‘Feliz final’, cando a crise chega ao amor

Inicio/Actualidade Literaria/‘Feliz final’, cando a crise chega ao amor

‘Feliz final’, cando a crise chega ao amor

Isaac Rosa é un dos escritores máis preocupados dentro da ficción española por analizar as consecuencias da situación económica sobre as nosas vidas. Practicamente toda a súa obra busca entender como a nosa vida vai cambiando e sufrindo e padecendo a medida que mudan as condicións de vida, as aspiracións sociais e o papel que nos dá o capitalismo como individuos e comunidades.

Feliz final, editado por Seix Barral, é un libro que intenta explicar como a crise económica permanente na que vivimos (a do 2008) inflúe de maneira decisiva na maneira na que concibimos o amor. E tamén como o amor é outra forma de convivencia marcada definitivamente polo capitalismo e o xeito que ten o sistema de irnos colocando como individuos no “noso sitio”.

A novela está construída en base a dúas voces, as de Ángela e Antonio, que forman unha parella en descomposición. Son eles os que van explicando como primeiro intentaron construír un amor, unha familia, unha convivencia capaz de blindarse para toda a vida e como todo iso foi esmorecendo.

Rosa trata nesta obra principalmente o cuestionamento do amor romántico tal e como o entendían as xeracións precedentes. Como a sociedade de hoxe segue creando individuos que queren vivir a experiencia do namoro, a experiencia do namoramento mais que ao mesmo tempo viven na insatisfacción permanente á que nos obriga o capitalismo en calquera das súas formas: o amor como produto, o amor con data de caducidade, o amor como promesa perfecta que está a agardar sempre noutro lugar, mellor, máis perfecto, máis rico…

O amor como ben de consumo que consome aos que o senten e os vai convertendo en seres plenamente infelices. Mais a novela a pesar da súa fonda carga política e a súa inequívoca mensaxe non deixa de ser un interesante libro de ficción que nos permite achegarnos por primeira vez ou volver degustar o particular universo creativo de Isaac Rosa.

2019-02-28T12:05:29+00:00 28 / 02 / 2019|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario