FLAZ 2026

Cartaz FLAZ 2026 | Aira das Letras

José Ignacio Carnero, Koldo Concejo, Tensi Gesteira, Juan Gómez-Bárcena, Lucía Solla Sobral e Antía Yáñez, no Festival Literario de Allariz os días 3, 4 e 5 de xullo do 2026.

A nova edición do FLAZ reflexionará sobre os límites entre verdade e ficción, os novos enfoques na literatura actual e os cambios na difusión de libros a través das redes sociais.

O Festival Literario de Allariz (FLAZ) regresará os días 3, 4 e 5 de xullo cun programa centrado nos desafíos contemporáneos da literatura, as transformacións dos hábitos lectores e as novas formas de comunicación cultural. Nesta edición participarán José Ignacio Carnero, Koldo Concejo, Tensi Gesteira Juan Gómez-Bárcena, Lucía Solla Sobral e Antía Yáñez. O FLAZ, organizado pola libraría Aira das Letras e o Concello de Allariz, consolídase como un espazo de encontro entre creadores e comunidade lectora, ao redor das principais cuestións que atravesan a literatura actual.

A programación comezará o venres, 3 de xullo, ás 19.30 h, coa conversa «O peso da verdade na ficción e viceversa», entre José Ignacio Carnero e Juan Gómez-Bárcena. Ambos os autores abordarán as relacións entre historia, memoria, realidade e invención literaria.

Xa o sábado, 4 de xullo, ás 12.30 h, terá lugar o encontro «Novas olladas, inquedanzas e temas na literatura actual», protagonizado por Lucía Solla Sobral e Antía Yáñez. As dúas escritoras dialogarán arredor das preocupacións e perspectivas que expresan nas súas obras narrativas as novas xeracións de escritoras.

Pola tarde, ás 17.30 h, desenvolverase a conversa «A difusión da literatura nas redes: Novas linguaxes e novos obxectivos», entre Koldo Concejo e Tensi Gesteira. O encontro analizará o papel das redes sociais na promoción da lectura, a aparición de novos formatos comunicativos e os cambios na relación entre autores, editoras e público lector. Ambos relatores teñen abonda experiencia na comunicación sobre libros nas redes.

O festival rematará ás 19.30 h coa mesa redonda «Escribir para un, escribir para os demais», na que participarán todos os convidados desta edición. O debate xirará arredor da relación entre pulsión creativa e expectativa do público.

Ademais das conversas literarias, o domingo, 5 de xullo, celebrarase na praza do Matadoiro a xa habitual Feira de Editoras, aberta entre as 11.00 e as 21.00 h. Allariz convértese así nun punto de encontro para o libro e o tecido editorial galego, con actividades para todos os públicos. Asemade, ao longo da xornada tamén terá lugar unha lectura continuada de obras de Rafael Dieste, entre as 12.00 e as 21.00 h, para recordar o seu 45.º cabodano.

Desde a súa creación, o FLAZ converteuse nun referente cultural do verán galego, reunindo autoras e autores de distintas xeracións e sensibilidades, e apostando por un diálogo aberto ao redor da literatura, a tradución, a edición e a lectura.

Anteriores edicións

Nas súas edicións anteriores, o FLAZ contou coa participación de autores de gran relevancia dentro das literaturas galega, catalá, vasca e castelá, como Katixa Agirre, Diego Ameixeiras, José Ovejero, Emma Pedreira, Edurne Portela, Juan Tallón, Marta Sanz, Belén Gopegui, Javier Peña, Blanca Riestra, Berta Dávila, Antón Riveiro Coello, Carlos Meixide, Marta Orriols, Cristina Sánchez-Andrade, Suso de Toro, Garazi Albizua e Miquel Martín i Serra. Tamén estiveron editores, como Moisés Barcia e Constantino Bértolo, axentes literarios como Bernat Fiol e Marina Penalva, ou tradutores que tamén son autores, como Isaac Xubín e María Alonso Seisdedos.

Ao longo destes anos, o festival consolidouse como un espazo de reflexión sobre a literatura contemporánea e toda a cadea de valor do libro. Fomenta o encontro directo entre creadores e comunidade lectora. Desde a súa fundación, no 2022, o FLAZ busca consolidar Allariz como unha das capitais literarias de Galicia.

OS PARTICIPANTES

José Ignacio Carnero - FLAZ26 | Aira das Letras

José Ignacio Carnero

Naceu en Portugalete (Biscaia) no 1986. Licenciado en Dereito Económico pola Universidade de Deusto, exerce actualmente como avogado en Barcelona. Publicou Ama (Caballo de Troya, 2019), Hombres que caminan solos (Random House, 2021) —ambas as novelas foron finalistas do Premio Euskadi de Literatura na categoría de lingua castelá— e Os fabuladores (en galego, en Aira, 2026).
Koldo Concejo - FLAZ26 | Aira das Letras

Koldo Concejo Fernández

Naceu nos arredores de Bilbao no 1977. Reside desde o 2001 nos arredores de Madrid, onde traballa en ocupacións relacionadas coa Economía. Desde o 2016 colabora na web de recensións literarias Un libro al día (@unlibroaldiaoficial), unha das páxinas máis lonxevas nas redes, pois leva aberta desde o 2009 e xa publicou máis de 6.300 comentarios de libros. Tamén participou en antoloxías de microrrelatos. Búscao nas redes: (@koldo_cf)
Tensei Gesteira - FLAZ26 | Aira das Letras

Tensi Gesteira

Naceu na Caniza no 1992. Vive desde hai unha década en Bueu, onde traballa no gabinete de Comunicación do Concello. Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Fundou a web literaria Lecturafilia (@lecturafilia), recoñecido co 2.º Premio da Xuventude da Deputación de Pontevedra e foi finalista nos Premios da Gala do Libro Galego. Publica crítica literaria no suplemento «Sermos Galiza», do xornal Nós Diario e recomendacións literarias na revista A Movida. Colabora na revista Luzes e adoita formar parte de xurados literarios.
Juan Gómez Bárcena - FLAZ26 | Aira das Letras

Juán Gómez Bárcena

Naceu en Santander no 1984. Licenciado en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, Filosofía e Historia. É autor de cinco novelas: Abril o nunca (Seix Barral, 2026), Lo demás es aire (Seix Barral, 2022), Ni siquiera los muertos (Sexto Piso, 2020), Kanada (Sexto Piso, 2017) y El cielo de Lima (Salto de Página, 2014). Tamén escribiu ensaio Mapa de soledades (Seix Barral, 2024) e un libro de contos: Los que duermen (Sexto Piso, 2019). As súas obras traducíronse a nove idiomas e obtivo, entre outros premios, o Ciudad de Barcelona, o Vanity Fair á mellor novela do ano, o Premio da Crítica de Madrid, o Ojo Crítico de Radio Nacional ou o Premio Cálamo Otra Mirada.

Lucía Solla Sobral - FLAZ26 | Aira das Letras

Lucía Solla Sobral

Naceu en Marín no 1989. Vive actualmente en Oviedo, onde creou e coordinou desde o 2022 o Club de las Letras Salvajes. No 2023 foi seleccionada na Residencia Literaria da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, dirixida polo escritor Javier Peña. Colabora en La Vanguardia e escribiu para revistas como Tinta Libre ou Luzes. A súa primeira novela, Comerás flores (traducida ao galego por Aira, 2026), foi un fenómeno de vendas en España e recibiu os premios Ojo Crítico de Radio Nacional e Cálamo Libro del Año 2025. A novela está a piques de publicarse en 18 linguas.
Antía Yáñez- FLAZ26 | Aira das Letras

Antía Yáñez

Naceu en Burela no 1991. É titulada pola Universidade da Coruña en Enxeñaría de Camiños, Canles e Portos. Publicou O misterio de Portomarín (Galaxia, 2016), cuxa segunda parte é O misterio do torques de Burela (Galaxia, 2019); Senlleiras (Galaxia, 2018), Premio Illa Nova; A reconquista (Baía, 2018), Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade; Plan de rescate (Xerais, 2019), Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade. Esta obra está traducida ao castelán e ao catalán; Be Water (Cuarto de Inverno, 2019), finalista do Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, cuxa segunda parte (Be Water II: Terra) tamén foi publicado por Cuarto de Inverno, no 2025; Non penses nun elefante rosa (Xerais, 2022), traducida ao castelán e ao catalán; O clan das barbies (Xerais, 2025), traducida ao castelán e ao catalán. O seu libro máis recente é A eiruga rabuda (Xerais, 2026). A finais de ano sairá tamén en Xerais a obra Bragakadabra, Premio Raíña Lupa 2025.

Tamén gañou o Certame de Narracións Breves Manuel Murguía no 2024 coa obra As regras.

No eido do xornalismo, gañou o Premio Johan Carballeira 2022 e o Mulleres que opinan 2024. Ademais, foi finalista do Francisco Fernández del Riego 2024.

PROGRAMA - FLAZ 2026

Venres, 3 de xullo

19,30 O peso da verdade na ficción e viceversa. Conversa entre José Ignacio Carnero e Juan Gómez-Bárcena (Casa da Cultura).

Sábado, 4 de xullo

12,30 Novas olladas, inquedanzas e temas na literatura actual. Conversa entre Lucía Solla Sobral e Antía Yáñez (Casa da Cultura).

17,30 A difusión da literatura nas redes: Novas linguaxes e novos obxectivos. Conversa entre Koldo Concejo e Tensi Gesteira (Casa da Cultura).

19,30 Escribir para un, escribir para os demais. Mesa redonda entre todos os participantes (Casa da Cultura).

11,00-21,00 Feira de Editoras (Praza do Matadoiro)

Domingo, 5 de xullo

11,00 a 21,00 Feira de Editoras (Praza do matadorio).

Scroll ao inicio