Queizán, unha muller que escribe unha historia de mulleres

Inicio/Blogs/BiosBardia/Queizán, unha muller que escribe unha historia de mulleres

Queizán, unha muller que escribe unha historia de mulleres

Xesús González Gómez.

Vivir a galope, como avanzabamos na anterior entrega, goza de todas as características das biografías e/ou libros de memorias: a defensa, a autodefensa, a rectificación dos erros dos outros, etc. O se mostrar como modelo, nunha palabra. É dicir, o libro de memorias quere ser unha defensa da traxectoria da persoa que o escribiu e, polo tanto, entra de cheo no que poderiamos denominar «guerra» literaria e de ideas ao seren sempre as memorias (ou autobiografías) textos xustificatorios e proposicións de canon (literario, político, social, de conduta, etc,), o que en si mesmo non ten nada de malo, o importante, o interesante é saber se ese libro goza das características diso que se se adoita chamar literatura. Ao cabo, podemos non tomar como modelo ese escritor ou esa escritora e, non obstante, gozar lendo a súa autobiografía. Con todo, non se debe esquecer a parcela que de voyeurismo, cotilleo e curiosidade sente lector de libros de memorias, de dietarios, de autobiografías; e está fóra de toda dúbida que Vivir a galope, como calquera outro libro destas características, repitámolo, non se salva desta lectura, digamos, malsá. Talvez por esta razón cando se comenta este tipo de libros, o comentarista adoita irse pola aforas. É dicir, incide nunha nimiedade, nun erro, nunha pequenez, en algo moi coñecido, en anécdotas sen moita importancia; cando non está aquel outro que, sentíndose aludido, pasa ao ataque empuñando as armas máis cutres que ten no seu poder, que ao mellor son as únicas que ten ao seu alcance.

O libro divídese en cinco partes: «Orixes, guerra e o Vigo industrial (1939-1949)», «De cárcere en cárcere (1949-1962)», «Voda, maternidade e acción política (1962-1974) «A Igrexa e a escritora (1974-1979)» (parte que non ten desperdicio, sobre todo ou ante todo, como «documento»), e «Ritos, sexualidade e literatura (desde 1979)». O volume complétase cunha ampla bibliografía e unha mediateca da autora. Como toda autobiografía que se precie, e como percibirá o lector desta «recensión» polo título da «Primeira parte»,  a presente iníciase coa infancia, coa ausencia dun pai (é filla póstuma) e a súa procura e presenza, mesmo por ausencia, posterior, pasando polo segundo casamento da nai, que a autora non entende, nin nunca entenderá: non só porque súa nai e quen sería seu padrasto son dúas persoas moi diferentes entre si, senón que os seus mundos están completamente enfrontados: como unha muller de familia, digamos, republicana pode casar cun funcionario franquista (director do cárcere de Vigo)?, pasando polas amigas da nenez en Vigo, a familia do pai e a familia da nai, as diversas residencias, Cáceres, Xixón seguindo os destinos do padrasto, a quen sempre desprezará. En Xixón no cárcere de El Coto, no que as «torturas non só eran infrinxidas por homes, senón tamén por mulleres de dereitas moi católicas, as damas de España, que entraban impunemente no cárcere e rompíanlle as costelas, os dentes, as mandíbulas ás rojas recluídas» (p. 187), o que serve para acalar algunhas voces pseudo-feministas que afirman que en 1939 perderon todas as mulleres. As mulleres perderon, sempre lles toca, evidencia innegábel, pero unhas perderon máis que outras, non si? (por outra banda, despois da lectura da última parte da obra o/a leitor/a deducirá doadamente, polo que escribe María Xosé Queizán, que o feminismo ou é anticapitalista, antifascista antirracista e de clase ou non será máis que un apósito); o descubrimento e redescubrimento de Vigo (a autora séntese citadina fronte á maioría do «nacionalismo» galego, aínda que a súa ollada –a súa emoción– non é urbana aínda que non sexa «rural» ou «campesiña» –seguindo unha tradición galega, podiamos dicir que a súa ollada, a súa emoción, é, simplemente, «vilega», coas súas enormes eivas, a empezar por unha falsa tradición– e así as grandes transformacións de Vigo, como a súa destrución, que non se limitou á eliminación dos tranvías, destrución que foi paralela e/ou contemporánea á destrución da maioría das cidades de Europa, e outros lugares, que non foran destruídas pola guerra–, aparecen neste libro só como ilustracións que semellan conformadas por fotografías tiradas por un turista; a afección-paixón polo teatro, a estadía en París e todo o que ela significará nun primeiro momento, o descubrimento do idioma do país, do, digámolo así, galeguismo da man de Antón Beiras e non da mesa-camilla de Ramón Piñeiro como a maioría dos escritores da súa promoción, a iniciación á escrita, os primeiros amores, o matrimonio, a vida en Lugo, a maternidade (si, tamén a maternidade), a primeira novela, a militancia política, a nulidade matrimonial con situacións e feitos que non dubidamos en cualificar de kafkianas, por non subir o ton ante as mentiras proferidas por algunhas das «testemuñas» e outros elementos implicados, os estudos universitarios, finalmente, o cuarto propio que a converte en escritora (opinemos o que opinemos sobre a súa obra literaria, non se pode dubidar de que sen esa posesión do cuarto propio, María Xosé Queizán non sería María Xosé Queizán), e o descubrimento da súa verdadeira sexualidade: o lesbianismo; a loita feminista, e, até o presente, a conformación da propia vida ás esixencias do seu pensamento teórico; mais, inversamente, tamén a adaptación ao seu sistema as esixencias da súa «sensibilidade». É dicir, á súa necesidade de satisfaccións afectivas.

Polo que respecta ao seu pensamento teórico, que parte, segundo propias palabras, da Ilustración (sobre todo Condorcet), de Marx, de Rosalía, de Simone de Beauvoir e outra/os –entre eses outros un convidado que poderá sorprender, e sorprende, a máis dun/ha lector/a: Domingos García-Sabell e o seu ensaio: «As facianas do erotismo contemporáneo» (Ensaios II, Vigo, Galaxia, 1976), que non dubida en cualificar de texto feminista, e que talvez poida servir para unha revalorización do médico compostelán. Porque a de María Xosé Queizán é unha lectura libre dos «prexuízos» freudianos con que foi lido por moitos no seu momento (cando menos por quen isto asina: a lectura que fai a escritora galega obrigoume a unha nova lectura dese texto, que xa tiña esquecido e que no seu día interpretara, globalmente, como un chanzo máis no intento de acabar coa influencia de Freud non só en Galicia, senón en España. Outros chanzos serían, por exemplo, os traballos de Rof Carballo, Luis Cencillo, Jose Luis Pinillos, Laín Entralgo e outros); repetimos, polo que respecta ao seu pensamento teórico, ao que dedica bastantes páxinas, como á súa obra literaria, non diremos palabra. Ora ben, sobre o primeiro reproducimos uns parágrafos que colocan a autora lonxe de todo papanatismo e de toda nostalxia e falso progresismo: «Non me agrada ese tipo de ecoloxistas que compran en tendas especializadas alimentos “puros” a prezos desorbitados. Deixando á parte que non sempre son de boa calidade e que escapan do control sanitario, mesmo se fosen excelentes estarían fóra do alcance da maioría da poboación. Os primitivos polos de curral, que comían millo e picaban toda canta porcallada encontraban no campo, eran máis substanciosos que os de granxa. Agora todo o mundo come polo. Antes comíano só os ricos polo Nadal» (p. 74), ou (p. 79): «Os cultivos masivos, os tratamentos químicos, os conservantes, a manutención dos animais… restan sabor aos alimentos. Son menos saborosos, si, pero tamén máis hixiénicos e con maior control de calidade, a pesar dos atropelos cometidos pola insaciable avaricia dos comerciantes». Para acabarmos este «apartado», quedo cunha frase que, infelizmente, non acabamos de asumir con todas as súas consecuencias: «A “identidade”, unha abstracción esencialista, algo indefinible» (p. 580).

Hai tamén opinións sobre persoas e persoeiros: Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio, Ramón Piñeiro, Ramón Lorenzo, Bernardiño Graña, Carme Graña e un longo etcétera, sobre todo na quinta parte. Reproduce unha «cantiga de escarnio» contra ela e quen era seu marido naquel momento, cantiga asinada por «Pero de Fonlor» e que Queizán apón a autoría a López Casanova, García-Bodaño e Carlos Casares, aínda que penso que o autor só foi un dos tres; poema que evidencia certa ruindade e baixeza moral –e política– por parte do(s) seu(s) autore(s)[1]. Tamén se reproduce o «oficio» mediante o cal é expulsada da Unión do Pobo Galego; oficio, ou documento, que non ten desperdicio. Outras son opinións, deitadas ao cabo dos anos, sobre feitos, ideoloxías, etc. Ou sobre acontecementos que hoxe denominamos «históricos»: nacemento da UPG, folga xeral de Vigo en 1972, nacemento da Asociación Galega da Muller e a súa destrución debido a intereses partidarios, etcétera. Por exemplo, na p. 250 cárgase contra o bolxevismo, e lese despois: «seguindo a Lenin e Stalin chegaron Tito, Mao, Pol Pot, Hochi Minch (sic e resic), Kin Sung, Ceacescu, Fidel Castro entre outros, para sementar opresión é morte». Esta é, evidentemente, unha opinión escrita –emitida– pola autora no momento da redacción das súas memorias ou autobiografía, mais cando militaba (no primeiro lustro da década de 1970) na Unión do Pobo Galego, que quería ser o Partido Comunista do Pobo Galego, pensaba o mesmo? Non o sabemos, non di palabra sobre o tema, xa que a maioría das opinións que deita son a posteriori. É dicir, non sabemos que opinaba no momento en que se producían certos feitos, só a súa opinión moitos anos despois, de aí que poidamos, en certos intres, dubidar da «autenticidade», sen negarmos a sinceridade, da autora. Sinceridade que fica demostrada, acho, entre outros, por estes parágrafos: «A escrita autobiográfica, non deixo de constatar, é así mesmo un descubrimento. É a presenza dun pasado descoñecido co que interactuo (sic). Non só sobre min, senón sobre as persoas que tiveron un papel fundamental na miña vida. Unha responsabilidade comigo mesma e co acontecer histórico» (p. 405). Da ultima frase estariamos de acordo coa primeira parte, porque somos (ou son) daqueles que asinarían a definición de autobiografía de Georges Gusdorf: «o espello en que a persoa reflicte a súa propia imaxe», concibida como un «outro eu-mesmo, dun dobre do meu ser»[2], o que lembra moi oportunamente o Lacan que investiga o «estadio do espello» como formador da función do eu[3]. Tampouco hai que esquecer estoutras palabras de Gusdorf que, na miña opinión, son «capitais» no que e refire á escrita das autobiografías (ou memorias): «O privilexio da autobiografía consiste […] en que nos mostre non as etapas dun desenvolvemento, cuxo inventario é tarefa de historiador, senón o esforzo dun creador para dotar de sentido á súa propia lenda». Noutras palabras, o compromiso, ou a responsabilidade, co acontecer histórico daquel/a que escribe a súa autobiografía adoita ser secundaria e, ás máis das veces, autopropagandística: debería ser, en última instancia, o/a lector/a quen afirmase ou negase esa responsabilidade. Non obstante, penso que eses parágrafos están colocados moi estratexicamente, entre as sete anteriores páxinas e as sete que continúan os parágrafos transcritos.

Acho, finalmente, que, deixando de lado os considerandos que enumeramos, o libro falla –como obra literaria– por ser incapaz a autora de achar unha linguaxe que fose fiel ao sabor, incomparábel, da experiencia persoal: a escrita, a linguaxe é demasiado «plana». Non soubo inventar, crear, unha linguaxe flexíbel (dúctil) e abondo variada para dicir a diversidade. Dicir, no sentido oral, as contradicións (que só aparecen, ou se fan visíbeis, malgré a autora), os detalles íntimos, as «nadas» e «baleiros», os encadeamentos desas pequenas percepcións cuxo tecido constitúe a existencia única de cada persoa: é, talvez, nos detalles nimios onde brilla a autenticidade, por exemplo, de Lois Tobío en As décadas de T. L. (por referírmonos a un autor galego). María Xosé Queizán formulouse, e argallou, o seu libro segundo o modelo «ideolóxico» que describiamos na primeira parte desta recensión, non procurou, ou non soubo atopar, pensamos, un estilo apropiado ao seu obxecto, un obxecto que non é exterior, que non é nada «obxectivo»: é o eu do escritor, a súa existencia persoal, na súa infinita complexidade e na súa diferenza absoluta. Noutras palabras, persoalmente pensamos –sen tirarlle ao libro un ápice da importancia que poida ter, ou ten, como documento e, tamén, como intento, falido, de auto-indagación– que Vivir a galope non entra dentro do territorio dese espazo que un día Maurice Blanchot denominou literario. Un espazo no que non entran moitas obras, moitos escritos, de escritores e escritoras consideradas ou tidas como grandes. Mais se ben, para nós non entra dentro do «espazo literario», tamén cómpre afirmar, seguindo a Sidonie Smith[4], Vivir a galope non se converteu nun libro dunha muller que escribe unha historia de homes, como acontece con tantas autobiografías de mulleres: é un libro escrito por unha muller que escribe unha historia de mulleres: talvez nisto radique a súa maior importancia.

[1] Autor tamén dos outros poemas que eu coñezo e que correron, seica, moito naquel tempo: Dou os datos dun cabrón, asinada por Ollo de Vidro e dedicado a José Luis Varela; Adiviña quen é, asinada por O Gaiteiro e dedicado a Manuel Rabanal (?); Retrato dun imberbe mozo, sen asinar e dedicado, seica, a Luís González Blasco, “Foz”; Lança romanceado do infantón Albertitus, de Nunes de Mando e dedicado a Alberto Míguez; Para un autor de “Ecos”, tamén coñecido polo mal nome de F. ou Ferr., de Eanes do Limiar e dedicado a Xosé Fernández Ferreiro; e O fillo do xuez comprometido, asinado por D. Lopo e dedicado a X. L. Méndez Ferrín). Esta enumeración non quere dicir que non houbese máis destes poemas (sobre o particular, véxase a correspondencia entre Basilio Losada e Ramón Piñeiro, Do sentimento á conciencia de Galicia (Vigo, Galaxia, 2009), as cartas 140 a 144, ambas inclusive, entre outras.)

[2] Georges Gusdorf: «Condiciones y límites de la autobiografía», en Ángel G. Loureiro (coord.): La autobiografía y sus problemas teóricos. Estudio e investigación documental, Suplementos Anthropos, nº 29, Barcelona, 1991, p. 9-18.

[3] Jacques Lacan: «Le stade du miroir comme formateur de la fonction du Je telle qu’elles nous est révélée dans l’expériencie psychanalytique», in Écrits I, París, Éditions du Seuil, 1970, col. Points, núm. 5, p. 89-97.

[4] Sidonie Smith: «Hacía una poética de la autobiografía de mujeres», in Ángel G. Loureiro (coord.): La autobiografía y sus problemas teóricos. Estudio e investigación documental, op. cit., p. 93-105.

♦ Vivir a galope de María Xosé Queizán, Xerais, 2018. 808 páxinas. ♠29€


Source: BIOSBARDIA

2019-11-20T07:24:53+00:00 20 / 11 / 2019|BiosBardia|