‘Delirios de pracer’, até cando temos ganas?

Inicio/Actualidade Literaria/‘Delirios de pracer’, até cando temos ganas?

‘Delirios de pracer’, até cando temos ganas?

Ursula Heinze de Lorenzo non é unha autora que se acomode. Non tivo dó de si mesma cando relatou en primeira persoa a súa experiencia internada nun psiquiátrico, por exemplo, no libro, E os domingos un croissant. Agora publica Delirios de pracer (Aira), unha novela curta sobre o desexo sexual.

Sara é unha muller duns 70 anos que ten gana de sexo. Casada cun home impotente e rodeada dun contorno que considera que ela, con eses anos, xa non debería ter gana de, busca o xeito de satisfacer a súa ansia contratando un masaxista que finalmente será tamén un prostituto ou terapeuta sexual.

Heinze formula nesta noveliña un debate social moi interesante: nun ambiente de crecente liberación sexual, no que as mulleres foron esquivando tabús e represión, onde a xuventude desfruta dunha sexualidade lúdica desde a adolescencia, que ocorre cos maiores? Especialmente coas mulleres maiores.

Porque mentres os homes maiores teñen unha fama de homes respectables e está comunmente aceptados que incluso manteñan relacións sexuais con mulleres moito máis novas, as mulleres maiores parecen destinadas ao ostracismo sexual. Primeiro porque foron educadas na desatención ao propio pracer pero incluso naqueles casos de mulleres que souberon gozar e dispoñer dos seus corpos, ao cumpriren certa idade parece como se ese desexo estivese proscrito.

Este é o tema central da novela de Ursula Heinze, contado con moita sinxeleza, cunha lingua directa e sen apenas concesións.

2019-04-04T10:36:40+00:00 04 / 04 / 2019|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario