‘O códice esmeralda’, unha intriga mal acabada

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘O códice esmeralda’, unha intriga mal acabada

‘O códice esmeralda’, unha intriga mal acabada

Albert Blanco.

Lois Z.

Xacobe anda tras dun tesouro agochado por un antepasado seu nalgún lugar da Ría de Vigo durante a batalla de Rande. Unha loxa masónica segue as súas pescudas en segredo, pois o desexado códice esmeralda formaba parte dese tesouro perdido.

Para contarnos esta historia Alberte Blanco dividiu a súa novela en tres partes.

A primeira, ademais de servir como introdución de Xacobe, trata sobre a batalla de Rande. Xacobe atopa uns diarios que narran os días previos á contenda e o traslado a terra da carga que traían os barcos españois das Indias. O contido deses manuscritos que engaiolaron a Xacobe eu non o coñecín. No seu lugar, o autor instruíume cunha lección de historia, a modo de flashback, sobre o que aconteceu na Ría de Vigo aquel día de outubro do 1702. Agradézolle a charla sobre o tema, pero ó facelo así creouse unha diverxencia entre o que lin –unha narración omnisciente, wikipedesca, cuns diálogos de cartón-pedra inseridos coa única función de dar un respiro entre tanto dato histórico- e o que leu Xacobe –un diario escrito por alguén que viviu en primeira persoa as horas previas á batalla.

Estas cento vinte páxinas de contido argumentalmente superfluo están, ademais, narradas baixo un enfoque que non se integra ben co presente da novela: “A experiencia de Manuel de Velasco como xeneral da frota era máis ben escasa, o seu cargo comprárao á Coroa por trinta mil escudos, algo habitual naquel tempo” (p. 34). O subliñado é meu. Moi ben, pero entón cal é o tempo actual do narrador? O narrador da primeira parte é un profesor de 2017 (non o digo porque o autor o sexa, acabo de mirar na biografía da lapela e resulta que si o é) que lle pasa diapositivas a un público do 2017. Isto rompe o compoñente literario que debería ter a ficción histórica. Non pode ser que o corazón da túa historia sexa só unha escusa para vestir o libro coa pel dun momento histórico cun determinado potencial de vendas. Non é de estrañar que me supuxese tanto esforzo durante toda a lectura manter a idea de que Xacobe vive en 1902 e non no noso século.

Tamén me parece un erro que as personaxes de orixe francesa estean continuamente calzando palabras nese idioma nas súas intervencións (madame, mon ami, etc). Resulta molesto e non ten sentido. Tampouco o ten que as cartas en francés se mostren en galego e en cambio algunha escrita en castelán se manteña en castelán. É boa cousa manter os mesmos criterios con todos os idiomas (que non quere dicir que todas as novelas deban ser escritas baixo os mesmos criterios).

A segunda parte da novela é unha historia que un vello da vila lle conta a Xacobe. Non vou afondar nela porque a pesar de que ocupa outras cento vinte páxinas é un relato autoconclusivo que non ten moito que ver nin co lido ata o momento nin co que virá despois. O único digno de mención é unha nova desconexión entre o que o ancián lle conta a Xacobe –un relato oral construído coas súas propias palabras e recordos e tamén, por tanto, parcial– e o que o autor me deu a ler en realidade –unha adaptación cinematográfica desa historia, adornada con multitude de detalles que o vello non podía coñecer e por tanto Xacobe tampouco.

E por fin, na paxina 257, comeza O Códice esmeralda. A historia de Xacobe é unha historia de intriga e toda intriga nace da falta de información. Para conseguir isto Alberte Blanco deseña un Xacobe con amnesia. Unha fatídica sesión de hipnose xustifica esa perda de memoria. Esta solución, perfectamente válida para crear unha intriga literaria, xeroulle ó autor dous problemas. En realidade non eran problemas, pero el considerou que o eran talvez porque é dos que pensan que o que debe estar intrigado é o lector e non as personaxes.

O primeiro non-problema é que Xacobe descoñece a transcendencia das cousas que non recorda, nin sequera sabe que ten amnesia. Este non-problema (chámolle así porque non era necesario loitar contra esta premisa) ten unha habitual e artificiosa non-solución: intercalar capítulos narrados baixo a perspectiva de personaxes mellor informadas: os antagonistas. Por iso a primeira mención ó famoso Códice esmeralda tiven que lela de boca dun dos membros da loxa e non como un descubrimento natural de Xacobe.

O segundo non-problema chega cando Xacobe recupera a memoria. Como daquela Xacobe ten todas as claves para saber o que está pasando… o autor mudou o punto de vista da narración. Por iso, desde ese momento, xa preto do final, a novela nárrase desde os ollos Elphi, un dos amigos de Xacobe. Xacobe converteuse nun estorbo narrativo que houbo que sacar do medio. Esa non é unha boa forma de crear unha intriga. Tampouco facendo que o narrador empregue sen descanso os adxectivos estraño, enigmático e misterioso (consultar páxina 304). Nin a través de soños indescifrables.

O códice esmeralda tiña todos os ingredientes necesarios para entreter a calquera durante un tempo: un conxunto ben curioso de personaxes secundarias, un par de misterios a resolver, un acontecemento histórico de fondo, un autor que coñece moi ben a contorna pola que se moven as personaxes e 420 paxinas de extensión. Só faltou que fose unha boa novela.

♦ O códice esmeralda, de Alberte Blanco, Xerais, 2017. 420 páxinas. ♠20€


Source: BIOSBARDIA

2019-05-28T07:45:10+00:00 28 / 05 / 2019|BiosBardia|