O romanticismo na creación do nacionalismo español

Inicio/Blogs/BiosBardia/O romanticismo na creación do nacionalismo español

O romanticismo na creación do nacionalismo español

DIARIO DE LECTURAS

Luis Cernuda.

Xesús González Gómez.

26-27 de outubro.– En 1996, a Editorial Cátedra deu ao prelo un interesante libro de Philip W. Silver: Reinterpretación del romanticismo español: ruina y restitución. Segundo Silver, a súa indagación sobre o romanticismo español mostra: a) o romanticismo liberal uniuse a un centralismo político nacionalista para axudar a consolidar unha cultura española artificialmente unitaria; b) España non produciu un movemento alto-romántico per se; c) a discontinuidade de Romanticismo e poesía vese recompensada en certo grao por unha restitución ad hoc do alto-romanticismo; d) esta nova redifinición do romanticismo en España achegará unha nova comprensión de moitos outros poetas, ademais de Cernuda e Bécquer (os poetas estudados a fondo neste libro, aínda que no caso de Bécquer se limite á prosa); e f) un movemento como o romanticismo aínda ten máis que ensinarnos que gran parte da teoría literaria ao uso.

Á parte dos capítulos dedicados a Bécquer e Cernuda, hai dous de suma importancia: «O romanticismo e a invencion da España moderna», e dentro deste, o apartado dedicado a «O nacionalismo neo-romántico de 1898». O outro capítulo, «As ruínas do romanticismo» é un intento de redefinición do romanticismo, que non entraremos a discutir máis cuxa importancia non pode deixarse de subliñar.

A tese central de Silver é que en España non houbo un «alto» romanticismo e que este só se dá máis tarde –se «restitúe»–, despois de 1900, sobre todo coa poesía de Luis Cernuda. A hipótese pode ser considerada «polémica» polos hispanistas, mais, persoalmente, acho que ten máis razón que un santo. O romanticismo español non deu un bo poeta nin un bo escritor. Silver afirma que no apoxeo do romanticismo en España non se ve por lado ningún: «un alto romanticismo de corte europeo» (por europeos considéranse aquí os romanticismos francés, alemán e inglés, en menor medida o italiano e non se ten en conta, para nada, o portugués: Alexandre Herculano, Almeida Garret e A. F. de Castilho, que son os nomes que estudou no seu día Teófilo Braga, e aos que se lle poderían engadir, con reservas, nomes como Anthero de Quental e algún outro). Á parte desta afirmación (non houbo alto romanticismo en España), Silver di que poetas considerados como románticos –Espronceda, sobre todo– eran máis «ilustrados» do que románticos. Dunha ilustración porén, tibia (ou nimia) e non revolucionaria. Os herdeiros da Ilustración Española, tan pouca cousa, tan insuficiente, como demostrou no seu día Eduardo Subirats, considerados nas historias da literatura española como pre ou proto-románticos, e mesmo románticos, aborrecían das masas e, por suposto, da democracia.

Se ben non houbo alto romanticismo en España, houbo romanticismo: romanticismo histórico, que segundo Silver foi un romanticismo literario conservador-liberal e moderado e que iría de 1814 a 1844; seguiríalle o Nacional-romanticismo, que cobre toda a época moderada: de 1844 a 1866. E, finalmente, o nacionalismo neo-romántico, é dicir, a famosa xeración do 98 que se aprecia: «pola súa reafirmación das ideas castelán-céntricas liberal-conservadoras, de literatura e nacionalidade». Esta visión filo-castelá da cultura española supón, afirma Silver: «a represión das outras linguas ibéricas, das súas literaturas, das súas tradicións orais e os seus produtos culturais, así como o descrédito do carlismo, o cantonalismo, o federalismo, o plurinacionalismo, o bilingüismo e a autodeterminación». Finalmente, a partir de 1900, a restitución (tomando o termo de Heidegger: restitución resoluta, unha especie de eterno retorno creativo que elimina a continuidade do tempo e dá lugar ao estalido xenial, suprimindo calquera consideración teleolóxica) que culminaría na poesía neo-romántica de Luis Cernuda. Esta restitución explicaría o esplendor da poesía española a partir de 1900.

O romanticismo español, xa que logo, non foi liberal, senón conservador ou, como moito, «moderado». En palabras de Silver, foi «reflexo do pacto liberal-conservador entre unha burguesía anémica e unha aristocracia aínda poderosa». Este pacto, continúa a dicir, Silver, conduciu en 1936 ao levantamento militar. Por outra parte, os herdeiros do romanticismo-liberal, o que se podería denominar esquerda burguesa, eran tamén fillos deste pacto e así desconfiaban tanto das masas proletarias e campesiñas como dos que hoxe se denominan nacionalismos periféricos e que Silver adxectiva como «micronacionalismos». Os intereses estéticos [e económicos, políticos, xa que logo] do conservadorismo e do liberalismo converxeron, afirma Silver, en beneficio mutuo, «mais tamén en detrimento das masas oprimidas»: a «canalla». Un exemplo paradigmático desa converxencia sería, xa anos máis tarde, La velada de Benicarló, de Manuel Azaña.

O libro de Silver é rico en achegas e descubrimentos. Demostra que foi o liberalismo moderado español –que tiña un medo pavoroso ao xacobinismo político mentres proclamaba, defendía e practicaba un xacobinismo administrativo a morte (talvez debín pór os verbos en presente de indicativo)– quen inventou a nación española unha e única, central e, evidentemente, autoritaria. Unha nación feita por Castela, e aquí tanto os republicanos de esquerda como os falanxistas máis intelixentes –Laín Entralgo and company – alíanse dentro e fóra de España para liquidar os iberistas, que Silver simboliza na persoa de Pere Bosch Gimpera: «Por máis que os posteriores historiadores republicanos e falanxistas disentisen da lectura liberal da historia de España, semella que todos abrazasen o dogma liberal dunha nación-estado católica dirixida por Castela e unificada e centralizada dende tempo inmemorial».

Moitas máis cousas, e importantes, achega Silver neste libro: a interpretación da famosa xeración do 98: españolista e filocastelá da historia de España e, sobre todo, foron un importante elo na tradición do nacionalismo romántico castelán-céntrico «galvanizado polo rexurdir cultural, económico e político catalán e vasco de cara a finais do século XIX», só botamos en falta que non se refira nunca ao xa clásico libro de Cecilio Alonso, Literatura y poder (Madrid, Comunicación, 1971), no que, se ben salva –politicamente– a Espronceda e Larra (o capítulo: «Larra y Espronceda: dos liberales impacientes»), demostra o «clasismo» e o imperialismo dos románticos españois: «La nostalgia imperialista o los románticos domesticados» e «Bécquer: el drama de un integrado». Os libros de Silver Alonso son daqueles que lles pon dolor de estómago á maioría dos denominados hispanistas.

Para acabarmos, un libro máis que interesante e que, en certo modo, acaba coa coña esa do romanticismo español e engadamos que para Silver Rosalía pon un problema: como considerala, poeta «española» –así, entre aspas–, galega ou ambas?  Acho que dende aquí, Galicia, as cousas están claras. Ou non?


Source: BIOSBARDIA

2019-03-13T07:15:27+00:00 13 / 03 / 2019|BiosBardia|