coa inexperiencia, porque xa daquela pensabamos que Sor O’Malley moito máis vella ca nós non debía ser) púxose todo perdido e clamou Sor Dolor: Máis disto xa non; claro que non. Chegou o San Martiño, pois, e xa daquela queriamos saber máis de todo: do señor, da vida conxugal que levaba con Sor Elvira Lecumberri; ver, tamén, por que Sor Elvira Lecumberri marchara de canda nós e agora volvía. No fondo, queriamos pensar que Sor Elvira Lecumberri voltara por nós, para vernos tomarnos as medidas as unhas ás outras e probarnos saias e blusas que nunca se nos ocorrería levar fóra da aula bendita de costura.

Namentres, estudabamos a Sor Elvira Lecumberri no dining hall e criamos adiviñar que as monxas a trataban diferente:  con admiración, pensabamos, con condescendencia tamén. Sor Elvira Lecumberri estaba pálida (porque antes tiña un ton de caramelo, tanned, que dicía Sor Dolor; esa cor perdeuna e nunca a recuperou, non sabemos se no matrimonio, se antes ou se despois), e tamén toda seria, pero seria xa estaba antes de casar. Na mesa, falar falaba e tamén lle falaban as demais; de que, non sabemos: sempre fora un misterio de que falaban as monxas entre elas, pero queriamos ver que Sor Mártara a Nova lle falaba a Sor Elvira Lecumberri cun aquel de condescendencia, como cando nos dicía a nós: Isto que querían facer, de bañarse na poza vostedes soas sen levar os pololos, non o deron feito. Non o van facer e non o deron feito, e por que: porque non é así, porque non se pode. Ou que. Espiabamos logo a Sor Elvira Lecumberri fóra da mesa: tomabamos notas do que facía, viamos que baixaba soa a Agromos, que subía, a horas que non eran moi aló: pero saber non sabiamos tampouco como facía antes de marchar, así que. Seguimos anotando, e pouco aprendemos. Foi entón cando se nos formou dentro a todas o pensamento de algo máis tiñamos que facer se queriamos saber algo que pagase a pena sobre Sor Elvira Lecumberri.

Entón, nós, que sempre todo o fixeramos xuntas, decidimos que, para achegarse a Sor Elvira Lecumberri, que era o que había que facer, tiña que ser unha soa que o fixese no nome de todas as demais: xa daquela entendiamos que algunhas cousas é mellor facelas de unha en unha. Escollemos logo unha de nós, á que chamaremos Imogen.

CAPÍTULO 1


Source: BIOSBARDIA

2019-11-15T06:45:49+00:00 15 / 11 / 2019|BiosBardia|