‘Os homes explícanme cousas’, guía práctica do ‘mansplaining’

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Os homes explícanme cousas’, guía práctica do ‘mansplaining’

‘Os homes explícanme cousas’, guía práctica do ‘mansplaining’

Rebecca Solnit.

César Lorenzo Gil.

Sempre é unha boa noticia ver en galego títulos traducidos. Sempre debemos felicitarnos de que se traduzan libros contemporáneos, publicados recentemente nas súas linguas de orixe. Sempre dá gusto ver que esas traducións se afastan do habitual marco da ficción e fan unha aposta (unha aposta arriscada, en galego) por xéneros que nin tan sequera cultivan moito os autores galegos e que contan con poucas coleccións propias, caso do xornalismo.

Por iso é unha moi boa noticia a publicación d’Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, editado por Hércules e traducido por María Fe González Fernández. Este libro, un compendio de textos xornalísticos e divulgativos publicados en inglés entre os anos 2008 e 2014, xa está considerado un dos títulos fundamentais para o feminismo do século XXI. Como se consegue iso cunha obra de 141 páxinas?

Solnit, que foi escollida pola Reader Magazine no 2010 como unha das “25 visionarias que están a mudar o mundo”, logrou definir un neoloxismo que explica un comportamento que por desgraza non ten nada de novo: Eses homes que lle explican cousas, tal e como reza o título, son os causantes do denominado mansplaining, unha conduta que vén significar a actitude condescendente e paternalista dos homes que cuestionan os argumentos e experiencias das mulleres, especialmente cando esas mulleres son doutas e expertas no tema. A propia Solnit conta, con moita graza, momentos nos que ela tivo que aturar como homes (os máis deles descoñecidos para ela) se atreveron a discutirlle sobre temas nos que ela fixera contribucións destacadas cando non imprescindibles sobre un asunto. O artigo que lle dá nome ao libro é o mellor de todo o volume (composto por un total de nove textos) pola súa precisión e orixinalidade. Aínda que só fose por ese caítulo cómpre ler este libro.

Sobre o mansplaining, a propia autora conta como xorde o termo (derivado dos termos ingleses man (home) e to explain (explicar)) e incluso manifesta o seu pouco entusiasmo por el, a pesar de que no 2010 foi declarada palabra do ano polo New York Times. Como curiosidade, en galego hoxe xa se usa esta palabra de xeito frecuente e incluso mediante simpáticos derivados: madridsplaining, por exemplo, goza de grande aceptación nas redes sociais.

O estilo de Solnit é moderado e moi argumentado. O seu feminismo, sen deixar de ser rigoroso e combativo, opta polos datos e non tanto polos cualificativos. Por momentos os ensaios poden parecer simplistas mais coido que iso ten a ver co feito da vertixinosa evolución da literatura feminista na última década. Moitas das cousas das que a autora californiana fala neste libro son hoxe vox populi e incluso se converteron en tópicos habituais nos medios de masas e nas conversas familiares. Contodo, e a pesar desa evolución, Os homes explícanme cousas segue a ser unha ferramenta moi válida para reenfocar a ollada sobre problemas como o tratamento ás violacións ou o papel da muller na historia da arte.

 


Source: BIOSBARDIA

2020-02-06T06:42:51+00:00 06 / 02 / 2020|BiosBardia|