O nariz de Cirano

Inicio/Blogs/BiosBardia/O nariz de Cirano

O nariz de Cirano

A Johanna de Bülach

 

Quen son eses “destinados a estaren mortos”? Son os que ata hai unhos anos morrerían na primeira infancia. Interveu a ciencia e salvounos da morte física. Son, pois, sobreviventes, e na súa vida hai algo de artificial, algo “contra natura”. Houbo unha certa ilusión hai tempo -unha de tantas ilusiós estúpidas- de que a “raza” humana melloraría por medio da medicina e da nutrición. Unha breve ilusión. A nova xeración é a máis fraca, fea, triste, esbrancuxada e enfermiza de cantas xeraciós anteriores se lembran. As causas son moitas, e unha delas é a presenza, entre os mozos, dos que deberían ter morrido. Todos eles están deprimidos ou son agresivos, e sempre dun xeito penoso ou desagradable.

Viven, pero terían que estar mortos

Pier Paolo Pasolini, 22 de maio de 1975.

Marcelle Lender danzando. Por Henri Toulouse-Lautrec.

Bieito Iglesias.

Non é fácil explicar por que unha historia ou unha personaxe dan en amolar co seu zunido insistente, ata que te pos á angueira de enfiar un argumento que as sofique ou ben a esmagalas sen dó como ás avespas que viñan pousarse nos pratos de comer ao aire libre o verao pasado, que foi propicio prós enxames porque apenas choveu desde abril. Todo empezou talvez hai un ano, cando vin na internet algús filmes de Stephen Dwoskin e, levado do narigón da curiosidade, lin deseguida un texto do cineasta acerca da ollada escópica, que certamente explica a indiscreción da súa cámara a rexistrar o máis mínimo aceno dunha muller mentres come e conversa cos compañeiros de mesa ou a filmar con complacencia de olláparo a dúas mozas que beben e se arrebollan nun leito. O caso foi que os pensamentos voaron como nun levante de perdices e alcanzaron a boemia do Montmartre fin de siècle. Baixei o fociño ao pión e logo erguino igual que un can de ventos, pra detectar a canela perfumando o viño quente e a atmosfera cargada do Moulin Rouge, abalado por un vendaval de pernas vistas desde un punto de vista baixo, desde o metro cincuenta e dous que levantaba Henri Toulouse-Lautrec. E non fiquei descansado ata dar cun título romancesco pra pór na primeira páxina do cartafol que agora inicio, contentor dos relatos que se cadra chegan a ramo. Anotei de entrada Rinocerontes brancos, dubidando se non sería mellor un troco de paquidermos a favor dos elefantes.

Por algún motivo estaba eu nun erro, inducido pola lembranza dun conto de Méndez Ferrín que describe o sorriso irresistible de Lorelai, comparándoo cun fato de bicornios albinos. Cando, posteriormente, lin un poema de Mallarmé do xénero obsceno e descritivo dunha escena de escopofilia (os versos axexan pola pechadura ou pola fenda dunha porta entreaberta e mostran unha preta riseira trabada na pose do 69 cunha rapariga branca), metéuseme na cachola que o contista se tiña inspirado no poeta galo e que o sorriso de Lorelai e da africana eran intercambiables. Non tal, como acabo de comprobar revisando o texto mallarmeano que usa o símile do elefante pero non o aplica aos dentes senón ao inteiro corpo da diabolesa lúbrica:

Uma negra possesa do demónio quer provar o gosto de uma triste garotita de acerbos frutos de crime sob os trapos que a envolvem. A porca dispõe-se pois aos ardis do seu trabalho. Esfrega, feliz, no ventre duas breves mamas enquanto tão alto que a mão aí não chega rebrilha o escuro golpe das botinas semelhante a uma língua inapta para o gozo. Contra a nudez amedrontada da gazela trémula, qual elefante louco, reclinado no seu dorso, ela espera e compraz-se de zelo sorrindo com os dentes ingénuos à garota. E entre as coxas que a vítima requebra, erguendo a pele negra sob os pêlos encrespados, avança o palato daquela estranha boca pálida e rosa como uma concha marinha.

Henri Toulouse-Lautrec.

Polo tanto O elefante louco, velaquí o cabezallo que podería elixir a partir desta tradución feita por Miguel Serras Pereira en 1987, extraída dun capítulo d´O homem que olha, de Alberto Moravia. Charles Zidler e Joseph Oller, empresarios do espectáculo, abren o cinco de outubro de 1889, no número 90 do boulevard de Clichy, o Moulin Rouge. Esta construción, coas súas aspas xiratorias que pasan a converterse nun emblema de Montmartre, tiña un resío capaz de acoller seis mil clientes presidido por un monumental elefante en papel maché resgatado da Exposición Universal. Henri acompañouse co símbolo proboscidio moitas noites, igual que tamén coincidiu co poeta Stéphane Mallarmé no Irish and American Bar da rue Royale, onde consumían bebidas preparadas por Ralph, barman de traza oriental que abalaba a cocteleira tras dun mostrador inglés de caoba. Pero, trompas á parte, a pertinencia de cazar un elefante entre as acacias dun poema do autor de Un coup de dés jamais n´abolira le hasard xustifícase polo feliz albur de que o romance de Moravia trata do voyeurismo, un asunto central na obra do artista que pasou a vida espiando canelas de bailadoras e arrimos de prostitutas nos bordeis. O covillete de Moravia lanza os dados con tan boa sorte que me dá polo pau:

Aconteceu-me pensar na escopofilia como fonte narrativa, ao ler já não um romance, mas uma poesia do autor que ultimamente tenho apresentado aos meus alunos: Mallarmé.

Eu non podo teorizar cos pupilos das miñas aulas sobre temas así tan elevados, porque os educandos ao meu cargo non admiten máis lírica que as letras do reggaeton, dividíndose en dous bandos irreconciliables pero igualmente refractarios a calquera lección que reborde as fazañas desportivas (os homiños) e os amores con mozotes lindos (as mulleriñas de fociño ferrado). No entanto a cuestión pedagóxica sempre é anoxadiza, en calquera tempo e lugar, como o demostra o homem que olha, profesor igual ca min, ao referirse aos seus alunos obtusos e indiferentes, que pouco agradecen as numerosísimas teorías que lles explica com uma generosidade de que mais tarde me arrependo e envergonho. Tamén non concordo moito cunha súa teoría en particular, aquela que establece que non habería escopofilia fóra da íntima clausura:

Com efeito, enquanto não podemos atribuir à escopofilia a representação de acontecimentos tão públicos como uma festa de baile, é certamente voyeurismo a representação de um facto tão privado como a relação sexual. E isto pela boa razão de que não se faz amor em público e que por isso, quando o romancista nos descrebe dois personagens durante a cópula, na realidade olha e faz-nos olhar através de um imaginario buraco de fechadura.

Acho que Moravia ou a súa mascarita voyeurista ignora a forza da danza, mesmo como metáfora ou sucedáneo do sexo puramente xenital. Pódese comer cos ollos (así me dicía a nai cando remelaba a vista diante do prato: “Tu comes cos ollos”) e tamén copular coas meniñas. Que outra cousa fai un voyeur? Non é preciso un corpo espido  nin a estampa de seres xunguidos pola apea xenital pra vivir praceres delegados. Moravia descoñece o efecto do baile sobre aqueles privados de ensaialo e minimiza o deleite engadido pola música ás apertas do agarrado ou á parada nupcial dos paxaros que revoan escarolando plumas: saia da Goulue, medias negras de Jane Avril, membros estorcegados de Valentin le Désossé. O que máis é, pra quen debe contentarse coa ollada, talvez sexa máis excitante o espectáculo da danza que a ximnasia carnal do filme pornográfico. Por algo Henri omite escenas explícitamente lúbricas mesmo cando pinta no bordel, e non só porque quizais non lle deixaban mirar (ese inconveniente podía subsanalo coas imaxes documentadas nas propias sesiós de fornicio, que de certo viviu ou non acabaría galicoso), senón porque prefería a espera no salón da maison-close, a expectativa antes da irrupción dos clientes, se acaso unha coxa visible ao recachar unha faldra, promisoria dun edén que somente pode gozarse plenamente en potencia.

Estou sentindo, xunto ao rasgueo da caneta sobre o papel, os comentarios de dous lectores de tendencias opostas nesta caste de enchoiadas. Un deles concordará co acerto de omitir, de suxerir no canto de mostrar, pero lamentará que gaste os meus escasos talentos nesta materia sicalíptica, podendo abalroar o misterio da persoa por outro costado máis sentimental ou ternurista, en último caso atacando o grande tema da morte (Este individuo é cristiao e non acredita en epifanías materialistas). O outro verá en todo este cerello do anano a pé de pista pintando as pernas esgalladas dunha danzarina gulosa un reflexo da impotencia. Non concibe, non, un pracer en potencia, unicamente acepta o gozo en acto, aínda que os seus actos, vistos pola pechadura, pequen de precavidos: antes da ameaza da sida copulaba en pelo e mangaba unha camisiña ao baixar a leitada…Non é cristiao senón filisteu.

Non sei por que me acordei de dous hipotéticos lectores, cando outros moitos nunca chegarían a esta altura, trasteando estas notas ao inferno e virándose cara á compaña de cama a fin de introducir algo de ideal na cinsenta vida verdadeira. Tales espíritos prácticos atoparán farraxenta a redacción destas páxinas porque detestan as citas que estorban o desenvolvemento da anécdota, e contodo voume permitir evocar o filme de Ettore Scola Le bal, do que podería dicirse que reviste a forma da felicidade, como a prosa de Stevenson de acreditarmos en Borges. Eu rabeo por estar alí no mostrador da sala de festas, escurruchando o café que caíu da taza ao pratiño, excluído do rebumbio dos bailarinos que abanean os corpos ao longo do século XX, con distintos ritmos e matadoras saudades. Entendo ben a Henri, de orellas guichas acariñadas pola voz de Yvette Guilbert -unha Edith Piaf avant la lettre– porque escoito J´attendrai ou Si tu vas à Rio, n´oublie pas de monter là haut, dans un petit village, caché sous les fleurs sauvages, sur le versant d´un coteau. Presencio a marabilla dos peitos aconchegados e, de ter vivido ese momento, talvez abandonase a sala pra ferrarme un tiro, convicto (como certo suxeito que se matou ao remate dunha función gloriosa de ópera) de que nunca máis alcanzaría éxtase semellante en toda unha vida de matusalén. Identifícome coa ventura e coa dor do desexo contrariado de Lautrec pero aínda me restan tantiñas frases pra desvendar este enigma: por que se despediu dunha viciña, pouco antes de finar, cunha alusión ao naso doutro marxinado da beleza apolínea? Por que dixo Cando morra, terei o nariz de Cirano. A época que me tocou en sortes brincará con cantiguiñas chegadas dos mares caraíbas, con tu nariz en mi pecera e nonadas polo estilo. A min non me acudiu por agora unha idea que explique o arcano desa despedida, no entanto presinto algo tremendo que me obriga a exclamar -arremedando á miña tía María Georgina-: zúmballe o nas! E xa non hesito en titular estes apuntamentos cunha referencia aos nefres ciranescos.

Lautrec rilla unha roda de salsichón e arrota, botando sobre o lenzo que está a pintar un alento perfumado de cravo e caiena. O picante que lle deixa amarguras na boca tráelle a lembranza das ostras recargadas con pementa coas que lle tapou a un coktail de xenebra e porto a noite pasada, no reservado de Au Rat Mort. A velada consumida en bebedela e conversa cos amigos da Revue Blanche deixoulle unha resaca triste, desde hai un tempo perdeu o gusto do palique e, contodo, a casa cáelle enriba co peso dos mobles encerados e sucumbe un día si e outro tamén á tentación da troula nocturna. Espanta unha mosca que ameaza con apegarse ao lenzo (logo ten o impulso de cazala coa mao e esmagala contra a meixela pintada da madama que comadrea coas pupilas arredor da mesa do salón do bordel des Molins, dotándoa dun lunar que se irá resecando e mudando de tamaño como corresponde a unha materia viva) e érguese pra fregar as pernas e repartir a dor atalora concentrada nun punto dos xoellos. Pasea polo gabinete e logo se abandona á rotina de buscar no chineiro o tarro de cogombros e a garrafa de borgoña. Aplícase a destapar o viño e o aperitivo mentres canta imitando a Bruant, malia que esta reminiscencia do repertorio que escoitou durante meses no cabaret Merliton resulta inadecuada (alí só se bebía cervexa) pra enviar un tinto que sabe a madeira, talvez cipreste, como axiña comproba cun longo grolo:

Estades sen acabar,

sodes abortos fabricados con carnes fofas.

Non tiñan as vosas nais tetas,

que non puderon facervos fociños!

Sodes todos fillos de chulos

que vos mandan mamar nunha ama de leite,

por iso estades mal acabados.

Ide embora a que vos pulan!

 

O óleo aclarado con acuarela dá un ton deslavado, e as caras que emerxen do cadro están efectivamente sen acabar. Nas mulleres do fondo destacan os labios vermellos e a pel luxada polos reflexos verdes das columnas e paredes. Nas dúas do primeiro plano resaltan unhas medias negras, unha ollada melancólica e as bocas apertadas. E no lado direito, cortada abruptamente pola moldura, medio corpo de Mireille de costas, recachando a saia pra acomodar as bragas e mostrando unha coxa trémula, de músculos que afeixan a duras penas a gordura tensándoa con dous sucos de sombra entalados na carne. As mulleres esperan os clientes e se cadra pregúntanse se fóra do bordel, daquel aceirado aire verde, algo ou alguén as agarda. Como Henri ben sabe, porque fala con elas case a diario, viven con esa inquisición nos ollos. Nunca as desenganou, apesar de que tamén se fixo moitas veces a mesma pregunta. Xa de meniño doente, encamado durante longos períodos, amantado polas formosas maos da nai, lapexaba nesa auga inmunda da dúbida: lonxe de aquí, no norte ou no mar de poñente, en toda a extensión da terra habitada polos homes, hai algo pra min? Alguén me espera? Tardará unhos tantos anos en obter unha resposta definitiva. Certo que seu pai esperaba un compañeiro de cazatas pero el non era ese conviva monteador; a nai aceptábao contra toda esperanza de que non se matase bebendo e o resto do mundo ignorábao ou facíalle sitio porque el se abría paso a cotifós.

Ruxíronlle as tripas e veulle ao acordo o remedio do aceite de ricino que engulía de rapaz, de bo rapaz que lle escribía a mamaíña desde a praia e asinaba your boy Henri. Deu unhas brazadas polo gabinete, como se chapuzase no Atlántico, emulando o remar curto da ra, botou un bo chincharrazo de borgoña e cantaruxou de novo, desta vez bobadas cupletistas:

O meu corazón é unha flor de outono,

sen saber por que nin como,

vostede conquistouno e eu doullo

sin…xe…la…men…te.

Quixo soerguer unha perna á altura do peito, como se estivese ao seu alcance ese espernexar de Jane Avril, a piques estivo de afociñar e comprendeu que o morapio caxougado no seu estómago pasaba rapidamente ás veas e á cabeza. Arrimouse a unha mesa e sentou nunha cadeira aturando o engulo. Non quería trousar, o que lle apetecía era verter lágrimas de borracho, desas que nada significan. Sobre a mesa había fotografías: unha delas retrataba a un grupo de seis mozas con pouca roupa, tres cos seos descobertos e tres con decotes e poses invitadoras. Mireille aparece sentada á esquerda, coas pernas cruzadas, unha teta destapada e levemente decaída e un sorriso en alegre desafío. Algunhas das faces coinciden coas que está a pintar no lenzo pousado sobre o burro, só que el vestiunas e bañounas nunha penumbra verdecente de candieiros, alumeando o prostíbulo con luces de café-concerto. De sutaque levanta da mesa, achégase ao burro e, mergullando o pincel en negrura, cruza o cadro con chataduras en aspa.

A mosca zuniu perto da súa cara e cun golpe de mao que segou o aire como unha gadaña, atrapouna e sentiu que lle facía cóxegas na palma e entre os barrotes dos dedos. Desapegou o dedo sobriño e o paidetodos pra que o insecto caíse na tentación de saír pola fenda e apertou con coidado de non esmagar. Coa outra mao extraeu o bichiño e arrincoulle unha ala. Logo trasteouna ao chao e a mosca acicalou a única asa que lle restaba como se o mundo seguise o seu curso inconsciente da mutilación. O silencio oprimiuno un chisco e decidiu saír a trepar os lastros das rúas, a tomar conciencia dolorosa das distancias. Pra un contrafeito que anda malamente, a vastidade do universo é unha afronta. Cada cliente que pasaba ao cuarto Luís XIV con Mireille e as outras pupilas era unha ofensa persoal.

Pra rachar a monotonía dos días sólitos, acordei este sábado guiar o auto automático (con tódolos mandos na mao) a ceacú pola biografía. Volvín ao arrabaldo onde me criei a pasar calor, pois está empezando o agosto. Como os nenos somente reteñen na memoria o verao, acordo o barrio sempre así, castigado pola raxeira, e iso que cando enfermei, hai cincuenta e sete anos, era inverno caroal excepcionalmente frío. Aquí non puderon aporlle o andazo ao bochorno, como seica llo apuxeron alá en Newark onde os raparigos deron en caír doentes na década dos corenta do pasado século, segundo relata Roth en Nemesis. Culparon en New Jersey ao sol inclemente e ao contaxio de inmigrantes italianos, entre nós levou a culpa o bo Deus, empeñado en retirar a forza dos membros da locomoción pra concentrala disque no cerebro de certas crianzas. Eu listo saín, pra que se vai dicir!

Jane Avril vista por Toulouse-Lautrec.

Achei o arrabaldo descoñecido porque canalizaron o río ladeándoo de estradas ou paseos e abolindo canedos e coiñais. Aínda están en pé, pero ruinosas, a vella fábrica de bebidas gaseadas e as casopas ruinzallas. Baleiras, esperan pola piqueta que as esbarrúe a fin de despexar solares e erguer rañaceos. Bebín unha cervexa no único bar sobrevivente que mudou de donos varias voltas desde que eu o frecuentaba e xa non me trae acordanzas dos capítulos de Cheyenne ou dos combates de boxeo seguidos no televisor. Despois deixei o carro estacionado diante dun baixo comercial pechado (era unha panadería e tamén local de ensaios dos fillos do panadeiro, músicos que versionaban ¡Que se mueran los feos!) pra percorrer o camiño viciñal endeica o cemiterio. Petei forte no chao coas bengalas canadenses pero as gomas mangadas na punta pra evitar o escorregue amortecían o ruído, de modo que debín valerme da imaxinación pra evocar o trepetel dos cabalos aparellados con formosos xaeces negros que turraban polas carrozas fúnebres. Da outra banda do camposanto está o recinto feiral. Había feira, querse dicir polbo e vitela, nin traza dos animais que concorrían outrora. Sentei ao amparo dun pendello nun banco corrido, de par de varios larpeiros, e pedín unha ración de rabiños de polbo e carne richada no canto da habitual posta de vitela ao caldeiro. Mentres non veu o xantar empapulei bebendo con présa un vaso de tinto con gasosa. Así e todo sentinme relativamente feliz, máis contento desde logo que se me encontrase en Bülach (Suíza) participando no Schreibwerkstatt, obradoiro literario pra deficientes, ou mesmamente no congreso da International organization on arts and disability.

Coa mesma avistei, noutro extremo do xuntoiro feirante, un carriño arrastrado por un can guedelludo e de considerable alzada que transportaba a un señor encrequenado. O can achegábase ás mesas e esperaba un chisco por se lle botaban sobras nunha cazola atada ao carricoche cun arame. Repetía a parada en cada grupo de comellós e sempre cun tempo prudencial de espera, sen que o home dixese ren probablemente porque era mudo. Cando pasou por onda min (aínda non lle metera o dente ao polbo), o animal ollou sen esperanza o prato de madeira cheo, sabedor por experiencia de que só lle daban ao quedaren dúas ou tres talladas ensopadas no aceite. Non se molestou en parar, continuou o percorrido sen perdoar unha mesa e deseguida abandonou o campo a bo paso. Fiquei cos ollos fixos no can e no mudo, talvez coa ollada conmiserativa que Berger lle endireita aos ananos-bufós, mascotas dos nenos da corte española pintadas polos mestres barrocos. Non me pegou a risa nin ao relacionar a escena co anano valleinclanesco de Divinas palabras, un impedido carretado por unha tía política como monstro de feira ao que lle guindaban unhas moedas ao ensinar un carallón descomedido. Non puden mover os padaos apesar do fácil consolo de ver que hai destinos piores có meu. Endireitei os ortopédicos, soerguinme e marchei cando os viciños da mesa, silenciados un instante polo espectáculo da desventura, reataban unha conversa agrícola sobre as angueiras propias da sazón. Un vellote que por idade debía estar xa aposentado, inducido quizais pola estampa que acababa de presenciar, típica dunha época anterior ao estado de benestar e á desaparición da labranza tradicional, volveu ao pasado e sentenciou: “Se queres un bo entrecosto, bota os nabos polos primeiros de agosto”. Cago no nabo!

A falar a verdade, ignoro se Toulouse-Lautrec era tan sentido como Pavese, este si ofendido polos millós de coitos que tiñan lugar no orbe encanto el trazaba liñas de sombra no seu diario. Pavese disque era impotente, non no sentido fisiolóxico senón como medrán que teme a insatisfacción feminina e viviu nun tempo no que a sexualidade oral non alcanzara o protagonismo do que hoxe goza, do contrario talvez non se tería suicidado e o Mestiero de vivere non sería a obra mestra que fruímos. Henri non esperou a morrer pra que lle medrasen nefres de Cirano, xa en vida latexou o seu corazón causticado polo contraste entre a alma bela e o feitío bufonesco que o reducía ao papel de confidente de mulleres formosas. No entanto, cun encomiable espírito práctico, meteu o nariz ciranesco naquel sitio venal que podía encontrar nas maisons-closes, de maneira que o cheiro a almiscle dos sexos de pago consolouno da imposibilidade de bailar con airosas alancadas. A impotencia danzarina, menos aflitiva que a outra, non esixe a autoinmolación e, contodo, a ollada inmisericorde dos outros, ese espello deformante que o feoco Sartre considerou infernal, mancouno o bastante como pra verse en figura grotesca de Rostand. Cando bebía demais facíase se cadra esta pregunta pecaminosa, tan reprobable como a autoaniquilación pavesiana: se volvese nacer sabendo o que sei, nacería?

Hai dous tipos de mal con cadasúa confraría de malditos: o mal da reprobación (dos pecadores) e o da lamentación, de doentes e vítimas das catástrofes azarosas. Os teólogos teñen discutido longamente sobre estes últimos confrades a fin de conxurar o escándalo dun Deus ruín ou dunha falta herdada dos primeiros pais que ningún código civilizado pode criminalizar e castigar. Ora ben, Lautrec viviu despois da morte de Deus, na era da divinización do progreso e da idolatría do futuro, aínda sendo artista e polo tanto un herexe nesa nova relixión futurista. A clausura do horizonte cristiao privábao da esperanza individual e concreta que supón a resurrección da carne, o soño de remanecer no Val de Xosafat en avatar de degallado galán. A relixión laica do progreso infinito imita á natureza na desconsideración do individuo suplantado pola especie humana, de xeito que o anano mortificado pola consumición das pernas doloridas debería consolarse coa idea dunha humanidade vindeira máis perfecta e xemer arrimado ao caxato nun presente de inútil sufrimento. Que podía ofrecerlle a ese condenado a heresía artística? A recuperación romántica do misterio, da analoxía, dun tempo orixinario e mítico á marxe do avanzo procesionario dos progresistas? Sen dúbida atentouno coa idea de que era posible a habitación poética do mundo ou cun sucedáneo da eternidade en forma de sona imperecedeira. Na alternativa vivir/pintar víase forzado a elixir a segunda opción, pero quizais pensou que as súas obras serían memorables e que eu, por caso, me acordaría del pasados máis de cen anos e que esa porción insignificante de vida eterna xustificaba calquera sacrificio. E je me souviens, si, de cando bebía pepsi-cola na esplanada do café Lisardo, vendo bailar o xentío na verbena amenizada pola orquestra Los chicos del jazz, fixando a vista nalgunha Jane Avril fardada coas charramangueiras roupas que se levaban no ano setenta. Aínda me acordo das femmes du plaisir, la paupière livide, bouche ouverte, que tu, pillabán, viches adormecer no crepúsculo matutino. Da puta que me iniciou no sexo, que era bávara e friorenta, menos meiga que Helen Hunt, protagonista do filme The sessions no que fai o papel de terapeuta encargada de encarallar a un poliomelítico nos breves lapsos en que este deixa a claustrofobia do pulmón de aceiro. Por certo que o director desa cinta, Ben Levin, anda el propio con caxatas a trepar secuelas de polio, capaz que el tamén se lembrou de ti ao verse reducido a espectador dunhos dancistas de polonesa, talvez engradou asistindo a unha representación de Cirano. De  resto, a heresía da artisticidade está hoxendía tan morta como aqueloutra baptizada cunha derivación do nome de Albi, a túa vila natal.

Case que non lle perdoo a Levin ese remake trapallán do filme francés National 7, no que o argumento é semellante (baldadiño que quer estar con muller como se o encontro sexual fose unha experiencia epifánica asimilable á aparición da Virxe de Lourdes) coa diferenza de mudar a puta verista e fiel ao espírito da historia por unha terapeuta erótica, criatura inverosímil enxendrada pola deshonesta corrección política da Norteamérica ben-pensante. O boísmo de Hollywood finxe ignorar certas verdades da vida, como a de que o mundo vén sendo unha cadea opresiva na que as prostitutas –escravas sexuais-, consolan aos escravos da cruel natureza, a unha lexión de infelices, feocos, impedidos ou vellotes repulsivos. Tal manobra propia de estúpidas aves corredeiras non é exclusiva dos americanos, tamén se emprega en Europa. Véxase outra cinta gala (Intouchable) que plantea un conflito distinto pois o protagonista, reducido a unha existencia mental, só pode sublimar os impulsos corpóreos en amizade e lacrimóxina autocompaixón. O público sao e útil simpatiza cun tipo condenado á impotencia e á dependencia total, no entanto encontra repelente, agás que llo edulcoren, o desexo dun eivado ao que lle funciona a ferramenta e non renuncia aos escasos praceres deste sombrizo reino mortal. Por vía de regra a multitude condescende máis coa confraría que poderiamos rotular Totanca Iotanca (Touro Sentado) que coa irmandade posta baixo a advocación do narigudo espadachín aquitano. Por análogos motivos, terá máis suceso a Insider Art, obra de amadores discapacitados e anónimos, que as artistadas de baldados pernósticos e pretenciosos. Son testemuña do desagrado que causo incluso no alumnado sensible cando palestro nas turmas da facultade de letras con voz rotunda e aceno confianzudo, como se as caxatas fosen armas arreboladizas nas maos de John Silver o Longo. Os pupilos pensan neses momentos: “Non hai un coxo bo”.

Certa exposición á cura de A. Scarpa presentada en Torino en 2006 co título de Il male, mostra que na historia da arte xa desde época romana se identifica a deformación física coa deformidade moral. Existen por suposto contraexemplos como o corcovado Quasimodo, que exhibe un corazón de roscón, ou mesmo King Kong, enternecedor emblema da Bela e a Besta. Contodo, sempre que vexo o filme do macaco xigante láiome amargamente de que se deixase ferir por unha beleza loura cando era feliz na súa illa de monstros prehistóricos e inocentes primitivos que o idolatraban como a un deus. Tamén Cirano é un anaco de pan, a súa bondade non aspira a recompensa; como os sublimes canteiros medievais, que traballaban os pormenores pétreos nas altas torres onde ningún espectador podería aprezalos, sométese á ollada divina, no fondo agarda unha retribución ultraterrena mentres Silver unicamente ambiciona o ouro e Pistorius a gloria e as conquistas dun macho alfa malia correr sobre coitelas contra rivais de pernas atléticas. Tales ambiciós desembocan na maldade e neste punto reloce por contraste o bo Lautrec, quen podendo ser ruín como a carne do pescozo, practicou a beatitude da autodestrución. Sería unha blasfemia, pola miña parte, pechar este parágrafo cun Deus cho pague.

Con rexos brazos simiescos e certa potencia abdominosa resulta factible empurrar o barqueiro ou grelo de pataca ata mirralo.

A casuística erótica depende da variedade de eivas, polo cuio hai tantas performances como aleixados. Poño por caso os meus excelentes abdominais labrados na locomoción con caxatas  (costa arriba avanzo tensando os músculos do ventre), que me permitirían posuír a Helen Hunt sen que a sexoterapeuta tivese que imitar ás célebres amazonas. Con rexos brazos simiescos e certa potencia abdominosa resulta factible empurrar o barqueiro ou grelo de pataca ata mirralo. Convén examinar individuo por individuo, como aconsellan os pedagogos que educan na diversidade, pois estes prosmeiros levan razón se aplicarmos o seu método á ximnástica deficiente. Penso no Mané Garrincha, coas súas secuelas de polio e pernas de desigual longura, caneando no extremo direito como un campeón pra logo cruzar a bola a fin de que chute Vavá. Eu propio xoguei ao futebol, se ben coas bengalas canadenses tiña que practicar unha sorte de hoquei sumamente perigoso prás canelas dos contrarios (negreábanlle os artellos coas mazaduras). Lembro un xogo no patio de recreo do instituto –velaquí o meu momento de olimpiano- no que alguén deu un pase longo cara á posición do avanzado centro. Eliminaramos a lei do off-side pra que os defensas non me anulasen adiantándose e obrigándome a atacar desde lonxe, de maneira que recibín sociño e puden encarar o goleiro. Tras dúas boas alancadas sobre as miñas pértegas, rematei coa caxata recta, cun chute equivalente ao golpeo de biqueira dos xogadores bípedes. A bola saíu case rasa, petou na base do poste cuadrado de handebol (deu na cara apropiada, do contrario sairía cuspida pra fóra como aconteceu catro veces nunha final da Taza de Europa que perdeu o Barça co Benfica) e envolveuse na malla. Gooool! Ningún orgasmo con leitada iguala esa sensación penetrante de marcar. Escusado é engadir que as catro cousas polas que rabean os tolleitos son a saber: chimpar, danzar, xogar e ler romances policíacos. Non necesariamente por esta orde.

Samantha Eggar.

Da capo: Non é fácil explicar por que unha historia ou unha personaxe dan en amolar co seu zunido insistente. Tamén non é difícil se temos en conta que eu pintaba algo de mozo e que aínda hoxe conservo pendurado na parede, á direita do meu escritorio, un cadro que imita en tódolos pormenores a outro de Lautrec, coa disparidade de que o rostro de Jane Avril foi substituído pola cara de Samantha Eggar na época que rodou A forza de amar. Presumo de que é a miña obra mestra e non teño inconveniente en confesar que me inspirei a medias nos trazos da Samantha e dunha rapariga chamada Helda Mascareñas, á que amei mesmo antes de coñecela. Será posible? Pois é, quíxena antes de saber dela e quéroa agora tras corenta anos sen vela. Un tal misterio somente pode desvendalo un poeta, especialmente un poeta que foi frade (e inantes cociñeiro de ingredientes ou preparos existenciais como prescribe o refraneiro) e seica morreu afogado nun pozo: Quando eu era uma criança de muletas (estudei o alicerce de coisas paradas/observei as coisas que se moviam/no olhar estático das coisas que meditam. Era cirúrxico/como o homem que opera nas pupilas as arterias do seu proprio coraçao/Caminhase eu porém e seguiria/o fio de água no olhar de quem amei. Así poetou o Daniel Faria quitándome as palabras da boca. Cando era un mozote coñecín unha compañeira de facultade e faleille. Falar significaba, nos tempos dos meus pais, cortexar e eu dei en acompañar a Helda endeica a residencia de freiras na que paraba, palicando longamente no portal. Aos tres meses cumpridos desas morosas lerias, convideina a cear no meu departamento xunto a unha parella de convivas da mesma turma que debían exercer de anzolos pra atraela á cova do dragón. Convidei a Odilo, o tipo máis belido do curso, e á namorada coa que andaba aquela semana. Fixen unhas perdices guisadas na cazola, con moita cebola e a súa póliña de romeu, e isto foi considerado unha proeza polos comensais, dadas as dificultades pra manexarse na cociña con dúas muletas. As sobremesas acendéronme (baixamos unha garrafa de licor-café) e comentei A dama do lago de Walter Scott, inclusivamente lembrei outra dama non menos lacustre, aquela descrita por Raymond Chandler en fuga desde unha lagoa entre piñeiros situada pola parte de San Bernardino. Rompín a cantar como un carro vello I longing for San Bernardino e o Odilo despediuse arrastrando a namorada ocasional cun brazo de ganchete. Lin daquela a decepción nos ollos da Mascareñas e souben que aceptara o convite só por estar perto do compañeiro alto e barbote, fumador en cachimbo e orador de voz metálica nas asambleas de distrito. Non se atreveu así e todo a marchar tras del, quizais doída polos cariños que o galán lle prodigara á outra, a todas menos a ela. Ficamos a soas e, co pretexto de escoitar unhas casetes de chansonniers, acabamos no meu cuarto envoltos na música que o magnetofón difundía desde a mesiña de luz e, pola miña parte, rezándolle ao póster colocado sobre a banceira da cama: O mundo de Christine, unha rapariga que parece arrastrarse por un prado ladío con palleira ao fondo.

Amoleceu tras varios cortes (Les amants de Paris, Embrasse-moi, Notre amour) e logrei espila loitando con centelludos botós. Apenas puden vislumbrar as ronchas cor bordeus arredor dos tetos e un mañuzo de pelo negro entre as pernas, porque deseguida abriu os lenzos pra taparse ata o pescozo. Con vergoña empecei a miña quenda de ripar roupa e demoreime máis da conta desabrochando as correas dos aparatos ortopédicos (Dwoskin comprácese en filmar esta mesma operación baixo unha ollada feminina obrigada a desprender compasivas muxicas). Cando montei e quixen enfornar, entalara de tal xeito que o acceso volveuse quimérico. Logo de pelexar unha boa miga, Helda correu á casa de baño e regresou choromicando porque non era quen de mexar. Vestímonos e ela anunciou que tiña que acudir a emerxencias de hospital. Ofrecinme xentilmente a acompañala pero refugou con secura as miñas atenciós, de modo que me incomodei e, apañando un coitelo pousado na mesa da salita de estar, espeteino violentamente na madeira. Cimbrou o coitelo ao pé dunha casca de mazá pelada en espiral e tremeu a rapariga, recuou cos ollos arregalados endeica o hall e botou a porta fóra levada do demo.

Ao rematar o curso, Helda Mascareñas e Odilo Pereira foron vivir a unha comuna montada en certa aldea da montaña luguesa, deserta ao quedar illada pola construción dun encoro que engrosou un río ata convertelo en lago. Nesas comunas nas que cómpre pescar troitas e labrar a terra con sacho, un tolleito estaría tan perdido como nun grupo de escuteiros ou nun acampamento militar. Nunca alá fun nin souben máis nada da miña dama lagoeira e, así e todo, aínda adovezo por chegar a San Bernardino.


Source: BIOSBARDIA

2019-05-03T07:30:32+00:00 03 / 05 / 2019|BiosBardia|