Na mente dun xenio. Desmontando a Philip K. Dick

Inicio/Actualidade Literaria/Na mente dun xenio. Desmontando a Philip K. Dick

Na mente dun xenio. Desmontando a Philip K. Dick

Emmanuel Carrère é un dos escritores vivos máis influentes. O francés está considerado un dos grandes renovadores da narrativa actual por como soubo conxugar a ficción coa investigación histórica e as técnicas do xornalismo. Practicamente todas as súas obras se converteron en éxitos de crítica.

Agora Anagrama publica de novo Yo estoy vivo y vosotros estáis muertos. Un viaje en la mente de Philip K. Dick, un percorrido biográfico pola traxectoria vital do famosísimo escritor de ciencia ficción, creador literario do universo Blade Runner, entre outros. Carrère escolle unha posición próxima, a media distancia, para relatar a intimidade dun xenio capaz de construír unha obra creativa impresionante pero vítima das súas propias pantasmas, adiccións e malas decisións vitais.

Dick é un personaxe tan atractivo desde o punto de vista literario coma as súas obras e neste libro coñecemos polo miúdo non só o “como se fixo” o groso da súa obra senón tamén as súas técnicas narrativas, a súa rutina de traballo, a relación coas mulleres (incluída a súa nai), a influencia que exerceu sobre os seus coetáneos e quen foron os autores que influíron nel.

Ademais, máis alá das vicisitudes vitais do autor, Carrère interésase polas súas reflexións filosóficas. O escritor de ciencia ficción foi unha persoa moi interesada pola relixión. Como a divindade inflúe na vida moderna, como se articula a crenza nun ser superior, cal é a diferenza entre o que percibimos e o que é.

2019-03-28T11:33:30+00:00 28 / 03 / 2019|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario