O imposible traballo de ser escritor maldito en Galicia

Inicio/Blogs/BiosBardia/O imposible traballo de ser escritor maldito en Galicia

O imposible traballo de ser escritor maldito en Galicia

Unha máquina de escribir. FLICKR/MARCO VERCH.

César Lorenzo Gil.

A semana pasada, Xerardo Vidal publicaba no seu A pequena novela galega un texto de opinión que me pareceu moi interesante, fonte deste outro. Pregúntase o escritor no seu blog se é posible que no sistema galego actual haxa posibilidade de polémicas, guerras internas, conflitos… Vidal conclúe, con certa mágoa, que a literatura galega contemporánea non ten disensións e que iso acaba por confirmar a súa saúde moribunda. O caso é que o texto do que falo xorde logo dun apuntamento do tamén escritor Gonzalo Hermo nunha rede social, queixándose dos ataques que sofre un escritor novo por parte dun suposto (ou supostos) “señoros”, castelanismo que adoita definir homes cunha idade indeterminada pero tomada como provecta dos que teñen menos e que adoita opinar sobre as cousas do mundo con condescendencia, tendencia ao apocalíptico e falta de respecto polas formas de vivir e de pensar dos que son menores a el. Hermo uníase, coa súa queixa, ao laio doutros autores que ultimamente tamén se queixaron publicamente dalgunha opinión sobre o seu traballo. Como exemplo, a invectiva de María Reimóndez contra o crítico Xosé Manuel Eyré, tras unha crítica deste na que dicía literalmente: “Deixarse ir na narrativa de María Reimóndez é unha auténtica delicia, unha auténtica sorte contar con narradoras desta altura”. A autora chamoulle a Eyré lesbófobo e o apesarado profesor publicou no seu blog unha resposta que non lle axudou a xerar ningunha simpatía dos que apoiaran as declaracións da activista e escritora.

Mais na práctica ser un escritor maldito en Galicia é unha tarefa imposible. Primeiro, porque o malditismo desapareceu practicamente de todas as literaturas e en todo o caso se substituíu por unha forma de automarketing que só funciona na literatura mercantil por antonomasia, é dicir, na literatura inglesa. Velaí o caso de Alan Moore, que leva anos anunciando que ten unha novela a piques de saír de miles de páxinas mentres se espalla o rumor de que leva non sei canto tempo sen dar unha duchadela e rillando pan reseso mentres inventa novos mundos. Podemos cualificar como maldito un escritor como Peter Handke, acusado de complicidade co xenocidio serbio sobre bosnios e croatas se logo vai e recibe o Nobel de Literatura?

En Galicia non hai escritores malditos porque a non ser que sexas tan malo que non deas enfiado tres frases seguidas, vas conseguir publicar o teu libro. Recordo cando empecei a traballar como xornalista en A Nosa Terra, no 1999. Mandáronme entrevistar un poeta barbudo e insubmiso que non publicaba, só recitaba. O seu discurso e os seus versos eran coherentes entre si: non enchían máis ca unhas poucas servilletas de mesa de bar. Vinte anos despois quizais el segue a denominarse maldito. En realidade era malo, moi malo.

Na literatura galega non pode haber nin sequera o malditismo do autor censurado ou vilipendiado pola crítica. Algún crítico explicou publicamente que “a peor crítica é o silencio” mentres reparte parabéns e algún outro dixo que non facía crítica negativa para non espertar a furia dos autores criticados. É dicir, é máis doado ser maldito facendo crítica que facendo literatura.

Hermo talvez fixo un invent tan de moda cando se lamentou dos señoros. Todo o mundo sabe que a queixa no facebook ten como obxectivo que os teus amigos de muro che dean xabrón e te acompañen no sentimento. Mais a realidade é que a galega é unha literatura moi cariñosa cos novos autores. Autores, si,masculinos; coas mulleres non é tan doado. Calquera pode ver con que facilidade os homes novos gañan premios e recoñecementos cunha ou dúas obras editadas. As editoriais prefiren a seiva nova: saben moverse mellor nas redes sociais, contan con máis amigos que convencer para que vaian ás presentacións, non teñen reparos en iren aos institutos ou aos clubs de lectura xalundes daren charlas. Aínda que as súas frases se inspiren no máis aborrecido de mediados do século XX (cando non do XIX), o seu sorriso aparece fresco no retrato da lapela. A cultura galega en xeral ten pavor a que a acusen de xerontófila e varios membros da RAG afirmaron publicamente que o principal criterio para escoller novos académicos ha ser “ter menos de 40 anos”.

Non nego que haxa autores que queiran vivir á marxe do sistema, que non publiquen ou que estean a cultivar unha obra literaria persoal e única no silencio da súa casa. Pero en efecto, estes nomes sofren en todo o caso malditismo por omisión, é dicir, que ninguén os maldí nin os ataque porque nin sabe que existen. Aínda que sendo xustos, iso é o que lle pasan, a pouco que abras o foco e entendas a sociedade galega no seu conxunto, cos miles de persoas que se dedican, en calquera grao, á industrial cultural en galego a respecto do resto do país. Para ser un maldito fetén abonda con escribir en galego. Un escritor con máis de dez libros publicados contoume unha vez a conversa que tivera cun curmán: “Cando escribas en castelán avísame, que eu son un gran lector e estou desexando ler algo teu”


Source: BIOSBARDIA

2019-11-19T06:19:53+00:00 19 / 11 / 2019|BiosBardia|