‘No obradoiro do fabulador’, os gustos literarios de Cunqueiro

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘No obradoiro do fabulador’, os gustos literarios de Cunqueiro

‘No obradoiro do fabulador’, os gustos literarios de Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro.

Xesús González Gómez.

Xa vai para case dous anos que nesta web demos noticia da aparición do volume No obradoiro do fabulador. Artigos en lingua galega. Faro de Vigo, 1963-1971, de Álvaro Cunqueiro, publicado pola Editorial Galaxia e en edición de Iago Castro Buerger e Xosé-Henrique Costas. Agora, hai uns meses (en setembro) deuse ao prelo o segundo volume que contén, teoricamente, os artigos que o de Mondoñedo publicou no noso idioma no xornal vigués, do que chegou a ser director, de 1972 até 1981, ano do seu pasamento: No obradoiro do fabulador. Artigos en lingua galega. Faro de Vigo, 1972-1981, correndo a edición a cargo dos mesmos curadores e publicado o libro pola mesma editorial.

Percorrendo os escritos de Cunqueiro recollidos neste novo volume, o lector atopara artigos sobre «filoloxía», sobre tradución, recensións de libros galegos, homenaxes a autores galegos e estranxeiros, presentación de autores non galegos, recensión de libros de e sobre escritores estranxeiros, etc. etc. Unha, digamos, «silvia de varia lección». Mesmo atopara  o clásico artigo de xornal, son os que escribiu en lingua galega para a súa sección «El envés». (Poden facer vostedes unha ucronía e imaxinar que sería a obra de A.C. de poder escribir todos os artigos que publicou en castelán… en galego? E o que sería a nosa literatura?)

O lector habitual de Cunqueiro non se sorprenderá ao ler as loanzas a Brecht, do que afirma, na recensión que fai do libro de Paolo Chiarini, Bertold Brecht, «que xa está con Kafka, con Hesse, con Joyce, con Proust, no palco de honra da literatura deste século» (do vinte, claro). E tres páxinas máis adiante, na 82, no final do artigo «Bernard Shaw de actualidade», escribe: «Shaw, coma Pirandello, non envellece. Shaw, Pirandello e Brecht, con O’Neill, os catro grandes do teatro do século XX». Pode, non obstante, sorprenderse o lector ao ler o que afirma sobre Rafael Alberti o de Mondoñedo: «[un] dos meirandes poetas de lingua castelá de todos os tempos». Pode o mesmo lector, despois e ler que «hai quen asegura que somentes a súa pertenza á esquerda política debe gran parte da súa sona, e as súas traducións ao checo, ao ruso ao alemán…» (está a falar do poeta grego Yannis Ritsos), pensar que o escritor galego pensa o mesmo que esas voces, pero non: todo o contrario: é un defensor de Ritsos, e así, falando dun longo poema do grego, remata Cunqueiro o seu artigo escribindo: «O fin do poema, coma moitas veces en Ritsos, é mui fermoso e inesperado» («Letras gregas de hoxe»). Curioso, non si?, sobre todo tendo en conta que cando escribía isto o mindoniense, inicios dos 1970, a maioría dos seguidores de Brecht, de Alberti, en Galicia, se os había, que debía habelos, desprezaban o Cunqueiro escritor… por «escapista». Tamén poderá o lector saber que para o noso escritor, o poeta español Góngora é «un anxo luminoso», etc.

Como acontecía cos escritos recollidos no anterior volume, coa suma dos presentes o lector pode tirar unha poética de Cunqueiro, unha idea moi clara da clase de literatura da que gustaba, aínda que, en realidade, digamos que se axeonlla ante a boa literatura, sexa esta da caste que for. E para apoiar o que acabamos de dicir, só hai que ler os escritos dedicados a Risco, a Otero Pedrayo, a Rafael Dieste, a Pimentel, a Blanco Amor, a Rosalía, entre os galegos. A Georg Tralk, a Ted Hughes, Molière, Sylvia Plath (poeta menor, para el), Dante, Yeats, o citado Brecht, etc. Pero talvez os escritos nos que se albisca a poética cunqueiriá con máis claridade son aqueles que non están dedicados a un escritor ou a unha obra: «Indo e volvendo. UBI SUNT?», «Do dibuxo ao alfabeto», «Problemas literarios: traducir ou non traducir», «Cousas e días. Os grandes saberes», «Falando de literatura», etc., aínda que non faltan escritos dedicados a obras ou escritores dos que se pode deducir a poética cunqueirá: «A Comedia de Dante» (que contén unha moi «fina» observación sobre a tradución ao castelán de Ángel Crespo, tan loada), «Un poeta e unha cidade», «No segundo centenario de Novalis», «No centenario de Molière. Unha lección de poética», «Un poeta que vén da sombra», etc.

En fin, que neste volume, como no anterior, Cunqueiro toca moitas cordas e pódese afirmar que ningunha desentoa: léase, senón, Lendas e presas dos ríos galegos, que é a recensión dun libro de título tan atractivo como Leyendas del kilowatio gallego, da autoría de Ramón García Fontenla. Ou a recensión do libro Cativo da miña tristura, de Xosé María García-Rodríguez, que é unha obra mestra da destrución (sic) dun libro facendo unha recensión «amábel» ou, cando menos, nada «dura». Ou sexa, como sempre: un Cunqueiro máis para desfrutarmos.

Nas páxinas de presentación deste segundo volume de escritos en galego de Cunqueiro publicados en Faro de Vigo, os curadores, os mencionados Iago Buerger e Xosé-Henrique Costas, danme as grazas por lles indicar nestas mesmas páxinas os esquecementos involuntarios que incorreron no volume, tamén ao seu cargo, O mundo que teño de meu. Artigos en lingua galega. Prensa e revistas 1930-1980 (Vigo, Editorial Galaxia, 2013), que recollía os escritos xornalísticos de Álvaro Cunqueiro publicados en medios de comunicación escrita que non fose Faro de Vigo. Nesa recensión indicaba que faltaban 16 artigos publicados en El Pueblo Gallego antes do 18 de xullo de 1936: digamos que debemos engadir tres artigos máis:

A pequena historia, 27 de decembro de 1935.

Paxariños de papel a Bécquer, 22 de marzo de 1936; e

Retratos, 19 de xuño de 1936.

Ou sexa, de El Pueblo Gallego, de antes de agosto de 1936, faltaría un mínimo de 19 artigos. Digo mínimo, porque en Galiciana faltan bastantes números do xornal.

A estes 19 artigos habería que engadir un máis publicado en La Voz de Galicia, dato que os curadores reproducen, mais non reproducen (esquecemento) os datos seguintes sobre artigos que, ao meu parecer, faltaban no libro, que entregaba eu na miña recensión:

Antes de 1936

Centenarios extraños. Pedro Bernardo Díaz, Universitarios, nº 2

E de despois de 1950:

O forasteiro de duas capas, Galicia. Revista del Centro Gallego de Caracas, nº 7, xuño-xullo, 1953

E:

Os fogos do Apóstolo, Programa de festas de Santiago de Compostela, 1980.

Artigos ao que se deben engadir os 11 artigos/recensións/nótulas de Grial, que si transcriben os curadores, e máis «Ribadavia», aparecido en El Progreso, o 10 de abril de 1977, mais reproducido do «Almanaque de la Caja de Ahorros de Vigo».

No que respecta ao volume 1 de No obradoiro do fabulador, anotan que eu afirmaba que botaba en falta o artigo «Os oitenta anos da morte de Gerard Manley Hopkins» (30-XI-1969). Digamos que me precipitei: faltan algúns máis. Velaí, xa que logo, unha serie de artigos de Cunqueiro publicados en galego en Faro de Vigo que non aparece en ningún dos dous volumes de No obradoiro do fabulador e que, na miña opinión, deberían estar integrados nos dous volumes de que falamos. O que non quere dicir que non falten máis (ou ao mellor non), non o sei, xa que non consultei os arquivos do xornal vigués, senón soamente o meu arquivo particular e parte do de Basilio Losada Castro, legado ao Departamento de Galego da Universidade de Barcelona.

El Envés: Tres miragres do Santo Patrón, 25-VII-1965.

A Santiago ven el-rei, Manuel María Seoane, 26-VII-1966. (artigo reproducido en Grial, nº 57 e, como tal, recollido en O mundo que teño de meu).

Memoria de Cecilia Meireles/ Cecilia e Rosalía, 13-XI-1966 (sen asinar; curiosamente, si publicado en Álvaro Cunqueiro, Obra en galego completa. Ensaios. IV, Vigo, Ed. Galaxia, 1991).

As once cantigas de Xoan Zorro. Arredor da verba “Ler”, Álvaro Labrada, 22-VI-1969.

Notas sober “O Bosco”, Patricio Mor, 21-XII-1969.

Compostela en “As memorias de Europa”, 31-I-1971.

Un ensaio sober Castelao, 13-VI-1971 (recensión de Eduardo Blanco Amor, Castelao. Notas periodísticas, Ourense, 1971).

Poetas metafísicos ingleses do XVIII, 23-VI-71 (talvez o teña eu mal datado e sexa o 27).

Os burgueses de Compostela e o arcebispo Xelmírez (sobre o libro de Reyna Pastor de Togneri, Conflictos sociales y estancamiento económico en la España medieval), 17-X-1971

A morte veu por Dino Buzzati, Patricio Mor, 8-II-1972.

Presencia de Lovecraft. Noticia de Owen. Noticia de Cunqueiro, 18-VI-1972 (a primeira parte do escrito é a tradución dun texto de Owen sobre o escritor estadounidense. A segunda a tradución, ao galego, dunha noticia de Cunqueiro publicada en 1946 nunha revista madrileña).

A nosa paramioloxía, 12-XI-1972 (sen asinar).

Letras I, de Carlos Peregrín Otero. Unha nota sober de ortografía galega, 21-I-1973.

Galicia nos libros. Os irmandiños (sobre o libro de Luis Bonilla, Las revoluciones españolas del siglo XVI), 18-II-1973.

Notas galegas de Luís Seoane (sobre o libro deste Comunicacións mesturadas), 22-IV-1973

Eliot en galego, 3-VI-1973 (sen asinar).

A recuperación literaria do galego, 9-IX-1973 (publicado no citado volume de Ensaios, aínda que con erros, xa que a primeira parte do artigo que se reproduce non é de Cunqueiro, senón, se mal non lembro de Darío Xohan Cabana).

Powys e os encantos de Glastonbury, 2-V-1976 (sen asinar).

El Envés: O galego da visita real./ La gloria literaria, 4-VIII-76 (a primeira parte do artigo en galego. A segunda en castelán).

El Envés: O corno de Roldán. O recorte que obra no meu poder non ten data, mais no reverso reprodúcense diversas necrolóxicas que dan o día 29 de setembro de 1977 como data; ou sexa, ou é do 29 ou do 30 dese mes e ano).

Amores de lamprea e outras notas, 20-IV-1980.

Penso que, en total, son un bo monllo de artigos. Artigos aos que se poden engadir diversas «Táboas revoltas das letras». Os curadores engaden varias, eu, pola miña conta, engadiría as seguintes (das que, como dixen, obran no meu poder ou teño coñecemento):

Taboa revolta das letras: Aquelas noites tan longas (paráfrase-comentario do traballo de Dolores Balseiro: «Aquelas noites tan longas. Pequena lembranza de Juiao Balseiro», aparecido en Grial, nº 29), 20-IX-1970.

Táboa revolta das letras: O simbolismo, 1-VIII-1971.

Táboa revolta das letras. Os “cahier” de Valéry. O grande vento pondaliano, 6-V-1973.

Como curiosidade, digamos que na páxina de Artes e Letras do xornal vigués, do 31 de xullo de 1966, hai unha pequena, pequeniña, sección titulada «Notas de redacción», que achega dúas pequenas notiñas: «Sober da crítica» e «O Falstaff de Welles». Notiñas, a todas luces, de Álvaro Cunqueiro, aínda que están asinadas por Rubón (sic) D. Blanco: outro pseudónimo do de Mondoñedo?

A case corenta anos do seu pasamento (o febreiro cumpriranse trinta e nove), aínda non contamos coas obras completas de Álvaro Cunqueiro –nin en galego, nin en castelán–; obras completas que deberían ser labor dun equipo, como dixemos noutras ocasións, xa que hai moito sitio no que fozar, mais en castelán que en galego. Non; non contamos coa obra completa de Cunqueiro, como non contamos coa de Otero Pedrayo… e así nos van as cousas.

♦ No obradoiro do fabulador. Artigos en lingua galega. Faro de Vigo: 1972-1981, de Álvaro Cunqueiro. Edición de Iago Buerger e Xosé Henrique Costas, Galaxia, 2019. 392 páxinas. ♠26,20€


Source: BIOSBARDIA

2019-11-27T06:51:59+00:00 27 / 11 / 2019|BiosBardia|