Os visitantes escuros do Nadal

Inicio/Blogs/BiosBardia/Os visitantes escuros do Nadal

Os visitantes escuros do Nadal

Máscaras de Kukeri en Zidarovo (Bulgaria).

Nati Rey·Miguel García.

As festividades de Nadal compréndense no que se dá a chamar como “duodenario místico”, o período de doce días comprendido entre finais dun ano e comezos do seguinte, coñecido no mundo anglosaxón como os Twlvetide e que hoxe en día podemos situar entre a Noiteboa e a Epifanía. O que moita xente ignora é a escuridade que envolve o ciclo festivo do Nadal.

Astronomicamente esta é a fase do inverno na que o sol cesa o seu movemento estacional, quizais por iso na Anatolia a este período se lle chama Zemheri, o frío terrible.

Mais esa etapa de perda de forza do astro rei ten tamén unha implicación espiritual. En Serbia a estes doce días chamábanselle Некрштени дани, os Días non Bautizados, e considerábase que nesas datas as forzas e os seres malignos estaban máis activos e eran máis perigosos do normal. Un período de sombras que, baixo o influxo da cristianización, entendíase perigoso por comprender o tempo en que Xesús estivo sen bautizar.

Nalgunhas oracións da liturxia católica advírtese desta inmersión no mundo das tebras que non esvaecerá plenamente ata a resurrección de Cristo o Sábado Santo. Así, o Exultet ou pregón pascual refire que por fin totius orbis se sentiat amisisse caliginem (por fin “se sinta libre das tebras que cubrían o orbe enteiro”), por que haec igitur nox est, quae peccatorum tenebras columnae illuminatione purgavit (esta é a noite na que a columna de lume esclareceu as tebras do pecado).

Nesa “noite tan ditosa, na que se funden o ceo e a terra, o humano e o divino”, nese tempo limiar de doce días, o contacto entre o mundo terrenal e o alén é especialmente intenso e perigoso. Xa na tradición pagá do mundo xermánico podemos atopar referencias na saga de Hákon góði a unha serie de cultos aos antepasados e unhas cerimonias de protección ante os Draugr (fantasmas) ou os Aptrgangr (os que camiñan despois da morte), criaturas cualificadas como non mortas e que amosan maior actividade nestas datas. En Grecia inténtase espantar os Kallikantzaroi, uns monstros subterráneos que atormentan a xente con pequenos actos de maldade como agrearlle o leite, mexarlle no lume ou obrigalos a bailar ata a extenuación. En Anatolia estes monstros denominábanse karankoncolos, en Bulgaria karakondjul e en Serbia karakondžula. En concreto, no Pirot, no sueste de Serbia, o patriarca saía fóra da casa chamando polo german, un ser mitolóxico relacionado coa choiva e o pedrazo, gritando o seu nome tres veces e dicindo: “german, german, german, onde sexa que esteas, ven cear agora, e no verán non me deixes ver os teus ollos por ningures”. Logo acendía unha candea, tomaba un sorbo de rakia, probaba un pouco de pan chamado “da boa sorte”, bebía viño e regresaba a súa casa. Nas granxas da península escandinava os patriarcas realizaban ritos de sacrificio en honor dos elves (elfos).

Falando de Galicia, en Salcedo o antropólogo Rafael Quintía documentou o xeito de escorrentar os Trubincos, unha caste de trasnos amigos do enredo e propios do Nadal, que baixaban pola cheminea na noite de Noiteboa. Do mesmo xeito pódese apreciar como en Noite Vella a campá de Coiro (Cangas), ao igual que o fai nas noites de San Xoán, congrega as bruxas na praia de Areas Gordas para celebraren cerimonias satánicas diante do demo en forma de castrón. De aí a expresión de que en “San Silvestre meigas fóra”. Tal era a crenza en que no Nadal o mal podía presentarse con maior facilidade que en Galicia se cría que os que nacían neste tempo podían ser vedoiros, homes ou mulleres-lobo, pois foran concibidos na Coresma, período onde o sexo estaba prohibido.

Representación dos Kallikantzaroi.

No Nadal certos personaxes enmascarados comezaban a desfilar por algunhas vilas galegas co obxectivo de purificar a comunidade e escorrentar os malos espíritos. Xa no século IX o Códice Albeldense describe a procesión de máscaras de animais e de demos (orcum), máscaras que representan o inframundo onde habitan os deuses pagáns, os demos e as ánimas dos mortos que son liberados nestas datas. Por iso, algúns autores vinculan os nosos cigarróns cos kukeri da antiga Tracia, unhas máscaras que encarnan un home disfrazado con peles, careta de madeira decorada con animais totémicos e chocas. Estes kukeri visitan as casas dos veciños dende o Aninovo co fin de espantar os malos espíritos co ruído das súas chocas. No concello da Teixeira a xa perdida figura do murrieiro puido desempeñar esta mesma función. Como ben documenta Carlos Ares na súa recente obra Festividades de Inverno na provincia de Ourense, esta representación vestía antigamente pelicas de animais, “facía soar as chocas (…) e cunha fusta golpeaba e sacaba as murrias das pernas”, establecéndose unha “dobre visión do seu cometido (…) como sandadores no caso de curar as murrias (feridas producidas polo lume e con risco de podrecer) ou transmisores do mal se o que fan e impedir que sexan tratadas”. Para algúns autores esta personaxe puido ser unha representación dos antepasados ou de outros espíritos.

Esta comuñón durante o ciclo de Nadal entre o real e o mitolóxico, entre os vivos e os mortos, iso que Mircea Eliade denominou coincidentia oppositorum, pódese recoñecer nas tradicións galegas que reflicten a presenza das ánimas durante as festividades e os banquetes familiares. Para iso, déixanselles ofrendas as ánimas tal e como amosa un rito documentado en Cualedro, onde se lles ofrecía leite ou cera. Ao igual que na Provenza se lle ofrecía leite e mel ao Bûche de Noël mentres ardía na lareira, e se lle guindaba sal para protexerse das bruxas. Esta tradición das ofrendas aos defuntos foi cristianizada en moitos lugares e neste caso é o Neno Xesús quen, en Noiteboa, baixaba a cear. Dicimos que baixaba, xa que un lugar onde se focalizan os ritos nestas datas é a lareira, o único punto de luz nese tempo de escuridade: o “lume novo”. Así, a lareira non se debe varrer nin se debe apagar o lume, xa que é aí onde acoden os defuntos da familia e onde senta a Virxe María a cambiarlle os cueiros ao Neno Xesús.

O Nadal era, pois, un tempo escuro e perigoso, un bo momento para incentivar, con lume, a Pirunte, Éoo, Aetón e Flegonte, os catro cabalos que tiraban do carro no que viaxaba Helio, a divindade solar da mitoloxía grega, cos seus catro nomes evocando, cada un, a idea de lume, chama e luz. Chega, pois, o tempo de acender o tizón de Nadal, comezar a escorrentar os escuros visitantes, varrer o lume vello e acender o novo.


Source: BIOSBARDIA

2019-12-20T06:26:11+00:00 20 / 12 / 2019|BiosBardia|