O código d’A Limia

Inicio/5º Concurso de Microrrelato/O código d’A Limia

O código d’A Limia

Aqueles experimentados buzos das “SS” foron atacados por unha atroz emboscada de mosquitos ao emerxeren da auga. Un a un foron caendo en coma e, ao pouco, morreron de paludismo. O suceso tornou unha hipótese en obsesiva certeza para o doutor Rahn: o Graal, coa sagrada estirpe gravada a fogo, non estaba en Montsegur, nin en Monserrat, nin nas terras do Ulla. Moraba na antiga Antioquía, asolagada baixo a Lagoa de Antela, protexido polo Rei Artur e por unha chea de audaces cabaleiros enfeitizados.

Naquela altura as prioridades no “Reich” eran outras e cesaron as exploracións, porén, Rahn, tras simular a súa morte nos Alpes, afincou no país teimando durante anos coa idea baixo a protección do xeneral Villarrubia. Convenceron ao ministro para meter as máquinas e baleirar a inmensa lagoa na procura da reliquia, agora, para maior gloria do “caudillo” . Como é sabido, o infrutuoso dispendio rematou sen Lagoa en sen Graal.

Villarrubia acabou destinado en Melilla. Otto Rahn, só, mataríase cunha pílula de cianuro nun eido en Sarreaus.

2017-03-15T08:50:00+00:00 30 / 09 / 2016|5º Concurso de Microrrelato|

Deixe o seu comentario