Ideas apocalípticas sobre a escritura: de Sócrates á internet

Inicio/Blogs/BiosBardia/Ideas apocalípticas sobre a escritura: de Sócrates á internet

Ideas apocalípticas sobre a escritura: de Sócrates á internet

Recreación escultórica de Sócrates-

Manuel Veiga Taboada.

No último libro de Amos Oz, De que está feita unha mazá?, encontro esta frase: “As cousas non están indo ben. Por exemplo, que o teu fillo medre nun mundo no que a linguaxe é a do SMS. Que a xente, se é que le obras literarias, lea só textos resumidos”. Unhas liñas despois, pregúntase a si mesmo con sarcasmo: “A quen lle importa o pasado? Iso non nos interesa. Para que teño que saber quen era Herzl, ou quen era Ben Gurion, ou quen era Shakespeare?”.

Estas ideas de Oz, un autor progresista, non son unha sorpresa, máis ben representan un lugar común, sobre todo entre as persoas de máis de cincuenta anos. A internet encarna para elas o mal. Consideran que o tipo de sociedade que traen consigo as novas tecnoloxías será peor, máis ignorante, que a que nos precedeu.

Como estas ideas son ultimamente, en efecto, moi frecuentes, alguén se preocupou de buscar un moi oportuno texto de Sócrates contra a escritura e de difundilo a través precisamente da internet. As ideas de Sócrates, vistas con case dous milenios e medio de distancia, actúan como unha ironía, e tamén como unha posíbel orientación, para os que se senten perdidos neste momento de cambio.

Como se sabe, Sócrates era ágrafo, negouse a deixar as súas teorías por escrito. Ao seu modo de ver, a filosofía só podía xurdir a través da conversa. Incluso ideou un método, a maiéutica, segundo o cal o alumno debe ir acadando os seus coñecementos por medio das preguntas que lle vai facendo o mestre.

Influído por este sistema, o seu discípulo Platón decidiu expresarse a través dos chamados Diálogos, pero, contradicindo a Sócrates, deixounos todos por escrito. De Platón temos hoxe incluso máis textos que dos filósofos gregos anteriores, incluídos os presocráticos e os sofistas. O propio pensamento de Sócrates énos coñecido grazas ao que Platón puxo na súa boca.

O que Sócrates opina da escritura aparece recollido no Fedro. O propio Fedro dille a Sócrates: “Ti mesmo sabes que os máis poderosos e respectábeis nas cidades se avergoñan de poñer en letra as palabras e en deixaren escritos propios, temendo pola opinión que deles se poidan formar no futuro”. Temor que se mantivo por certo, até tempos recentes, na ensinanza impartida polos xesuítas.

Non todos pensaban así. Nos séculos V e IV a.C. produciuse en Grecia un debate sobre a preeminencia da oralidade ou da escritura como mellor medio de expresión. Isócrates fixo da oratoria un xénero totalmente escrito, o que lle valeu unha forte discusión con Alcidamante, quen sostiña que os discursos non debían escribirse de maneira ningunha. Da banalidade desta polémica dá idea, entre nós, o feito de que Castelao, que parecía improvisar, en realidade escribía e memorizaba os discursos, mentres que, á inversa, Otero parecía telos escritos cando eran froito da improvisación.

Os que defendían unha maior implantación da escritura supoñían que esta faría a xente máis sabia e aumentaría a memoria. Sócrates, en cambio, pensaba o contrario. Na súa opinión a escritura traería consigo o esquecemento e o descoido da memoria, xa que “fiándose do escrito, [as persoas] chegarán ao recordo desde fóra, a través de caracteres alleos”. E engadía: “Non é pois un fármaco da memoria o que encontrastes senón un simple recordatorio. Aparencia de sabedoría é o que lles fornecedes aos vosos alumnos, que non verdade”.

Sócrates afirma tamén que “unha vez que algo foi posto por escrito, as palabras rodan por calquera parte, igual entre os entendidos que entre aqueles aos que non lles importa en absoluto, sen saber distinguir a quen convén falar e a quen non”. Non se asemella algo esta opinión á dos que critican as redes sociais?

Con todo, o propio Platón, cos seus diálogos, o que pretende é conservar en parte o estilo aberto ás mil curiosidades da rúa e á improvisación que con tanto acerto practicara Sócrates. Tanto para Sócrates como para Platón, o diálogo é a presenza viva do razoamento.

O verdadeiro pensamento sería así a suma dos discursos de todos os interlocutores que participan na conversa, aínda que guiados por un mestre que realiza as preguntas (algo que non deixa de lembrar o método do psicanalista). Sócrates usa nuns casos a ironía, para facerlles ver aos seus discípulos que algún dos seus pensamentos está baseado nun prexuízo, e outras veces ese sistema dialéctico de preguntas que fai agromar un coñecemento latente.

Chegados aquí, o escéptico seguramente argumentará que as redes unicamente provocan debates que no mellor dos casos son intranscendentes ou unha simple forma de cotilleo. Pero nin Sócrates nin Platón podían ignorar que a conversa ben podía caer na palabrería, na superficialidade ou no insulto, pero tamén sabían que ao lado deses defectos, rozándose, encontrábase o pensamento e a razón.

Amos Oz, por exemplo, afirma que “a literatura é prima irmá do chismorreo, do devezo humano por saber o que ocorre tras as persianas pechadas dos demais, cales son os seus segredos”. “A diferenza entre eses primos –engade Oz– é que o chismorreo cóntanos o que no fondo xa sabiamos, é dicir, que todos no fondo somos o mesmo e que ninguén é superior. Mentres que a literatura cóntanos ás veces algo que non sabiamos ou un aspecto novo de algo xa coñecido”.

De todos os modos, a internet representa un paso máis alá. A internet é o lugar onde todo o mundo le, pero, sobre todo, onde todo o mundo escribe e ademais ten unhas posibilidades nunca vistas de difusión. Estamos ante un importante fenómeno democratizador. Se o desenvolvemento do século XX permitiu que o texto escrito chegase a todas as partes, como Sócrates anunciaba con temor, incluso a persoas pouco capacitadas, sobre todo grazas á prensa popular e o libro de peto, esta nova era incita a todo o mundo a escribir, sen limitacións e moitas veces vulnerando a ortografía e bordeando o insulto. No seu punto máis alto, a escritura volve ser conversa, retorna a unha sorte de nova oralidade. A vivacidade da rúa que Sócrates tanto apreciaba encóntrase agora aí, representada na internet.

Canto gañamos e canto perdemos nesta evolución? En principio, diríase que, seguindo a Sócrates, a comodidade da rede induce a realizar menos esforzos memorísticos, pero tamén é verdade que necesitamos máis memoria para lembrar a enorme cantidade de información que ultimamente debemos manexar.

O que cambia son as cousas que recordamos. Talvez agora sexa máis importante saber que tipo de información debemos buscar e onde encontrala que lembrar a información en si mesma.

É difícil de crer que no futuro imaxinábel Shakespeare sexa esquecido, como temía Amos Oz. As súas obras son dinámicas e expresan cuestións esenciais da natureza humana, pola mesma razón que aínda non esquecemos a Ilíada, aínda que nos resulte pesada a súa forma en verso e os parlamentos dos deuses que Baricco, na súa versión, decidiu tan sabiamente suprimir.

O que si parece necesaria é unha mudanza nas plataformas que distribúen a información e no concepto que temos dunha información “seria”. Talvez é hora de asumir que a Enciclopedia Británica pode ser superada pola wikipedia e non só en accesibilidade. Igual que deberiamos admitir que non é mao que todas as persoas escriban, do mesmo modo que non é mao que todos os cidadáns voten, aínda que réximes antigos defendesen o despotismo ilustrado.

As redes sociais posúen os defectos inherentes á democracia, pero tamén as súas virtudes. Talvez a este tempo de cambio lle falta aínda un Duchamp que simbolice a fin das regras a priori, en favor do criterio referendado no debate.

O intento de restrinxir as redes, por exemplo a través do contestado artigo 13 que vén de aprobar a UE, non mostra só a inquedanza ante o que podemos perder senón tamén a tradicional resistencia dalgunhas minorías a compartir a súa voz, como noutra época lle sucedeu á Igrexa cos libros ou aos conservadores británicos coa prensa das trade unions.

Pero non todo o mundo é remiso aos cambios. Igual que no tempo de Sócrates, hai opinións a favor e en contra. O cineasta norteamericano Jim Jarmusch vén de declarar que: “O mundo é dos adolescentes. A xeración que hoxe en día pasa por eses anos é moi creativa e arriscada no cultural”. E conclúe: “Fascíname o que están a facer”.


Source: BIOSBARDIA

2019-11-05T06:57:12+00:00 05 / 11 / 2019|BiosBardia|