O Escuro

     Non me queda tempo.

     Están a piques de arrincarme a vida da forma máis perversa, aterradora e dolorosa que poidades imaxinar. Sen motivo. Sen piedade. A Maldade mesma agárdame aquí, nesta habitación, acazapada na escuridade coma un depredador famélico e intanxible.

     Estou indefenso.

     Levouse á miña muller fai apenas uns intres… Nun chiscar de ollos. Nin sequera puiden despedirme… Todo canto amo corre perigo.

     Teño medo, un medo xélido e visceral que atenaza até a última das miñas células. Procuro non moverme, non chamar a súa atención. Apenas respiro, pero non hai acocho posible, está tan preto… Sinto a súa negra bruma invadir a miña mente, esgazándoa implacable…

     ―Ola, papá. ―A porta entreabriuse de súpeto, recortando contra a luz do corredor a figura dun home alto.

     ―Q-quen… quen es ti? ―balbucín ao cabo. A miña vida esvaecida xa nas fauces do Escuro, devorado cada recordo pola súa furia descarnada.

 

2017-11-16T23:36:30+00:00 16 / 11 / 2017|6º Concurso de Microrrelato - Adulta|

Deixe o seu comentario