O cuco, o pregoeiro da primavera

Inicio/Blogs/BiosBardia/O cuco, o pregoeiro da primavera

O cuco, o pregoeiro da primavera

Cuco da gesteira, quantos anos me das de solteira?

(Rima portuguesa)

Cuco (Cuculus canorus).

Nati Rei.

O canto do cuco

Ata tempos recentes en Galicia foi común que as mulleres solteiras que desexaban casar practicasen ao comezo da primavera un rito, tan inocente como suxestivo. Consistía en preguntarlle ao cuco, mediante unha elemental rima poética, cantos anos lle quedaban para casaren, e esperaban a que o canto repetido da ave indicase —segundo o número de cu-cús emitidos— o suposto número de meses ou anos que faltaban por chegar para a súa voda.

O son que emiten estas aves diferénciase entre o burbullar das femias e o dos machos. As femias emiten un “pupupú” e o macho emite un sonoro “cucucú”. Pode ser un canto premonitorio, cun transfondo credencial e con funcionamento ritual. Interpretalo forma parte do saber da cultura popular.

O canto do cuco emprégase como óraculo, pois “responde” preguntas como o tempo que lle falta para casar ou finar á persoa que fai a consulta.

Cuquiño, cuco,

rabo de escoba,

cantos anos faltan

prá miña voda?1

O cuco di o número de anos que se vai virir:

Cuco rei, cuco rei

cantos anos vivirei?

Un exemplo do refraneiro asturiano:

Cuco, cuquelo,

rabo d‘estelo,

¿cuántos anos faltan

pa‘l meu enterro?2

Tamén hai fórmulas galegas que sufriron o proceso de desemantización, ao eliminar do texto e da súa función a referencia ao cuco e aos seus dotes augurais. Aquí un exemplo:

Rei, rei,

cantos anos vivirei?

Un, dous, tres, catro,

cinco, seis,

sete, oito,

nove, dez…!3

O seu editor sinalou que “este xogo faise poñendo a escoba vertical na palma da man, co penacho de plumas cara a arriba, e segundo os segundos que se manteña en equilibrio calcúlanse os anos que se han de vivir”. Noutras partes de Galicia este ensalmo recítaselle á xoaniña.

As preguntas deben facerse nunhas condicións determinadas: en xaxún e pola mañá durante a primavera e endexamais se lle pode interromper o canto, pois é mal agoiro e traerá mala sorte e incluso a morte.

O canto do cuco misteriosamente cesa ao chegar o verán:

“Entre marzo e abril, sae o cuco do seu cubil; coa neve non quere vir ”; “Ao cuco san Xosé dálle a fala —19 de marzo— e san Pedro —29 de xuño— sácalla”; “Cando o cuco chega, entón é primavera; se o cuco aínda non chegou, é que a primavera non comezou”.

Un dito similar en éuscaro di o mesmo:

Kukuak Andra Mari Martikoz kuku, san Pedroz mutu (O cuco canta pola Virxe de marzo, en san Pedro cala).

Sinónimo de cornudo

Tamén foi un símbolo acuñado como fraude, pois trátase dun paxaro que tira ao chan os ovos de niños alleos e mete os seus para que sexan chocados por outras aves. Este feito asóciase, en moitos países, co adulterio e a deshonra, ata o  punto de que en diversas linguas europeas o nome de cuco se converteu en sinónimo de cornudo.

O presaxio do cuco

O cuco é unha ave migratoria que chega canda o equinoccio de primavera ás nosas terras, entre finais de marzo e principios de abril. É o pregoeiro da fin do mal tempo e da etapa máis fermosa e fecunda da natureza, por tanto asóciase a ser unha ave ambivalente, ligada á morte –co final do inverno– e á vida, coa primavera.

Segundo sabemos pola tradición popular galega: “entre marzo e abril, ou cuco ou a fin”. Isto quere dicir que o día que deixe de vir o cuco non haberá primavera, e por tanto a natureza non rexurdirá da escuridade e friaxe. Chegará a fin do mundo e a Terra quedará somerxida nas tebras e na infertilidade do inverno.

1 Vicente Risco, “Creencias gallegas: tradiciones referentes a algunos animales”, Revista de Dialectología y Tradiciones Populares III (1947).

2 Pérez de Castro, “Dialogismos en el refranero asturiano”.

3 Manuel Fernández Costas, “Juegos infantiles de la comarca de Tuy”, Revista de Dialectología y Tradiciones Populares VIII (1952).


Source: BIOSBARDIA

2019-04-04T07:33:38+00:00 04 / 04 / 2019|BiosBardia|