O mirante Patinir

Inicio/Blogs/BiosBardia/O mirante Patinir

O mirante Patinir

A aquel Robert Redford de once anos que padeceu un ramo de polio en Santa Mónica e en 1947, o que non lle impediu darlle sebo ás canelas no filme O Golpe que tanto me sorprendeu nun cinema zuriqués alá nas fronteiras dun verao setentista.

O cadro ‘O ceo e o inferno’, de Patinir.

Bieito Iglesias.

Despois dun verao caloroso e moitas ensaladas de agrión, vislumbro xa as primeiras xiadas e os caldos de nabizas ou couvellas. Acollinme na casa pra evitar a humanidade fea e groseira que atesta as rúas e betesgas desta miña cidade apostólica. Matei o tempo das longas tardes de estío lendo ou vendo a televisión. Lin o demo e outro pouco, o último unhos ensaios de Umberto Eco amollados baixo o título Pape Satán Aleppe. O profesor de semiótica quixo escandalizarme nunha precisa páxina na que fala da grandeza e dos solteiros, desmentindo o tópico de que os grandes han de ser ceibes necesariamente: “Dando por suposto que eran célibes os relixiosos e algunhas personaxes máis ou menos abertamente homosexuais como Cirano de Bergerac (sinto informar de algo tan atroz aos admiradores de Rostand) ou Wittgenstein, só de Kant podemos afirmar con toda seguranza que permaneceu solteiro”. Non me amola tan indiscreto informe porque o Cirano que algún día me interesou foi aquel dos nefres desconformes e das epístolas belidas.

O home ceibe, se non chía nas redes sociais, apenas pode combater a soidade palicando no mostrador do bar. Eu acudo á barra da esquina da miña rúa cando o silencio pesa demais, malia que se volveu difícil conversar. Nin sequera o futebol facilita a trécola porque é un xogo bélico que acaba por confundirse coa política, continuación da guerra por outros medios. O mozo do bar coméntame así e todo que Coutinho ten tatuada no pescozo a palabra coragem, pero non sei que dicirlle sobre esta cisma coetánea de emular os estigmas na pelica de mariñeiros, presidiarios e indíxenas de Oceanía. O camareiro proba con outro anzol, acenea cara unha moza moi engrazada que toma algo nun mesote do local e infórmame de que é Sabela Arán, unha actriz residente na viciñanza.

Sabela Arán.

O que é non ter que facer, despois dun breve paseo batendo cos turistas que sitian a sé, volvín prá casa dolorido. Estou de estrea dunhos bitutores ortopédicos que acostuman mancar os primeiros días, encanto e non se acomodan pernas e ferranchos. Cando regresaba por baixo dos arcos do Vilar, botei unha moeda na funda do violino de Petrosian, músico rueiro compatriota de Aznavouran que finou estes días facéndome vello. Pedinlle ao violinista armenio que homenaxease o defunto e este compraceume interpretando vetusta música sesenteira. Con ela fun tocar a chanca a outra parte, ao arrabaldo que sufría un andazo de poliomelite na cima da década dos cincuenta, mentres o goberno español vacinaba os fillos do réxime franquista, os empregados de grandes empresas estaduais e os pobres de solemnidade acollidos ao Auxilio Social. O resto da populación infantil apandou co perigo de contaxio endeica o ano 1964, data da primeira campaña de vacinación universal, pero nesa altura xa oito nenos do barrio bambeabamos as caxatas ou as alzas dos zapatos ao ritmo das emisiós radiofónicas que incluían pezas de Aznavour.

Unha vez recluído na casa, averiguei a filmografía da viciña e baixei da internet unha cinta intitulada Vilamor. Pola noite, despois de cear unhas castañas cocidas con leite, metinme no papel de Sonia, que Sabela Arán interpreta, e que ergue a figura dunha moza retirada nunha comuna das serras de Negueira de Muñiz, medrada a década dos setenta.

No filme hai mística ambientalista, cabalos bravos, cortizos de abellas, cabras esgazadas polo lobo, tellados de lousa, folipadas de neve, escenas nudistas, centeo (e cornecelo alucinóxeno), cigarros de haxixe e un libro de Walter Benjamin que nun primeiro visionado non puden identificar. Sonia agasalla cun exemplar a un habitante nativo daqueles montes que estuda no Seminario e remoe a Teilhard de Chardin. Algo se comenta sobre o aquí e agora, atribuíndolle a Benjamin unha defensa do carpe diem que eu non lle coñecía e iso que lin algunhas obras súas como Infancia en Berlín e Libro das Pasaxes.

Anotei varios pormenores da película que me chamaron a atención:

  1. O anacronismo da apicultura nela practicada. Sonia, a protagonista, vístese cunha indumentaria –carauta con rede, traxe branco– que imita a dos astronautas. Moito me admira que aqueles rapaces hipiosos chegasen á serra tan ben apertrechados. Non esperaba tampouco o extremo contrario, que unha urbanita capturase enxames co método tradicional dos labregos: estendendo un lenzo branco no chao debaixo das abellas apiñocadas na póla dunha árbore e convidando a raíña co mantra repetido: “Pousa mestra, pousa mestra, pousa mestra…” .
  2. A maneira, non menos anacrónica, de chimpar, coas mozotas montando nos homiños, seguindo un hábito amoroso que ultimamente puxo en moda o cinema de Hollywood. Nos setenta e aquí onda nós, non se estilaba tanto esa hípica amazónica.
  3. A cisma de colocarse co cornecelo, que explica o cultivo de centeo na comuna. O centeo é o cereal máis apropiado en climas severos porque non se deita co vento nin cunha trepa de auga, ao revés do que acontece co trigo. De resto en terras de secano do interior o millo dáse mal. Por algo os camponeses de Lugo e Ourense (e de boa parte da Europa do norte) comeron durante séculos pan escuro de fariña centea. Por iso e non por drogarse co cornecelo, parasito do pan (o centeo é o pan por antonomasia en lingua galega), como se malician os comuneiros psicodélicos. Certo que, coas guerras mundiais do século XX, apareceron nas aldeas compradores dese fungo alucinante, usado na industria farmacéutica; ora ben, os paisanos seguiron colocándose a base de netos de viño como fixeron desde a conquista romana que desvalorizou a prehistórica sidra. A comuna das ribeiras do río Navia, de acreditarmos no retrato fílmico, semella máis conectada cos indios e chamás mexicanos (e os músicos pop londrinos ou californianos), amigos das viaxes ácidas, que co borrachuzas autóctono. O seminarista volve de vedraio á comunidade montesía onde, anos despois, vén habendo unha granxa último modelo con paineis solares, produtos ecolóxicos, etc. Nisto hai pouca novidade, imita ao heroi de Cinema Paradiso, coa diferenza de que na cinta de Tornatore torna un cineasta de grande suceso e, en Vilamor, Inacio Vilar trae de volta a un escritor afamado. Nada ten máis éxito que o éxito, no entanto sorprende que opte por unha sona literaria cando nos tempos correntes o libro parece algo pasadista e resultaría máis verosímil o retorno dun deputado de Podemos ou un ganador do concurso televisivo Superviventes.

Impacta a paisaxe montesa, especialmente unha panorámica das serras, o río serpenteante e unha barca miniaturizada pola lonxura. Lembroume unha filmina que o profesor de arte comentou hai corenta anos e pico na penumbra dunha aula universitaria. Explicounos o cadro de Patinir O ceo e o inferno, unha cosmogonía medio humanista, medio herética, cun paraíso e un hades separados pola Lagoa Estixia que Caronte atravesa en batuxo transportando a alma espida dun condenado. Na marxe infernal víase o resplandor dun incendio, pero tamén unhas laranxeiras de frouma verde e vizosa. Impuña a visión verticalizada, coa liña do horizonte situada no terzo superior do cadro. Desde ese elevado mirante, lánzome en picado e recoñezo no batuxo a figura enguruñada, estremecida polo lapexo dos remos na auga fría, da miña dama do lago.

Apañei dous autocarros, con transbordo na estación de buses de Lugo, pra chegarme a aquela paisaxe pintada por primitivos flamengos, unha xeórxica hedonista, unha harmonía de verdes de monte baixo e carballizos, con manchas brancas de biduedos nas regatas sombrizas e a cobra de camisa azul do río.

Paro na casa Viscaín, establecemento de turismo rural reservado na rede. En comuñón cos perdidos que se retiraran á serra hai tantos anos, pedín de xantar unhas troitas e un chourizo de cabazo con cachelos. Ese embutido saía no filme e, ao picalo, cirrichaba gordura encarnada na chambra dun artistiña. Na película tamén pescaban troitas con nasa e pregunteime se un aparello así se conservaría desde o ano cincuenta e seis, cando os labregos abandonaran aquel lugar en boa parte asolagado polas augas dun encoro eléctrico. Era a única explicación convincente, pois non penso que os urbanitas en fuga tivesen a abelencia necesaria pra fabricar nasas. Se me vise na coira de Odilo Pereira ou Helda Mascareñas, seguramente apañaría polos eidos a ermo unha herba chamada torovisco. Convenientemente fervida, se se bota ao río a infusión venenosa resultante, fai aflorar os peixes mortos. A pezoña non impide que as troitas así apilladas sexan comestibles sen ningún perigo pra quen as consuma. Esta é a técnica ancestral da captura de peixe nos regueiros, cando non se contaba con nasas, pesqueiras, redes ou cana. Coñecían esta economía da supervivencia aqueles lectores da Escola de Francoforte que arrenegaran da vida mole e civilizada pra converterse en robinsós?

‘Mesalina’, de Henri Toulouse-Lautrec.

A piques estiven de regresar á miña morada santiaguesa, interrompendo a expedición nese punto, cando souben que se precisaba un rodeo de quilómetros ata encontrar a ponte construída durante a presidencia de González Laxe, se quería pasar a territorio hippi. Unha señora que atendía a casa de turismo contoume unha lenda referida a un río afluente daquel Navia que me cortaba o paso. Certa muller, desesperada polas dores de parto, cedeu á tentación dun demo en figura de gato negro que lle ofreceu auxilio a troco da alma do nascituro. Pechado o pauto, o Maligno tendeu unha ponte que desde entón chaman do Gatín. Pensei no cadro de Patinir, en que na marxe onde se representa un inferno insinuado coa labareda dun incendio está ausente o Diaño. O flamengo nin sequera pintou un gatiño preto, ideou un inferno moi moderno e realista, de facto calquera verao destes pegará o lume nestas ladeiras e veremos como toma corpo a suxestión satánica. Imaxinei un parto de Helda, alá da outra beira do Navia, entre as uces, o medo que pasaría lonxe do lar burgués e das comadroas do hospital, abandonada ao destino dunha squaw das pampas do Oeste e privada inclusivamente do consolo supersticioso de antigas patrañas gatunas e demoníacas. Aí foi cando me deu gana de volver por onde viñera, non tiña xeito buscar fantasmas nun sitio que quizais enxeitaran había tempo, eu mesmo sería recibido como un espectro no improbable caso de aínda permaneceren na comuna a miña dama ou o seu paladino.

A arroutada que me empurrara a montar nun coche da empresa Freire na Estación de Autobuses de Santiago dábame vergoña agora que podía pensar con claridade, espilido polo vigorizante airiño das serras. Mellor tería sido mercar un billete a un aeroporto californiano próximo aos outeiros e lagos de San Bernardino.

Armeime de valor, pedinlle á patroa que me metese nunha bolsa unha torta de chocolate e fruta que lle vira servir no comedor, tamén que me pedise un taxi que veu desde a vila da Fonsagrada. Cando se presentou o auto de aluguer, alá que nos fomos en dirección a Ibias ata encontrar a ponte que me levase ao pasado. Tras un rodeo de vinte quilómetros por revoltas montañesas, arribamos ao torreiro dun lugar onde cabalgaban meniños en bestas cardosas.

Apeeime naquel poboado indio e seguín os sinais de fume que ascendían desde unha sobeira. Dentro daquela cortella metían pan nun forno e, cando pronunciei o nome de Helda, un dos forneiros saíu do alpendre e aceneou cara unha poubea do cabo do lugar. A casopa tiña un patín con escadas, unha galería de madeira sobre un esteo de pedra e paredes de cachote malamente caleado. Ao pé das escadas furgaba na terra cun pequeno angazo unha meniña con vestido azul á que lle ofrecín un anaco de torta.

–Como se di? –preguntou un tipo que asomou á ventá.

–Graciñas –respondeu a pequena coa boca xa enlarafuzada de chocolate.

–Fun compañeiro de universidade de Helda, cadrou que pasaba por aquí e…

–Son o seu home.

Abriuse a porta e saíu ao patín unha versión de Mascareñas moi erosionada polo tempo caroal da montaña. Eu tamén debín desfigurarme coa idade porque non me coñeceu, nin sequera coa pista das caxatas que me volven tan identificable. O seu rostro non declinaba ningún sinal de recoñecemento.

–Acórdaste de que, pouco antes de virdes pra aquí, ceamos na miña casa con Odilo Pereira?

Tíñache boa gana de acordarse, nos seus ollos cinsentos só había remol frío, pero o seu home si reaccionou ao nome que eu acababa de mencionar:

–Espera que por algún lado teño un recorte que fala del –dixo retirándose da ventá.

Mascareñas desceu as escadas do patín, colleu a bolsa co bolo doce que lle ofrecín, cortou un anaco prá neta e ela tamén mastigou outro cacho. Sorriu pra agradecer o agasallo, nun aceno de complicidade forzada. A lus rastreira do solpor dulcificaba a tardiña con tonalidades amarelas, rubias, teixas, pero a miña dama lacustre vestía de vermello e, ao baixar do patín, non se imitaba á mozotiña universitaria de outrora. En troca lembroume unha escena teatral pintada por Toulouse en Bordeus contra 1900: Mesalina baixa a escada ladeada por figurantes.

Adeus á comuna, alí restaurárase a familia, as parellas da Arca de Noé. Cantaruxei algo de Juliette Gréco, algo terriblemente saudosista. Tomei conciencia de que o ferro exterior do bitutor direito estaba torto e estorcegábame o artello e que a planta do pé  esquerdo sufría ao calcar sobre a placa metálica enganchada ao botín. O taxista borreaba sen enviar o fume do cigarro e escoitaba no radio a previa dunha xornada de Champions League. A meniña agarrou unha corda e empezou a saltar pasándoa por baixo dunhas sandalias de plástico, as propias pra acudir á praia ou á piscina. O compañeiro sentimental de Helda baixou á miña altura alancando as escadas de dúas en dúas e entregoume un papel amarelecido, da cor do unto rancio. Era unha reportaxe a dobre páxina dun xornal da capital da provincia, ilustrada cunha foto do Odilo.

–Velaí o único que soubemos del desde que nos deixou –esclareceu aquel tipo de guedellas e barba brancas, unha especie de Manson mansiño e vellote.

Matrícula do Quebec.

Cunha vista de ollos sobre as columnas do diario datado varios anos atrás, informeime de que un concelleiro desviara fondos municipais pra pagar un chalé particular. Pillado en falta, Pereira mostrárase como un dinosauro moral incapaz de aturar o escándalo público, cando hoxendía os corruptos apañados en flagrante presumen de notoriedade, contentos de que falen deles aínda que sexa mal. O meu antigo condiscípulo vestira traxe de buceo de neopreno pra protexerse da friaxe da auga, atara as maos cunhas alxemas de xoguete adquiridas nun sex-shop, pra acautelarse contra a tentación de nadar por instinto de conservación, e guindárase ao mar na costa da mariña lucense.

Achegueime a Helda Mascareñas e devolvín as follas do xornal, dirixinme a ela ignorando o home e mais a netiña:

–Descúlpame, estou enfermo. Padezo unha doenza cabaluda que é como o alzheimer, só que ao revés. Lembro demais.

Peguei media volta e regresei en busca do taxi, caro me custou percorrer os dez metros que me separaban do veículo porque as conteiras das caxatas –unhas gomas grandes e abrancazadas– facían efecto de ventosas apegándose á terra da canella. Antes de que o chofer arrancase, baixei o cristal do ventanuxo e asegundei nas desculpas:

–O meu lema é o de Quebeque: Je me souviens.

 


Source: BIOSBARDIA

2019-05-30T07:28:32+00:00 30 / 05 / 2019|BiosBardia|