FLAZ 2025

Cartaz FLAZ 2025

Cristina Sánchez-Andrade, Suso de Toro, Miquel Martín i Serra, Isaac Xubín, María Alonso Seisdedos e Garazi Albizua, no Festival Literario de Allariz os días 4 e 5 de xullo.

A cuarta edición do FLAZ achégalle ao público a diversidade das letras en todas as linguas do Estado e a importancia da tradución para espallar as letras.

A cuarta edición do FLAZ está a piques de comezar. Os días 4 e 5 de xullo estarán en Allariz os autores Miquel Martín i Serra, Garazi Albizua, María Alonso Seisdedos, Isaac Xubín, Cristina Sánchez-Andrade e Suso de Toro.

O Estado español ten literaturas diversas. Créase en galego, éuscaro, catalán e castelán. Para que cada literatura medre é imprescindible a tradución. Destes e doutros temas falarase neste FLAZ.

O Festival Literario de Allariz (FLAZ), nacido no 2022, é un proxecto de promoción e fomento da lectura que reúne durante dúas xornadas figuras da literatura en todas as linguas do Estado, da man da libraría Aira das Letras e do Concello de Allariz, e conta coa colaboración da Deputación de Ourense, a libraría Maruxairas, a editorial Aira, a empresa de servizos turísticos Xeitura, a pastelaría Fina Rei e os establecementos hostaleiros Fío de Liño e Alarico.

Literatura e loita de clases”, un diálogo entre Garazi Albizua e Miquel Martín i Serra, será o primeiro encontro deste cuarto FLAZ, na tarde do venres, 4 de xullo, na Sala de Exposicións A Fábrica de Allariz. Garazi Albizua (1985) é unha das autoras en lingua vasca con maior proxección. No 2024 publicou Termita: A súa literatura directa e poética atraeu a atención de lectores e crítica. Miquel Martín i Serra (Begur, Catalunya, 1969) é un dos escritores máis respectados das letras catalás actuais. O seu libro O atallo(publicado en galego por Aira) foi un grande éxito.

A tradución literaria como resistencia fronte ao automatismo” é o título do diálogo entre María Alonso Seisdedos e Isaac Xubín, que terá lugar o sábado, 5 de xullo, ás 12,30 h na sala de exposicións A Fábrica. María Alonso Seisdedos (Vigo, 1961) é unha das tradutoras galegas máis recoñecidas, con varios premios ao seu labor. Por exemplo, recibiu no 2014 o Premio Nacional de Tradución que outorga o Ministerio de Cultura, como parte do equipo que traduciu ao galego o >Ulises, de James Joyce. No 2024 publicou a súa primeira novela, As Jermaine. Isaac Xubín (A Coruña, 1978), é tradutor e escritor. Como creador recibiu o Premio da Crítica, o Premio Eusebio Lourenzo Baleirón ou o Lueiro Rey de Poesía. Traduciu a Joseba Sarrionandia, Eva Baltasar ou Flann O’Brien.

Xa na tarde do sábado terá lugar o encontro entre Cristina Sánchez-Andrade e Suso de Toro baixo o título: “O estilo literario na idade de ouro da trama”. Cristina Sánchez-Andrade, natural de Santiago de Compostela, é unha das narradoras en lingua castelá máis orixinais e recoñecidas, tanto en España coma en América Latina A súa última novela, Habitada (2025) está traducida ao galego. Ademais, tamén é tradutora. Suso de Toro (Santiago, 1956) é un dos referentes indiscutibles da narrativa galega actual. A súa sólida traxectoria e o seu nivel de influencia plásmase no gran nivel da súa obra, con obras tan singulares como Polaroid, Land Rover, Calzados Lola (Premio Blanco Amor, 1997), Home sen nome e Un señor elegante. A súa última obra é Conta, Sherezade (2025).

“Pontes e canles: Escrita, tradución e mercado literario”. Así se titula a mesa redonda coa que remata o FLAZ 2025 na tardiña do sábado (19,30 h), 5 de xullo, coa participación dos seis convidados: Garazi Albizua, María Alonso Seisdedos, Miquel Martín i Serra, Cristina Sánchez-Andrade, Suso de Toro e Isaac Xubín.

Anteriores edicións

Autoras e autores tan recoñecidos, premiados e con milleiros de lectores como Katixa Agirre, Diego Ameixeiras, José Ovejero, Emma Pedreira, Edurne Portela e Juan Tallón, participaron na primeira edición. O primeiro FLAZ reuniu a autores galegos e do resto da península, poñendo o foco na escrita en diferentes linguas e creando un espazo e un tempo de encuentro entre a comunidade lectora e os creadores. Desde Aira das Letras considérase o proxecto como unha extensión natural do labor das librarías e do seu compromiso cos autores, coa comunidade lectora e coa contorna local. Máis sentido tivo, se cabe, naquela primeira edición retomar o contacto directo entre autores e público tras a pandemia. O listón quedou alto e na segunda edición, en xullo de 2023, participaron Marta Sanz, Belén Gopegui, Javier Peña e Blanca Riestra. O FLAZ quere ser reflexo de toda a cadea de valor do libro e nesa segunda edición, ademais de autores, convidou a dous coñecidos editores en castelán e galego como son Constantino Bértolo e Moisés Barcia. Na terceira edición, do 2024, participaron Berta Dávila, Carlos Meixide, Antón Riveiro Coello, Marta Orriols e tamén os axentes literarios Bernat Fiol e Marina Penalva.

PROGRAMACIÓN - FLAZ 2025

Venres, 4 de xullo

19,30 Literatura e loita de clases. Diálogo entre Garazi Albizua e Miquel Martín i Serra

Sábado, 5 de xullo

11,00 a 21,00 Feira de editoras (Praza do matadorio)

12,30 A tradución literaria como resistencia fronte ao automatismo. Diálogo entre María Alonso Seisdedos e Isaac Xubín

17,30 O estilo literario na idade de ouro da trama. Diálogo entre Cristina Sánchez-Andrade e Suso de Toro

19,30 Pontes e canles: Escrita, tradución e mercado literario global. Mesa redonda entre todos os participantes

Domingo, 6 de xullo
11,00 a 21,00 Feira de editoras (Praza do matadorio)

BIOGRAFIAS DAS FIGURAS CONVIDADAS NO FLAZ 2025

Cristina Sánchez-Andrade

É escritora, crítica literaria e tradutora. Licenciada en Ciencias da Información e en Dereito, é natural de Santiago de Compostela. Algunhas das súas obras son Habitada (Anagrama e Aira, 2025), La nostalgia de la Mujer Anfibio (Anagrama, 2022), o libro de relatos El niño que comía lana (Anagrama, 2019) ou Las Inviernas (Anagrama, 2014), traducidas a varios idiomas. Cultivou a novela, o relato, o ensaio e a poesía. Foi galardoada con, entre outros, os premios Sor Juana Inés de la Cruz (Feira do Libro de Guadalajara, México), o Premio Julio Camba de Periodismo (2019), ou o Premio Setenil al mejor libro de relatos publicado en España. Entre o seu labor como tradutora destacan libros como Cumbres borrascosas, de Emily Bröntë ou a biografía sobre Clarice Lispector de Benjamin Moser.

Actualmente vive en Madrid, onde compaxina o seu labor como novelista coa docencia universitaria e con colaboracións en distintos medios, entre eles La Voz de Galicia e El País.

Foto Cristina Sánchez- Andrade
Isaac Xubín

(A Coruña, 1978). É licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, onde tamén cursou o mestrado interuniversitario en Política Lingüística e Planificación da Lingua Galega.

Como narrador publicou obras de relato curto: Château Bobcat e Le pied de Julien DuPuy, (ambos os dous primeiro premio do certame Os Viadutos de Redondela); e de novela: Non hai outro camiño, Xerais (Premio da Crítica).

Como poeta publicou coleccións entre as que cómpre salientar Con gume de folla húmida (Premio Lorenzo Baleirón 2011) e A cadencia da fractura (Premio Lueiro Rey de Poesía 2017).

Como tradutor, profesor e investigador elaborou un dicionario bilingüe galego-éuscaro e foi lector de lingua e cultura galegas na Universidade Nacional de Irlanda (University College Cork). Publicou traducións entre as que destacan Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia; A boca pobre, de Flann O’Brien; Aprender a falar coas plantas, de Marta Orriols; ou Físico, de Andrew McMillan, entre outras.

Foto Isaac Xubín
Suso de Toro

(Santiago, 1956) Licenciado en Xeografía e Historia (Arte Moderna e Contemporánea). Exerceu traballos diversos. Xubilouse como profesor de ensino medio.

Obra publicada desde 1983: 23 obras de narrativa. 13 de ensaios literarios, xornalísticos. Unha obra de teatro e mais un guión televisivo. Entre outras é autor de libros fundamentais na literatura galega actual como Polaroid, Land Rover, Calzados Lola (Premio Blanco Amor 1997), Home sen nome ou Sete palabras. A súa última novela é Canta, Sherezade (Xerais, 2025).

Foi colaborador en medios de comunicación (La Voz de Galicia, La Vanguardia, El País, Ara, El Periódico, Interviú, Tiempo, Cadena SER, EiTB, TV3…)

Foto Suso de Toro
Foto: Pedro Carrilo
Miquel Martín I serra

(Begur, Catalunya, 1969). Publicou seis novelas, entre as cales cabe destacar O atallo (Aira Editorial, 2024), que obtivo un grande éxito de crítica e público e recibiu diversos galardóns á obra publicada, e Guanyaràs una mar llisa (Periscopi, 2024). Tamén é autor, coa colaboración de Montserrat Verdaguer, de Fragmentos de inexistencia. Una biografía de Tom Sharpe (Anagrama, 2023) e de varios libros de lendas e ensaios literarios.

Foto Miquel Martín I Serra
Garazi Ibizua
(1985) Deseñadora gráfica, guionista de cómic e escritora, traballou tamén como locutora do programa de literatura Irakurrieran (Bizkaia Irratia). Actualmente compaxina a escritura, sobre todo de literatura infantil e xuvenil, co seu traballo como técnica de comunicación na asociación literaria Euskal Idazleen Elkartea. Estes son algúns dos seus títulos publicados: Gaizkileen galtzada. Leitzako dorreak, Pamiela, 2023; La apuesta de Cloto, Cósmica, 2022; Iruleak, Txalaparta, 2022 e Lara de Altopico, Apache libros, 2021. Tamén participou nas seguintes obras colectivas: La polilla errante (coautora), Serendipia, 2023; Mil brujas, Serendipia, 2022 e La Séptima Musa, Jotdown, 2019. Termita (2024) é a súa primeira novela dirixida a público adulto.
Foto Garazi Albizua
María Alondoi Seisdedos
(Vigo, 1961) licenciouse en Filoloxía Hispánica pola UAB e en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC. Traballou desde o 1986 até o 2018 no eido da tradución para dobraxe e subtitulado, que compaxinou coa tradución editorial a partir do 2009, á que se dedica en exclusiva desde o 2018 e que lle valeu diversos recoñecementos. Ademais, formou parte do equipo que, con Eva Almazán, Antón Vialle e Xavier Queipo, se encargou da versión galega de Ulises, de James Joyce, e pola que recibiron, entre outros premios, o Nacional á Mellor Tradución do 2014 que outorga o Ministerio de Cultura, Educación y Deporte. Traduce do alemán, catalán, francés, inglés, italiano e portugués a galego e castelán. A súa primeira novela é As Jermaine (Galaxia, 2024).
Foto María Alonso Seisdedos
Scroll ao inicio
Logo da Aira das Letras
Política de privacidade

Respectando o establecido na lexislación vixente, Aira das Letras (en diante, tamén Sitio Web) comprométese a adoptar as medidas técnicas e organizativas necesarias, segundo o nivel de seguridade adecuado ao risco dos datos recollidos. Podes consultar as nosa política de privacidade ao completo na seguinte ligazón:

Política de privacidade