‘Grandville’, o Imperio británico convertido en colonia

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Grandville’, o Imperio británico convertido en colonia

‘Grandville’, o Imperio británico convertido en colonia

Viñeta de ‘Grandville’.

Edu Maroño.

Bryan Talbot (Wigan, Reino Unido, 1952) publicou os seus primeiros cómics a finais dos anos 70 do pasado século. Comezaba así unha carreira marcada por unha peculiar ollada política unida a unha forte vontade de manter a independencia creativa, o que non lle impediu colaborar con algunhas das publicacións máis populares das illas británicas (2000AD) ou mesmo con grandes compañías do cómic norteamericano coma DC Comics. Non obstante, o seu prestixio actual débese principalmente a títulos da súa creación coma The adventures of Luther Arkwright (1978-1989) e a súa secuela Heart of the Empire (1999), The tale of one bad rat (1995) ou, máis recentemente, colaboracións coa súa esposa Mary M. Talbot como Dotter of her father’s eyes (2012) e The red virgin and the vision of Utopia (2016). En 2009 vía a luz o primeiro volume do que, ata a data, é o seu gran proxecto en solitario neste século, Grandville, unha serie detectivesca ambientada nun escenario steampunk e que transcorre principalmente na cidade de París, denominada aquí Grandville.

‘Grandville’, cómic de Bryan Talbot.

Na escena inicial do primeiro volume da serie, o inspector LeBrock de Scotland Yard e o seu axudante, o detective Roderick Ratzi, visitan a casa na que foi achado morto un diplomático británico. Analizando a escena do crime co método dedutivo xenuinamente holmesiano, LeBrock desbota axiña a tese do suicidio e infire que se trata dun asasinato, o que dará lugar á investigación que desencadeará toda a trama posterior. Na primeira aparición dos protagonistas, Talbot usa como modelo obvio a parella máis célebre da novela de detectives, Sherlock Holmes e John Watson, mais a medida que o relato avanza descubrimos que ambos personaxes se afastan dos seus referentes. Fronte á caracterización eminentemente intelectual de Holmes e a súa sobriedade británica, LeBrock é forte e violento ademais de sexualmente activo. O seu compañeiro Ratzi tampouco se limita ao papel de asombrada testemuña dos descubrimentos de LeBrock; pola contra, compórtase coma un “home” de acción en varios lances. “Home” vai entre aspas porque Ratzi non é un humano senón un rato; LeBrock é un teixugo. Os personaxes de Grandville son animais antropomorfos, no que supón unha homenaxe confesa de Talbot ao ilustrador francés Jean Ignace Isidore Gérard, que asinaba as súas obras baixo o pseudónimo J.J. Grandville. Grandville revélase así coma un texto hipercodificado, que se asenta sobre unha morea de referencias que nos máis dos casos aparecen alegremente subvertidas. Talbot establece un diálogo contraditorio co lector, agasallándoo coa gratificante presenza de referentes recoñecibles que despois deforma ao seu antollo.

Falabamos da ambientación steampunk. Efectivamente, malia transcorrer no tempo actual, a paisaxe que Talbot debuxa podería corresponderse coa Inglaterra vitoriana ou a Francia do fin de siècle, mais mesturado con enxeños de aspecto retrofuturista coma autómatas, artefactos voadores ou sistemas de comunicación equivalentes ao teléfono móbil actual. O feito de elixir París coma escenario central constitúe un novo e notable desvío, xa que o quilómetro cero da mitoloxía steampunk é Londres. Máis interesante aínda é a descrición xeopolítica do espazo no que transcorre a acción. Na ucronía imaxinada por Talbot, o Reino Unido perdeu as Guerras Napoleónicas a principios do século XIX e pasou a ser unha colonia francesa despois de que a familia real británica coñecese de primeira man o invento máis célebre de Joseph-Ignace Guillotin. Tras un longo tempo de dominación, xurdirían movementos de desobediencia civil e terrorismo anarquista que levaría á recuperación da independencia vinte anos antes do momento no que transcorre a acción. Talbot mostra como os franceses tratan con desprezo e condescendencia os habitantes da agora chamada República Socialista de Bretaña. Non só iso, nunha estación ferroviaria dunha pequena vila inglesa Ratzi escoita a dous veciños falar. “Que é esa estraña xerga que falan eses paisanos?”, pregunta. “Ten un sotaque moi pavero”. “Nunca o oíra antes?”, responde LeBrock. “Aínda se fala nalgunhas comunidades rurais. É inglés”. Xa que logo, Ratzi e LeBrock, os ingleses en xeral, falan en francés, a lingua do imperio.

Na paisaxe ucrónica que Talbot debuxa, os británicos son presentados coma vítimas dunha política colonial comparable á que eles mesmos promoveron no mundo que coñecemos. A lingua inglesa, a día de hoxe a maior ferramenta de penetración cultural do mundo anglosaxón, é en Grandville unha linguaxe minorizada e connotada pexorativamente que sobrevive só no rural. A alguén lle resulta familiar? Conscientemente ou non, o lector británico que se indigne perante o imperialismo francés do cómic está a cuestionar o pasado histórico do seu país no mundo real. A ollada punzante de Talbot sitúa os seus compatriotas diante dun espello incómodo no que, se callar, tamén deberían ollarse os que hoxe pretenden branquear imperios máis próximos.

O primeiro volume de Grandville conclúe coa revelación dunha conspiración política a mans de representantes do poder económico e mediático francés, que pretende crear un inimigo exterior, a súa ex-colonia, para que o imperio recupere o seu grandeur. Non parece que nos afastásemos moito da nosa realidade. Asumindo ademais que este imperio francés é un reflexo deformado da propia Gran Bretaña, non é difícil interpretar o discurso de Talbot como unha crítica á nostalxia imperial británica e, en termos contemporáneos, a certas formas de chauvinismo relacionadas con aquela. Este primeiro volume da serie foi publicado en 2009, o ano no que o UKIP de Nigel Farage irrompeu no Parlamento europeo como segunda forza británica. Talbot foi quen de ventar o ascenso da ultradereita británica e de relacionalo co país veciño. Non é casualidade que en Grandville o presidente francés sexa un coello que se chama Jean Marie. Lapin (“coello” en francés).

Velaí outro dos grandes acertos da serie. Malia as súas evidentes intencións políticas, Talbot renuncia a tomarse demasiado en serio e deixa espazo para a pura intriga policial e tamén para o humor, un humor espiñento que en ocasións vai dirixido contra brancos insospeitados. Por exemplo, cando LeBrock e Ratzi interrogan unha testemuña do seu caso, un fox-terrier branco que responde ao nome de Milou e que atopan nun fumadeiro de opio. “Estou no Loto Azul?”, pregunta o can cando esperta. “Estaba nun sitio cálido… Creo que no Congo”. As chiscadelas a conta das aventuras de Tintín sucédense, un Tintín ao que Milou se refire como o “doughface” (“cara de bola” ou “cara de pan”), que é como os animais chaman os humanos, o chanzo máis baixo da escala social, a escoura.

A día de hoxe, Talbot considera o ciclo de Grandville pechado. Entre 2009 e 2017 apareceron cinco volumes que responderon a unhas claves semellantes ás que vimos de expoñer: intriga criminal, acción, metáfora política e humor. Aínda que o autor lle foi concedendo cada vez máis espazo ao destino dos personaxes e menos á elucubración sociopolítica, a sutil complexidade da serie e o seu atinado comentario da actualidade dentro dunha ficción de imaxinación desbordante, confirman a Talbot coma un dos máis lúcidos superviventes do cómic británico.

Viñeta de ‘Grandville’


Source: BIOSBARDIA

2019-10-29T07:23:01+00:00 29 / 10 / 2019|BiosBardia|