‘Prender os fachos, compoñer os ósos’, a busca da imaxe perfecta

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Prender os fachos, compoñer os ósos’, a busca da imaxe perfecta

‘Prender os fachos, compoñer os ósos’, a busca da imaxe perfecta

Carlos Da Aira.

César Lorenzo Gil.

Carlos Da Aira (Elgoibar, Euskadi, 1972) gañou o Premio Cidade de Ourense de poesía 2018 con Prender os fachos, compoñer os ósos, un libro que consolida a aterraxe no campo editorial (é o seu terceiro volume publicado nun período de dous anos) dun poeta que levaba moitos anos practicando a literatura noutros ámbitos distintos ao papel: festivais, improvisación, dinamización sociocultural, performance…

Neste libro, publicado por Espiral Maior, destacan tres conceptos literarios por riba de todo o demais: a busca da imaxe poética perfecta (mediante a evocación, a mestura de campos semánticos, o dominio da metáfora), a harmonía dos versos (recursos literarios clásicos para unha versificación moderna e libérrima) e a pegada social do seu argumentario: o nós por riba do eu. E atándoo todo un eco consciente da nosa propia tradición, con constantes (e sutís) referencias a elementos propios da identidade galega, tanto popular coma culturalista.

Da Aira extrema o seu esforzo no logro desa imaxe, evocadora, orixinal, capaz de levantar o lector do poema e conducilo a outro lugar onde quede fascinado. Coido que ese é o maior logro do libro. O poeta acada o seu obxectivo en varias ocasións: “Un canastro é/unha caixa de mistos/dentro dunha caixa de Schrödinger” (p. 20), (este retrouso aparece en varias ocasións con substantivos diferentes, algo que recorda ás repeticións da poesía medieval). “Aquí houbo unha soa familia chamada aldea,/colonias de morcegos/que predicían o futuro/sen sequera llelo preguntar” (p. 30). “En que momento esquecemos/canto sexo contén a palabra pobo?” (p. 32). “Estamos rodeados de radon/Cada un dos nosos movementos/finaliza nun centímetro cadrado de cuarzo” (p. 38) (recendo aos amuletos medicinais, ao libro de San Cibrán…). O escritor sabe combinar a mirada directa sobre o presente: a uralita, os paus da luz, dunha aldea estática, que sofre os mesmos problemas de soidade, de falta de solidariedade, cunha epopea común: a colectividade como garante do éxito cultural mais tamén a voz dos poetas, dos bardos que desencriptan as voces dos druídas.

A poesía de Prender os fachos, compoñer os ósos é por veces telúrica, cinguida a Bernardino Graña, Ferrín, González Tosar e Olga Novo. Mais Da Aira enfatiza aínda máis certa solemnidade da palabra pronunciada, do verso proclamado (é innegable o pouso da súa experiencia de poeta eminentemente oral), o dominio da aliteración nalgúns poemas (“Nestas cunetas esquecidas hai terra dabondo” (p. 45). Pena é que ás veces os versos non estean traballados de todo e sufran de abundancia de frases feitas, de linguaxe xornalística, algunha rima interna, de certos tics da poesía social que empobrecen o alcance do texto.

Prender os fachos, compoñer os ósos é, evidentemente, un poemario social. O autor utiliza a mirada propia para proxectarse: cara aos máis, nun discurso aglutinador e reivindicativo. Desa terra contaminada polo radon que os sachos xa non violentan encontra o poeta un regueiro de enerxía que busca levantar novas miradas sobre o colectivo. Mais Da Aira escusa o obvio agás contadas pisadas nos clixés da denuncia social. E iso é algo que se agradece, unha ollada elevada, polo tanto literaria, para falar dos conflitos de hoxe en día coa ollada sempre fixada no próximo, no canastro e no voo dos paxaros, como punto de enfoque para lanzar a vista cara ao descoñecido. O poeta a facerse preguntas e non só a dar respostas e receitas: “Un verso non sabe/-tampouco a poeta-/recoñecer a estrutura dun proverbio/como unha pataca a piques de ser apañada descoñece/o paradoxo da súa polisemia/ou as metáforas que se agochan na dureza/das mans que lle arrincarán a pel e lle sacarán os ollos” (p. 49).

♦ Prender os fachos, compoñer os ósos, de Carlos Da Aira. Espiral Maior, 2019. 52 páxinas. ♠13€

 

 


Source: BIOSBARDIA

2020-02-07T06:26:51+00:00 07 / 02 / 2020|BiosBardia|