Falei?

Reméxese entre as sabas, loitando por se librar da colcha. El non está ao seu carón. Logo dun intre, distíngueo fronte á ventá.

 

—Vermello… NON!… Hai que cerralo xa…

 

Fala só; durmindo. Pásalle cando está estresado.

 

—Non ten puta idea… O coche… Si…

 

As cousas do traballo non o deixan nin de noite.

 

—Sopa… Claro… Non é moi nova?

 

Logo o silencio. A súa silueta na escuridade; coma unha estatua.

 

—Si… O memorando, que?… Branquiña… Pagácheslle ao Bruno?

 

Ela contén o alento, atenta. Hai algo estraño.

 

—DEUS… Espera que esperte… O palco… Vermello…

 

Unha nota disonante no caos dese discurso automático.

 

—Grava isto… DEUS… tan doce…

 

A súa voz colle un ton ansioso, repugnante. Ela treme.

 

—Tan nena… Os puros de Fabián?… Dáme o coitelo… Vermello…

 

Cala. Deitase. Logo esperta, coma sempre. Pregunta.

 

—Falei?

 

Ela non responde. Só aperta o seu ventre; a súa nena.

2017-11-17T10:56:52+00:00 17 / 11 / 2017|6º Concurso de Micro-Relato - Adulta|

Deixe o seu comentario