Rapazas de Polar. Capítulo 1

Inicio/Blogs/BiosBardia/Rapazas de Polar. Capítulo 1

Rapazas de Polar. Capítulo 1

Desde a fundación de Biosbardia hai case cinco anos foi arela desta revista ter a oportunidade de publicar creación. Neste tempo tivemos ocasión, grazas á confianza de autoras e autores, de difundir desde esta web poesía, cómic e relato, incluso un proxecto narrativo complexo:: a compilación de seis historias, o Sextete, de Bieito Iglesias. Hoxe cumprimos unha vella arela. Iniciamos a publicación da nouvelle Rapazas de Polar, de Eva Moreda. Por entregas, cada semana un novo capítulo. Pasen e lean.

Rapazas de Polar

Por Eva Moreda

Capítulo 1

Mirabamos todas, postas de puntas tras da fiestra, para Sor Elvira Lecumberri subir cara ao Polar, o colexio, pola corredoira pina que tiraba desde Agromos, o lugar. Sor Elvira Lecumberri, dicimos, aínda que da última vez que a viramos xa non era Sor: deixara o monacato, deixara Polar, para casar no século. Aló subía con aqueles andares que sempre tivera; pode ser que algo máis encollida, pensabamos algunhas, ela que era unha muller tan tan alta. Podía ser, podía non ser: xa estaba a se facer noite e custábanos xa poñernos de puntas, saciadas como estabamos despois da enchenta que sempre se facía en Polar o día antes de empezar o curso (porque Sor Dolor, a superiora, era anglófila, e gustábanlle ben aquelas cerimonias todas: xa empezabamos a entender). Fora aquel o segundo ano que non sentara Sor Elvira Lecumberri no medio de todas nós: pero, matinabamos agora, ben arriba, terceiro ano sen ela xa non ía haber. (Na escuridade, a forza de mirar, distinguimos que levaba un chapeu, dos que levaban as señoritas, as nosas irmás máis vellas, por poñer un exemplo, pero non lle dabamos visto se debaixo levaba cofia, e isto aínda que algunha de nós ben teimaba por ver e case sacaba medio corpo da fiestra para fóra: aínda éramos novas e faciamos aquelas cousas).

Mozas cosendo onda a xanela. ALBERT EDELFELT.

Terceira hora, díxonos para o outro día Sor Mártara a Nova ao ditarnos os horarios: Costura. Costura?, preguntamos. Costura. Iso dixen. Andan vostedes xordas ou que: a ver se lle vou ter que dicir a Sor Priscila que non veña xa máis. (Sor Priscila era unha monxa guapísima que non vivía en Polar: vivía na Coruña cos pais, e unha ou dúas veces ao mes viña tocar o órgano e ensaiarnos: que facía en Coruña cando non estaba con nós, non sabemos). Copiamos, logo, coa man que xa non podiamos nin aguantar o lapis dereito: Costura. Costura, por dicirlle, era o que ensinaba Sor Elvira Lecumberri cando aínda era monxa: facíanos poñer en parellas, nunca as mesmas, tomarnos as medidas as unhas ás outras, cortarnos a roupa sobre o corpo mesmo: e non eran estas tampouco prendas que puidésemos levar en Polar –alí só se podía levar o uniforme, o camisón ou nada–, nin nas nosas casas, pero aquelas prendas tiñámolas coma un tesouro colgadas nos armarios: estabamos na idade. O último día de dous cursos para atrás, chegara Sor Elvira Lecumberri e dixera na aula principal diante de todas que saía de monxa para casar, e case esperabamos que quitase a cofia aló diante nosa, pero non o fixo, e menos mal, que logo axiña nos demos conta de que aquel era un desexo que só podería ter unha cabeza aínda sen formar de todo. Para o outro curso, decidírase que as clases de coser as dese Sor Mártara a Vella, pero non resultou. Sor Mártara a Vella chegaba e mandábanos coller puntos como se fose aquilo calcetar, e non pasara nin un mes cando dixo Sor Dolor que se substituían as clases de costura por unha hora máis de aire libre: e así foi. Foi daquela tamén que se soubera con máis fundamento en Polar con quen casara Elvira Lecumberri: fora logo co director dun xornal, e un xornal que algunhas de nós coñeciámonos das nosas casas: porque o empezaran a traer os nosos irmáns máis vellos –os que andaban a estudar para cousas como Notarías, Comercio e logo no tempo de leisure escribían poemas–, e os papás rosmaban e dicían: a ver que trapallada traes: moito vos gusta aos mozos facer o que pensades que non queremos que fagades (as mamás non dicían nada, porque andaban a outras cousas), pero logo remataban os papás lendo eles mesmos o xornal cando se aburrían, e dicindo: Vouvos dicir unha cousa: que a ver se isto do FAX-CIS-MO vai ter o seu aquel (dicíano así: ben sabiamos algunhas que os papás tan torpes non eran, pero pronunciábano daquel xeito para facer ver que a eles estas modernidades algo vellos os collían xa). A nosoutras, en troques, o FAX-CIS-MO collíanos novas de máis, e sen querer saber se o mundo (non do presente, senón o que ía vir dentro de pouco: o dos nosos irmáns) había ser para nós. Nós estabamos, queriamos estar, a outras cousas. Así e todo, de tanto oír, o señor aquel convertérase para algunhas de nós nun household name: un señor que de poeta virara en director de xornal: se iso se podía, todo se podía, matinabamos, ou ía poderse axiña. (Mesmo unha rapaza ía poder virar en director de xornal, pensabamos algunhas). Aquel ano, cando volveramos á casa polo Nadal, algunhas de nós deramos en ler o xornal aquel cando cadraba que os papás ou os irmáns o mercaban. Liamos para ver se de casualidade saía o nome de Sor Elvira Lecumberri, agora só Elvira Lecumberri, e algunha vez si: dúas veces, as dúas por facer obras de caridade, que era unha cousa que tamén faciamos nós; aquilo decepcionábanos, pero diciamos para dentro: unha vez que se sae ao mundo, haberá que facer de todo. Fantaseabamos tamén que ás rapazas aquelas ás que lles facía caridade nunca lles diría de medir, de cortar a roupa sobre o propio corpo. Enténdanos ben: nós oiamos do faxcismo como oiamos de tantas outras cousas: vacinas, catastros, confeccións: esas eran cousas dos nosos pais, dos irmáns tamén, as que os tiñan. Non nos escapaba, porén, o repoludos e ben guapos que se puxeran algúns dos papás co faxcismo, como se fose a segunda mocidade: peiteaban o pelo para atrás, barbeábanse con tino, mercaban traxes novos: e máis dunha e de dúas ben máis novas ca eles quedábanlles a mirar polas rúas; a nós, se iamos con eles, algo celosas nos poñían tamén aquelas outras mulleres. O mundo vai cambiar, dicían nosos irmáns máis vellos para explicalo: pero os irmáns máis vellos dicían tantas cousas (e moitas, xusto, de cambiar o mundo ou de non cambialo) que non lles faciaos tampouco moito caso.


Source: BIOSBARDIA

2019-11-08T07:13:32+00:00 08 / 11 / 2019|BiosBardia|