E agora que facemos con ‘Lolita’?

Inicio/Blogs/BiosBardia/E agora que facemos con ‘Lolita’?

E agora que facemos con ‘Lolita’?

Sue Lyon interpretando a Lolita na versión cinematográfica de Stanley Kubrick.

Manuel Veiga Taboada.

Hai algunhas semanas, o libreiro Xurxo Patiño atrevíase a recomendar a novela Lolita de Nabokov. As dúas locutoras que o entrevistaban mostraron de inmediato a súa incomodidade. Recomendar libros debe citarse entre o máis amábel que se pode facer na radio, hoxe en día toleramos case todo. Pero este é un asunto polémico.

Varias feministas, desde visións distintas, e outras persoas que non son feministas, opinaron ultimamente sobre o tema. Xurxo Patiño limitouse a engadir que Lolita era “un bo libro”.

Os que ían ser os seus primeiros editores americanos dixéronlle a Nabokov que a novela era excelente até a páxina 276. Nabokov interpretouno como un intento de censura. Pero é certo, Lolita é un bo libro máis ou menos até esa páxina. A partir de aí perde calidade. Iso desde un punto de vista exclusivamente literario.

Martin Amis coincide tamén en que Lolita “é un gran libro”. E cre que “moralmente funciona, porque o castigo axústase ao tamaño do crime”. Pero Amis engade entón algo inquietante: “Nabokov escribiu 17 novelas e seis delas tratan este tema. Desas seis, tres son obras mestras”. “Que facer?”, pregúntase.

O propio autor negou, por suposto, con toda a rotundidade da que era capaz, calquera tendencia súa cara á pederastia e invocou a radical diferenza que en literatura se dá entre autor e personaxes.

Un tema altamente delicado. Esa distinción é certa, pero a liña que separa o que pensa realmente o autor é o que pode expresar un personaxe principal nunca está clara de todo, aínda que só sexa porque a boa literatura presume sempre de moverse na ambigüidade.

Por outra parte, os autores de estudos culturais, incluídos os feministas, teñen dereito a analizalo todo e a realizar as interpretacións que crean oportunas. O veredito pode tardar aínda algún tempo.

Hoxe sabemos que hai grandes obras literarias que transpiran colonialismo, como era habitual na época na que foron escritas. Ninguén dubida de que sexan bos libros, pero hoxe ou non os lemos ou lémolos dando respingos, sobre todo se somos naturais dun deses países no seu día maltratados.

Lolita invita desde o inicio, ademais, a unha lectura psicolóxica. O narrador indícanos que a tendencia do protagonista obedece a unha fixación infantil. Algo natural (quen non tivo ou desexou ter un amorío na infancia?) vólvese obsesivo e enfermizo.

Os psicólogos, e máis en concreto os psicanalistas, dinnos que a nosa condición erótica repítese en todas as nosas eleccións de parella ou, o que é o mesmo, que o suxeito non pode cambiar de modo de goce. A esa fixación chámanlle “fantasma”.

O asunto ten moita transcendencia. Eu mesmo coñecín unha muller que se namorou varias veces seguidas de distintos maltratadores. O seu pai tamén o era. Non son psicólogo, pero polo que puiden conversar con ela deducín que, quizais non seu inconsciente, estaba obsesionada con recuperar o seu pai, con facer del unha boa persoa, e reproducía ese intento nos seus amantes, de forma obsesiva e sempre frustrante, ademais de arriscada.

Non son psicólogo, pero como escritor podería ser un asunto que me interesase. O escritor busca o conflito, non a solución.

Temos así varias lóxicas, a do escritor, a do psicólogo e a que socialmente resulta máis conveniente para que unhas persoas non abusen doutras. Están en xogo a ética, o delito e as formas de expresalo.

O escritor noruegués Karl Ove Knausgard, autor dunha monumental obra de autoficción que lle xerou varias polémicas e preitos familiares, resólveo dicindo que “a vida ten normas, pero a literatura non”.


Source: BIOSBARDIA

2019-11-28T07:05:56+00:00 28 / 11 / 2019|BiosBardia|