Como se metaboliza o desamor

Inicio/Actualidade Literaria/Como se metaboliza o desamor

Como se metaboliza o desamor

Elena Stancanelli debuxa en La mujer desnuda (editada por Anagrama) un fresco sobre o desamor e os ciúmes. Nesta novela, breve, nutritiva, profunda e sen páxinas de recheo, a autora italiana explica un xeito posible de metabolización da fin dunha relación amorosa.

O argumento é simple: A narradora, unha muller de máis de 40 anos, romana, con estudos e unha vida economicamente estable, ten que enfrontarse á decisión de deixar a súa parella, Davide, un mecánico, talvez máis novo, talvez máis guapo, talvez mellor dotado para o xogo social, seguramente infiel e mentireiro. A pesar de que a narradora sabe que non é posible ningún tipo de arranxo con el e que de feito el xa está iniciando unha relación sentimental con outra muller, aférrase non aos seus recordos, non á nostalxia pola confianza perdida senón aos propios ciúmes, á necesidade de comprender por que ela perde e a súa competidora gaña.

De aí que a narradora se obsesione coa vida do seu antigo mozo nas redes sociais e vixíe até o máis íntimo o seu modelo de relacionamento coa nova parella, chamada por ela despectivamente Can. Esta fixación vai medrando e medrando, levándoa a unha situación persoal insoportable e perigosa incluso para a súa saúde. Mais ao final, a narradora vai tomar unha decisión que o cambiará todo.

O libro de Stancanelli, definido por algún medio de comunicación sobre un exercicio literario sobre o amor nos tempos do smartphone, é unha historia sinxela, realista e moi ben contada sobre como, en efecto, as novas tecnoloxías non só modificaron a maneira en que as persoas interaccionan e se comunican senón tamén en como as chamadas identidades dixitais abren condutas até agora impensables como a suplantación de identidade, a espionaxe horizontal entre persoas que teñen vínculos entre si e os novos límites da intimidade.

De feito, unha das conclusións do libro é que xa non é posible a intimidade nos termos clásicos das sociedades analóxicas. E non é só porque gobernos ou corporación nos espíen senón porque somos cada un de nós, na nosa vida cotiá, espías e espiados, a un nivel precario e familiar, se se quere, mais coa mesma ansia de control ca un axente internacional. A tecnoloxía dános ferramentas moi útiles, tanto coma un coitelo, e igualmente dotadas de fío, un fío que pode mancar e mancarnos a pouco que deixemos os nosos baixos instintos fluír.

2019-05-31T10:06:48+00:00 31 / 05 / 2019|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario