Invectiva contra as bandas que abrazan os libros

Inicio/Blogs/BiosBardia/Invectiva contra as bandas que abrazan os libros

Invectiva contra as bandas que abrazan os libros

Bandas editoriais espernexando no chan.

César Lorenzo Gil.

Chamámoslle banda na lingua editorial a ese anaquiño de papel, lixeiro de gramaxe, xeralmente brilloso e case sempre impreso cun texto que abraza a capa dun libro co fin de favorecer a súa promoción. Calquera que visite unha libraría pode velos de diferentes cores e tamaños, alí tal koalas enriba de best-sellers e de libros de Premios Nobel. Iso se non dá cunha libraría na que as bandas estean proscritas. É famosa unha libreira, moi activa nas redes sociais, que publica acotío fotos das bandas que desparasita dos seus libros e guinda na papeleira. Eu súmome á súa implacable caza da banda do libro.

Porque a banda do libro estorba. Se colocas o volume en vertical no andel, ben arrimado aos outros libros, complícache a vida. As bandas pelexan entre si. Son ciumentas. A banda do libro que queiras colocar vai chocar coa dos libros xa situados no estante e igual que sucede cun novo militante en calquera partido de esquerdas, vai ser tratado con hostilidade até crebar a súa vontade. O de crebar ou rachar é literal. Na maior parte das veces que queres colocar un libro con banda entre outros dous abandados unha banda (ou todas) van quedar na batalla. É común chegar a unha libraría e ver as bandas cicatrizadas, cos bordos esgazados, enrugadas, sobreviventes gladiadoras dun combate a morte.

Porque a banda na casa é inútil. O lector atópase con que a banda, tan agarimosa co seu libro cando está por vender, se volve desazada en canto queres ler a obra. Cada vez que pasas unha folla intenta marchar, enrédase, atrapalla a lectura, reclama, coma un replicante de Blade Runner o seu dereito a vivir máis alá da súa efémera función  promocional. Algunhas almas luminosas intentan darlle un segundo uso e converten as bandas en marcafollas. É o que ten ás veces a caridade, que carece de estética. Unha banda sinalando a páxina da lectura denota peor gusto que levar gravata con camisa de botóns. As pregas da banda requíchanse, espernexan, non queren que as esmaguen entre páxina e páxina. O tópico de “devorar un libro” ten un resultado físico palpable nos casos de lecturas con banda incluída. Para cando se remata a obra, da tal banda só queda un farrapo vítima da entropía.

E cando o lector, xa avisado, quere eliminar do diálogo co libro a tal banda, esta ten o costume arácnido de se botar pola fírgoa entre a parede e a mesa de noite, desaparece e como é inútil ninguén a estraña até que chega esa vez ao ano que limpamos por detrás dos mobles e alí aparecen, unha colonia de bandas náufragas decoradas con barbas de nobelos de po.

Falemos claro: a banda non serve para nada. Que máis nos ten que desde a mesa de novidades nos mire a cara do autor reclamándose premiado con tal ou cal galardón. Confiariamos nalguén que intentase levar a súa mensaxe máis preciada escrita na súa camiseta? Hai bandas moi glosadas, derradeiras oportunidades para o editor-promotor incontible que esgotou todo o espazo na contracapa e xa non sabe onde indicar as bondades do escritor nin como parar de experimentar con diversas tipografías e tamaños. Nos máis dos casos, a banda é unha especie de muro onde se recollen declaracións de persoas con nome e apelidos sobre o libro. No caso de reimpresións son fragmentos de reseñas habitualmente, frases descontextualizadas coroadas con cualificativos xenerosos pero inconcretos: extraodrinario, brillante… Hai editoriais que supoño que obrigan a outros autores do seu catálogo a gabaren outro título. Só os que venderon ben, os outros non os chaman para isto. Convértenos en padriños destoutros libros e ás veces o nome deste prescritor vai tan grande que o lector pode pensar que en vez de recomendalo en realidade o escribiu, sobre todo se a banda, no seu afán de protagonismo, foi gabeando coma unha mona capa arriba até tapar o xusto espazo onde se dá noticia do real nome do autor do volume.

Co reinado das redes sociais xa non só nos recomendan o libro persoas con nome e apelido. A banda énchese de nicknames precedidos por unha arroba, supostos lectores do común que ao remataren a lectura compartiron o seu entusiasmo publicamente. As frases adoitan ser igual de baleiras ca as dos outros reseñistas identificados e non sei se alguén, logo de ler o eloxioso comentario, foi procurar o autor nas redes e empezou a seguilo ou lle pediu amizade no facebook. “De que me coñeces?”, podería preguntar o comentarista célebre. “Vin unha frase túa na banda dun libro e sentín a necesidade de saber máis de ti”. É un bo comezo para unha novela ou para un caso de acoso. Non coñezo ningunha intervención artística que consistise en ir ás librarías mudar estas bandas de entusiasmo por outras en plan “a este libro sóbranlle a metade das páxinas”, “o autor copiou a Camilleri pero en malo” ou “realmente vai pagar 20 euros por este obxecto estando o Netflix a 12,99 ao mes?”

Faino por Greta Thunberg. Rexeita as bandas. Coas sobrecubertas xa hai malgasto de papel abondo.


Source: BIOSBARDIA

2020-01-14T05:52:12+00:00 14 / 01 / 2020|BiosBardia|