É sisuda a literatura galega?

Inicio/Blogs/BiosBardia/É sisuda a literatura galega?

É sisuda a literatura galega?

Dous lectores en pleno inverno. NATA LUNA SANS/FLICKR.

Eva Moreda.

A proposición de que a literatura galega é ou foi sisuda e de que isto está mal e debe superarse é un run-run que vemos rexurdir cada certo tempo, e o conto é que nunca se acaba de explicar moi ben o que se quere dicir, que sería un bo punto de partida se se quixese que estas proclamas levasen a algunha parte. Hai aquí, paréceme, dúas cuestións entrelazadas: a primeira, que é o que diferencia unha obra sisuda dunha non sisuda? E a segunda: cantos ou que libros teñen que ser sisudos, ou como de visibles teñen que ser, para que lle apoñamos a etiqueta de “sisuda” a toda a literatura feita nesa mesma lingua? E, ao cabo, que ten de certo a acusación de que a literatura galega é, ou foi, sisuda?

Pode que se considere sisuda a literatura que experimenta con aspectos formais, ou a que trata temas politica ou filosoficamente densos sen intentar especialmente alixeirar esta densidade. Unha cousa non necesariamente implica a outra, pero o que poden ter en común ambas estratexias é que lle piden ao lector un esforzo que vaia máis aló de entrar na ficción e dar por feito que alí todo vai encaixar e funcionar de xeito coherente e realista. Exemplos dunha cousa e da outra hóuboos, e hainos, na literatura galega, abofé; agora, deducir que son a norma, o hexemónico ou a ditadura do sisudismo é pegar un salto lóxico de moito coidado. É certo que ata o ano 2000 gañan o Xerais e/ou o Blanco Amor varios autores que poderiamos considerar sisudos segundo a definición que acabo de propoñer (Daniel Cortezón, Lois Diéguez, Xosé Carlos Caneiro, Lois Xosé Pereira, Cid Cabido, Alfredo Conde); tamén, porén, o levan pola mesma época outras obras menos sospeitosas de sisudismo e máis decididamente encadradas na narrativa de xénero/entretemento, da que falarei máis adiante. O Xerais e o Blanco Amor non son a medida de todas as cousas, claro: igual algún docente de galego, daquela, se excedía ao poñer a algún destes autores ou a outros linguisticamente complicados (Ferrín, Blanco Amor, Otero Pedrayo), como lectura obrigatoria de clase, e igual ese tipo de cousas tampouco facían moito por tirarlle á rapazada da cabeza a idea de que a literatura galega é, en efecto, sisuda (por outra parte, porén, case ninguén conclúe que a literatura española, toda a literatura española, sexa sisuda por ter que ler a Luis Martín Santos ou Rafael Sánchez Ferlosio nas clases do bacharelato).

Se nos movemos cara a adiante, porén, paréceme que resultan aínda menos fundadas as acusacións de sisudismo. Hoxe en día, non sei se os nomes arriba citados, nas mesmas circunstancias, levarían nada nos premios que dixen (máis que escarnio xeral por parte do xurado); tampouco creo que nin estes autores, nin os seus posibles equivalentes sisudos de hoxe estean entre os máis lidos nos institutos. Algunha obra deste tipo segue a publicarse, abofé, pero non adoitan ser especialmente louvadas nin especialmente visibles (non semellan sobrerrepresentadas, por exemplo, en premios ás mellores obras do ano). En xeral o que vén sucedendo é que os sisudos recoñecidos chegan cada certo número de anos, fan o seu spiel e reciben as súas críticas positivas: pero iso como as levan, as levamos, todos, case sen excepción.

Outra hipótese –se cadra máis plausible– é que “sisudo” se utilice aquí en sentido amplo para referirse a todo o que sexa narrativa non de xénero: narrativa que, por tanto, poida en principio perseguir algo máis ca o entretemento. Pero non semella tampouco que a narrativa de xénero en galego sexa cousa de onte pola tarde nin que sexa, en xeral, tratada inxustamente e marxinada polo establishment, cando Crime en Compostela xa levou o Xerais hai nada menos ca trinta e cinco anos, cando hai xa unha nómina decente de detectives e investigadores de ficción cunha apreciable name recognition, cando non sei se pasará un mes sen que se publiquen unha ou dúas novelas históricas ou biografías noveladas con vontade popular (máis Ken Follett ca Marguerite Yourcenar) que non poucas veces acaban por meterse nas listas de máis recoñecidos ou premiados do ano. Outros xéneros, é certo, teñen unha presenza menos sólida, aínda que algún autor ou autora hai que se fixo un certo nome no eido da ciencia ficción ou da fantasía. (O que se adoita esquecer tamén é que, en literaturas de tamaños meirandes, teñen que fracasar moitas novelas de xénero para que triunfe unha: se ese é o modelo que se quere para nós, pola razón que sexa, tampouco haberá logo que indignarse se a maioría de obras destas características fracasan ou reciben pouca atención).

O exemplo que trouxen da novela histórica e biografía novelada, porén, sérveme para darlles a razón, en parte, aos que falan de sisudismo: razón teñen se o que queren dicir é que a boa parte dos escritores galegos lles custa lanzarse alegremente a facer narrativa de xénero sen máis, é dicir, sen apoñerlle algún tipo de contido moral, político ou nacional. Este é, en efecto, o modo dominante, por non dicir único, da nosa narrativa máis publicada, máis premiada, máis enxalzada e máis visible (este e a súa contraparte: as novelas que resultarían mellor se o autor non tivese complexos en apostar polo sisudismo e non lle apuxese unha trama trepidante que faga liviá a cousa). Eu non sei se este tipo de literatura é realmente sisuda ou non; eu non llo chamaría, aínda que entendo a quen o fai; o que si é é, a estas alturas, abafante por hexemónico. Que imposible non é combinar as dúas cousas non fará falta dicilo. Pero ser sisudo e popular ao mesmo tempo non está tampouco ao alcance de todos.


Source: BIOSBARDIA

2019-05-21T07:28:42+00:00 21 / 05 / 2019|BiosBardia|