‘Deixe a súa mensaxe despois do sinal’, voces afónicas

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Deixe a súa mensaxe despois do sinal’, voces afónicas

‘Deixe a súa mensaxe despois do sinal’, voces afónicas

Arantza Portabales Santomé.

Eva Moreda.

Deixe a súa mensaxe despois do sinal (Galaxia, 2017), de Arantza Portabales, sen estar mal escrita nin mal estruturada, é unha novela que coido que sofre en exceso dunha certa inxenuidade na relación que a autora ten coa linguaxe e, en consecuencia, tamén na ollada que remata por deitar sobre as personaxes. Non son problemas diferentes: ao contrario, son xusto estas carencias na estratexia lingüística, ao meu ver, as que non deixan que as personaxes cobren vida tanto como poderían, como intentarei explicar no que segue.

A novela está estruturada en torno ás mensaxes que catro mulleres moi diferentes deixan nos respectivos contestadores dos seus interlocutores varóns; estes, por motivos diversos, nunca contestan ou poden contestar. A ambientación da novela é rigorosamente contemporánea (aparece o Brexit): eu non sei se nestes tempos de WhatsApp e Instagram a xente segue deixando mensaxes no contestador nin, sobre todo, escoitándoos. Porén, non penso que o que falte aquí sexa credibilidade (que ao cabo é moi secundaria na literatura), senón, máis ben, verosimilitude e, sobre todo, esforzo por traballar a fondo unha decisión narrativa en principio arriscada para que acabe funcionando de verdade e sostendo todo o invento. O que atopamos nos parlamentos das catro mulleres vén diferenciándose pouco da koiné narrativa galega actual: frases tirando a longas, sintaxe estándar, requintamento máis que lirismo nos momentos especiais, renuncia á poética máis que coloquialismo. Non digo que a estratexia que cumpriría aquí fose ofrecer unha especie de falsa transcrición do que poderían ser estes parlamentos (que seguramente serían incoherentes e digresivos abondo), pero si capturar algo desta oralidade e traballar tamén para que vísemos algo menos da narradora implícita e algo máis destas catro personaxes femininas que se supón que son de bagaxes moi diferentes e que se atopan, en principio, en situacións que poden dar moito xogo literario: Portabales vai dosificando con moito xeito os datos que nos dá de cada unha delas, e é ese ritmo narrativo e sentido do misterio, quizais, o aspecto máis salientable da novela.

A estratexia lingüística, porén, é o que fai que este potencial non se acabe materializando de todo e que a relación da autora coas súas personaxes acabe tamén resultando un tanto roma. Pensei, a medida que ía pasando da metade do relato, que as personaxes non falan para o seu interlocutor no contestador: falan para o que vén sendo o lector ideal de narrativa galega á altura de 2019 (un lector non inimigo dos modelos comerciais nin do mainstream, pero comprometido, sobre todo comprometido, cunha lista de temas que non fará falta que especifique). Pensei tamén que se podía ter xogado máis co detalle modesto, co dicir sen dicir, mesmo co deixar que as personaxes actúen por conta propia e a ver que pasa en lugar de teimar tanto por devolvelos sempre ao rego. Vou dar dous exemplos. Chamoume a atención o esquematismo de Portabales ao tratar a institución do matrimonio (dos seis matrimonios heterosexuais aos que se lle dedica atención, catro parecen sacados d’A mística feminina, o libro de Betty Friedan de 1963; nos outros dous, ela é unha manipuladora) en contraste co “ver, oír e contar” de Mario Caneiro en Ana e os homes (por citar outro autor galego contemporáneo que fala do tema: e que conste que só un lector ben despistado tiraría a conclusión de que Caneiro idealiza nesta novela o matrimonio).

O segundo exemplo é o de Sara, que protagoniza a historia máis interesante e inesperada das catro; porén, ao final Sara non deixa de ser un clixé do que os que medramos no que se vén chamando “clase media” pensamos que fai a “clase alta”: xogar ao golf, mercar roupa de marca, manter as aparencias, casar por conveniencia, etc. Pensei aquí en dous autores moi diferentes, F. S. Fitzgerald e Rafael Chirbes; os dous falan da clase alta do seu contexto e ben se ve que a súa opinión ao respecto é, tamén, ben diferente; porén, os dous tamén van máis aló do superficial e acaban por capturar, como quen non quere a cousa, os xeitos de pensar e de facer que ao cabo definen o sentimento de pertenza de clase máis profundamente que as catro ou cinco cousas que máis nos chaman a atención ou que aprendemos de ver en libros ou en películas.

♦Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales , Galaxia, 2017. 324 páxinas. ♠18,55€


Source: BIOSBARDIA

2019-06-04T06:46:15+00:00 04 / 06 / 2019|BiosBardia|