Os poetas inventados por Cunqueiro

Inicio/Blogs/BiosBardia/Os poetas inventados por Cunqueiro

Os poetas inventados por Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro.

Xesús González Gómez.

No segundo volume dedicado á poesía de Álvaro Cunqueiro, Poesía 1933-1981: Dona do corpo delgado. Herba aquí e acolá. Outros poemas (Vigo, Editorial Galaxia, 2011), ao coidado de Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger, na sección «Outros poemas» entréganse 13 poemas que se recollen no apartado «Poemas apócrifos». Que son estes poemas «apócrifos»? Simplemente poemas que Álvaro Cunqueiro, algúns dos seus múltiplos pseudónimos, entregaba nas páxinas de «Letras» de Faro de Vigo como traducións de poetas inexistentes –nórdicos, italianos e romaneses– cando eran poemas da súa autoría. Os curadores do libro dan un total de trece poemas compostos por outros tantos poetas «apócrifos» (p. 20-21). Eu mesmo, en Flor de diversos, entreguei dous destes poemas: «O vagabundo», aposto ao suposto poeta romanés Eliano Ardeanu, e «Tantos camiños busquei», do tamén inventado poeta escandinavo Frank Sigmundson… dándoos como traducións orixinais.

Cando fozando nos meus arquivos ía retirando os poemas escritos por poetas ingleses, canadenses, irlandeses, estadounidenses, franceses, belgas, etc. –ou que tal me parecían–, dei cunha serie de poetas que busquei na rede, na Library of Congress (dos USA), no Diccionario Bompiani de Autores, no Dictionary of Irish Literature, Robert Hoogan, Editor-in-Chief, Londres, Aldwych Press, 1996, en The Reader’s Encyclopedie of American Literature, Max J. Herzberg editor, N. Y., Thomas Y. Crowell Company, 1962, varias enciclopedias e antoloxías de poesía inglesa e norteamericana, antoloxías e dicionarios de poesía francesa, na Enciclopedia Larousse, nas Biblioteca Nacional de Francia e Bibloteca Real de Bélxica, así como nas hemerotecas virtuais Galiciana, Prensa Histórica, Biblioteca Nacional de España, a francesa Gallica e a Arca catalá e algunha outra, e que non encontrei por parte ningunha. Non sei quen dixo que se non saes na televisión non existes, hoxe pode afirmarse que se o teu nome non está na rede, é que nin sequera naciches. E os nomes destes poetas, como poetas, non aparecen por parte ningunha, así que, entre parénteses, dámolos como poetas «apócrifos». Velaí, xa que logo, tales poetas e os títulos das súas «composicións», e se a sabemos, a data de aparición no Faro de Vigo. (Tamén xogamos con diversas variantes dos nomes e apelidos de todos esta/es poetas: rien de rien, quero dicir, non deron ningún resultado frutífero; noutras palabras, non apareceu ningún/ha posíbel poeta.)

John Stephan O’Toole, «Sempre unha besta axexa», «traduxo Álvaro Labrada do Libro Nouturnios irlandeses», 1963, 23 de agosto de 1964.

O nome de John Stephan O’Toole non o demos encontrado. Será un poeta «apócrifo»? Cunqueiro dá, mesmo, o título do libro do que tirou o poema, mais, repetimos, non atopamos o nome do poeta, irlandés, por parte ningunha.

Annie Crossband, «A viaxe» (–trad. ao galego de M. M. S.), 22 de abril de 1979. Este nome ligado a este apelido non aparecen tampouco en ningún dos medios consultados por nós.

John Hanne-Milton, «Outro outeiro» (–traducíu de Another Hill Manuel María Seoane), 22 de outubro de 1972. Con este poeta (sic) acontece como cos anteriores: non dei con el na rede nin en ningún dos lugares nos que busquei e iso que, teoricamente, ao entregar Cunqueiro o título dun libro podía pensarse que era mais doado dar con el: non foi así.

Doutro poeta do que non demos con ningún dato é de Harold M. Saville, de quen traduce  o poema «Neste peito de home», poema tirado, segundo o tradutor, A. L., dun libro titulado Os derradeiros amores. Publicouse no xornal vigués o 22 de agosto de 1980.

Robert Pitney, deste autor só demos cos seguintes datos, tirados dunha libraría americana que ten o libro á venda: Pitney, Robert H. Pitney (somos nós quen remarcamos, xgg), Poems 1907-1935, Mount Vernon, N. Y., Walpole Printing Office, 1937. É o mesmo poeta? Manuel María Seoane traduce un poema deste poeta titulado «Amigo de meu quen é», aparecido o 17 de outubro de 1971. Mais, Robert Pitney é Robert H. Pitney? Por outra parte, nin nas hemerotecas mencionadas, nin na Library of Congress aparece o tal Robert H. Pitney.

Procuramos, infrutuosamente, o nome de Patrick Hill. Deste «poeta» tradúcese o poema titulado «…E nembargantes…», 9 de marzo de 1978: non aparece nome de tradutor.

Co nome de Clarence S. Marshall aparecen diversas persoas na rede, mais as informacións que dan sobre elas nos fan sospeitar que ningunha é esta (ou este) poeta, xa que en parte ningunha se di que algunha desas persoas compuxese ou escribise poemas. O seu nome non aparece na Library of Congress e en ningunha das enciclopedias, dicionarios de escritores e antoloxías de poesía consultados, polo que quedamos sen datos deste (ou desta) posíbel poeta, de quen se traduciu o poema: «Despois da tempestade» (trad. ao galego de A.L.), 16 de xuño de 1979.

E co nome de Stephen Allwright acontece como cos anteriores, moitos aparecidos na rede coinciden nome e apelido, máis nada. Anotemos que este é tamén o nome dun fotógrafo máis ou menos famoso, e engadamos que se publicou o 28 de maio de 1980 o poema, «Aquela casa» (–trad. ao galego de A. L.).

Co nome de Pat Paterson, Google entrega como primeira resposta o nome dunha actriz que foi a muller do actor Charles Boyer. Se no canto de Paterson escribimos Patterson (ou sexa, engadimos un t), o nome que salienta é o dun loitador de loita libre, canadense de nación. Aparece noutras persoas cun ou outro apelido, é dicir cun t máis ou menos, e co mesmo nome, mais a ningunha delas se lle pode apoñer que lle dera por facer versos: como os anteriores, e os que seguen, o seu nome non aparece en ningún dos outros sitios consultados por nós. O poema de Paterson que se traduce é «Os dous homes» (–trad. ao galego de A. L.), 2 de marzo de 1980.

Está máis que claro que con estes apelidos, E. Carven-Smuts, só se pode ser un ou un/ha poeta «apócrifo/a». Desta/e poeta entrégase a versión do poema: «Paseante distraído», tradución de M. Mª Seoane, 2 de xaneiro de 1966.

Tampouco o nome de Ellen A. Kramer aparece nas nosas pescudas, como os nomes dos anteriores poetas e dos que veñen a continuación. Desta poeta, A. L. entrega a versión do poema «Todo o que noutrora…», tirado do libro desta autora: Retorno á noite, e apareceu no xornal vigués o 19 de setembro de 1980.

O 24 de setembro de 1978, sen nome de tradutor, entrégase nas páxinas de «Letras» de Faro de Vigo o poema «A hedra», de John Lennox, tirado do libro And the Word is Death (máis ou menos, «E a palabra é morte»), sen nome de tradutor: non atopei ningún libro con este título nas webs e enciclopedias consultadas. John Lennox si aparece, e moito, en Google e en diversas webs e hemerotecas que visitamos e consultamos, mais sempre se refiren ou de John Lennox, un famoso matemático católico, creacionista; ou a un estudoso canadense da lingua: John Lennox Cook.

Outros poetas dos que Cunqueiro, baixo un dos seus pseudónimos, entrega tradución dun poema seu nas páxinas de «Letras» de Faro de Vigo é o, teoricamente, francés Jacques Ploavel, do que se publica o poema «Na romería de Sta. Ana», traducido por M. Mª Seoane e publicado o 1 se decembro de 1974. O poema fala da romaxe que se celebra cada ano na Fisterra francesa á igrexa dedicada en Le Palud (localidade á que se alude na poesía) á devandita Santa. Procurando nos lugares indicados máis enriba, ademais de na Bibliothèque National de France e na Bibliothèque Royale de Bélxica, non demos con ninguén se se chamase de tal maneira e, moito menos, cun poeta con ese nome. É, xa que logo, un poeta «apócrifo»?

Outro poeta que non encontramos é Donald Dale-France, do que se traduce o poema «Coma sempre», pertencente ao libro Fora da casa non hai ren, traducido por Manuel María Seoane e publicado o 8 de xullo de 1973.

Iago Buerger e Xosé-Henrique Costas no citado volume 2 da poesía de Cunqueiro: Poesía 1933-1991, presentan un total de trece (13) poetas «apócrifos»; no aquí damos dezaseis (16!) nomes de poetas que poden ser (ou non) «apócrifos»: é dicir, un total de vinte e nove (29!) poetas e trinta e dous (32 poemas) en primeira instancia «apócrifos» –tendo en conta que de Phyllips ou Phillips Mac Calvert entrega catro poemas–, sen poder descartarmos máis poetas/poemas, pois no noso poder obra unha parte só da ampla nómina de poetas/poemas traducidos polo mindoniense, como xa dixemos. Pode ser que sexan poetas «apócrifos», mais tamén son necesarias outras liñas de investigación para saber se estes poetas existiron ou son, en realidade, poetas «apócrifos», é dicir, as composicións son en realidade do mindoniense, que inventou estes vinte e oito poetas e compuxo 32 poemas asinados por eles. Afirmo que son necesarias outras liñas de investigación, dificultosas para un ou dous individuos. Dificultosas e, por suposto, onerosas.

O 22 de outubro de 1978, Manuel María Seoane entrega a tradución do poema «Unha maneira de Pasar o tempo», incluído no libro What it Means to be Human, de N. Herome Hall, nome que, por suposto non aparece na rede, aínda que esta nos re-dirixa ao seu verdadeiro nome N(ick) Jerome Hall, que si existe: poeta negro norteamericano que viviu un tempo en España; o libro do que se tirou o poema traducido foi publicado en edición bilingüe polas opusdeísticas Ediciones Rialp, na súa colección de poesía «Adonais. O 2 de febreiro de 1974, asinada a tradución por Manuel Mª Seoane, aparecía o poema «Algúns eu, algúns ti, algúns el», de Roland Buselen, que era presentado da seguinte maneira: «A literatura belga en lingua francesa, como a suiza, son un pouco irmáns menores da literatura de Francia, ainda que haxan dado nomes importantes. A Suiza, deu, v.g., un Ramuz. Estes días, tres poetas belgas ven recensións dos seus libros nos xornáes de París, e nas revistas de poesía e literatura. Son Jean Mogin, Roland Buselen e Eugène Savitzkaya –un dos membros do grupo de Liexa “O obradoiro do cabrito”. Mogin é fillo do poeta Norge, e fai unha poesía descarnada e cínica. Buselen é coñecido por uns dez libros de poesía». Pois ben, o nome de Roland Buselen non aparece na rede, nin en ningunha web, o que si aparece é o nome de Roland Busselen, que é este poeta que traduce Manuel Mª Seoane: unha gralla mínima pode conducir a erro.

Mais afirmabamos que son necesarias outras liñas de investigación, e estas liñas non son outras que fozar nos fondos do suplemento do vespertino parisiense Le Monde («Le Monde des livres») e no suplemento do clásico xornal da dereita francesa, Le Figaro, («Le Figaro littèraire», que até inicios da década dos 1970 era unha revista literaria semanal), sen descartarmos, evidentemente, xornais e revistas inglesas. Ambos suplementos (e supomos que esas revistas e xornais ingleses que non coñecemos) reproducían poemas, por un ou outro motivo. Poemas franceses e poemas doutros lugares. Cunqueiro, xa o avisa Armesto Faxinas na súa biografía, usaba moito «Le Monde des livres», e moitos poemas que aparecían neste suplemento, e en «Le Figaro Littéraire», foron traducidos polo mindoniense, como é o caso poema que do poeta surrealista Jean-Pierre Duprey se traduce. Ou un poemiña que deu, na «Taboa revolta das letras» de Mao-Ze-Dong, Mao-Tse-Tung, daquela, poema posto en francés, con axuda dun tradutor do chinés, por Philippe Sollers (e valla o pareado!) e publicado na revista Tel Quel; e outros moitos. Tamén moitas noticias da «Táboa redonda das letras» están tiradas dos devanditos suplementos, polo que para confirmarmos a existencia ou non a existencia destes poemas, dunha parte importante, pensamos, deste poemas/poetas unha fonte case que imprescindíbel son estes suplementos, xa que as veces se publicaban poemas de poetas que nunca publicarían un libro autónomo.

Tampouco se pode desbotar que Cunqueiro coñecera algúns destes poemas mediante revistas provinciais coas que se facía (ao mellor) nas diferentes viaxes que realizou por Europa; ou as encontraba (ás revistas, ou programas de festas, etc.) nas salas dos hoteis ou outros lugares. E tamén pode acontecer que o mindoniense tirase o poema dunha revista literaria e que resultase que fose o único poema que vise lume de esa/e tal poeta: cantos poetas só publicaron un ou dous poemas en revistas literarias ou outras e deles nunca máis se soubo? A millóns. Quen pode afirmar que non existe Jacques Ploavel? Non puido ser que nunha das súas viaxes á Bretaña dera cunha revista, un programa de festas, un boletín local, ou un xornal, que traía ese poema, como anos atrás os programas de festas de moitas vilas galegas entregaban poemas aos seus lectores? Porque, finalmente, parécenmos demasiados poetas apócrifos (a falta de compulsar moitas «traducións» que non podemos consultar). E si en verdade estes poetas son «apócrifos», penso que hai todo un traballo por facer…

Non podemos afirmar categoricamente, repetimos, que estes poetas non existan mais tampouco, de momento, podemos desmentir que sexan «poetas apócrifos». O certo, como dixemos, é que nós non os demos encontrado nin na rede, nin na Library of Congress, nin Bibliothèque National de Francia, nin na Bibliothèque Royale de Bélxica. nin en varios dicionarios de autores, nin antoloxías de poesía inglesa e norteamericana, nin en antoloxías de poesía francesa, nin en diversas hemerotecas dixitais que consultamos, pero pode ser que algúns destes poemas, algúns desta/es poetas, publicasen os seus versos en revistas como Reader’s Digest, ou revistas ou almanaques provincianas, ou… quen sabe. Talvez todo se aclare o día en que se emprenda unha edición completa (e crítica) da obra de Álvaro Cunqueiro (que non exista, nin nos inicios, tal publicación, é unha das maiores mostras da miseria mental –e física, é dicir, económica– das nosas universidades), tanto en galego como en español, labor que debería ser realizada por un equipo. Equipo que debería estar integrado nunha futura (xa que aínda, infelizmente, tampouco existe) «Cátedra Álvaro Cunqueiro», cátedra que debería crear algunha das universidades galegas, tendo como modelo, por exemplo, a «Cátedra Josep Pla», da Universidade de Girona. Mais talvez se chegou demasiado tarde, quen sabe, ben que a este conto se lle pode aplicar o refrán español: «nunca es tarde cuando la dicha es buena».

E para acabarmos con estes poetas dos que nada se sabe e que supomos apócrifos de Álvaro Cunqueiro, velaí un fermoso poema asinado por unha poeta cuxo nome non aparece tampouco en parte ningunha: eu diría que este poema, como moitos dos anteriores, é de Cunqueiro, pero todo isto (o dito e o transcrito) cum grano salis. Quixésemos acabar, diciamos, estas curiosidades reproducindo un poema dunha poeta teoricamente «apócrifa». Penso que se ben ao algúns, ou moitos, dos poemas «apócrifos» de que falamos poida que non sexan de Cunqueiro, este poema está na «liña» dos últimos poemas do escritor galego:

O home que se foi na tardiña

Emily Stuart-Closdell

Dixo adeus, escoitáronse algún tempo

os seus zocos nas laxes do camiño, e fíxose noite.

Aquí debería rematar ista canción.

O home arredouse da porta e foi ollar o lume:

As ovellas dormían soñando fillos de prata. Era a lúa.

Aquí debería rematar ista canción.

Non hai quen poida deter a un vagabundo

que gosta de tocar o seu violín sob as estrelas.

Aquí debería rematar ista canción.

A muller pregúntalle ao vento: quén vos paríu?

E bota ao lume unha folla seca que entrou pola porta.

Aquí debería rematar ista canción.

Canciós, a onde ides? Todas as bocas son diferentes?

O frío mistúrase coa soedade, e a muller chora

derriba do lume, das ovellas pardas, do camiño,

na cunca das suas mans e mais no vento.

O home que se foi na tardiña di: Parez que chove!

E asubía e mira pra o ceo e non hai nubens.

Aquí remata ista canción.

 

(traduciu do inglés Cristóbal Xordán, 20 de xuño de 1972.)

(N.B. – Sentimos non poder entregar estas «traducións» realizadas por Álvaro Cunqueiro mediante os seus pseudónimos, pero como entenderá o lector hai moitos dereitos do autor polo medio e nestes artigos só se trataba de dar unha información xeral e, en particular, de loitar contra as calores estivais de Barcelona.)


Source: BIOSBARDIA

2019-11-06T07:07:01+00:00 06 / 11 / 2019|BiosBardia|