Corvo sentinela

Corvo sentinela

Sentou o vello por fin, enriba da Pedra Alta.
Sentou coas pernas inzadas de rabuñaduras, as mans feridas e as tempas latexantes.
A bocanoite amortecía a súa figura agrisada, que alumeaba candente a carón dos beizos con cada chupadela, preso do vizo dos homes.
Namentres contemplaba, lembraba. Contos de cínfanos belixerantes provistos de armadura e bacinete, forxados con aceiro temperado, que prescindían de probóscides punxentes, porque disque ían armados con espadas.
Leva anos subindo enriba daquela pedra. Por si algún día volve toparse con aquela rapaza moura que mudou en cobra portando un precioso carbúnculo na testa, e que el mesmo viu desaparecer no fondo das augas avoltas da lagoa.
Porén, cando resulta descuberto, el tamén muda e levanta o voo para voar entre as torres de pedra. Con lastras nas patas, o bico crebado e a plumaxe despeiteada.
Voa para ir repousar nas súas cimas: Pena, Sandiás e Porqueira, trocando de angueiras para abesullar. Despois de todo, aínda segue sendo garda e vixía dos parches asolagados.

2016-09-29T07:48:46+00:00 29 / 09 / 2016|5º Concurso de Microrrelato|

Deixe o seu comentario