Castelao para todos os públicos

Inicio/Blogs/BiosBardia/Castelao para todos os públicos

Castelao para todos os públicos

Castelao cando neno.

César Lorenzo Gil.

Pode parecer esaxerado definir como un texto de amplo público obxectivo un volume de máis de 1.300 páxinas como é a primeira parte da biografía de Daniel Castelao. A obra Castelao. Construtor da nación,de Miguel Anxo Seixas Seoane é unha mostra de que se poden combinar perfectamente o rigor, o alcance divulgativo e a boa redacción nun xénero que se desenvolve pouco na cultura galega pero que é fundamental para entender a nosa identidade. Galaxia, que vén publicando perfís de persoeiros chave da nosa historia, acerta non só coa colección senón que atina no deseño e na edición de tan voluminoso libro.

Antes non comentei que o primeiro tomo da biografía de Castelao atinxe o período 1886-1930, é dicir, os primeiros 45 anos do político, artista e escritor rianxeiro. O segundo tomo tratará os últimos 20 anos do autor, os do seu cénit intelectual e político, nun contexto marcado polas esperanzas frustradas na República e a durísima reacción franquista. No primeiro volume, coñecedores como somos, lectores e biógrafo, do que vai ocorrer pasado o tempo, é inevitable que haxa certa teleoloxia no relato. Seixas Seoane vai sementando o libro das principais chaves da personalidade de Castelao dun xeito que nos permite preconfigurar a súa actividade na madurez. Este xeito de construír o relato (nunca mellor dito) supón que non nos encontremos con apenas sorpresas no percorrido vital do rianxeiro (non é este un volume de tese, Seixas Seoane non pretende revisar o mito de Castelao) mais ao mesmo tempo permite asentar a primeira parte da biografía nos catro aspectos fundamentais da figura: o seu compromiso ideolóxico, o seu activismo cultural, a pulsión artística e as dificultades persoais.

Castelao, explícanos Seixas, madura o seu galeguismo nun momento crucial para o país, no tempo das Irmandades da Fala e do nacemento do nacionalismo galego. O rianxeiro, a pesar das súas modestas orixes (que contrastan co enriquecemento familiar grazas á emigración), comunga no período monárquico coa Xeración Nós, cuxos principais representantes son de clase fidalga ou adiñeirada: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez… Seixas explícanos que Castelao foi alumno de Risco, del tomou a consciencia nacionalista e o compromiso coa cultura como xeito de emancipar Galicia. Sen significarse na famosa escisión de Monforte entre os partidarios de Risco e a Irmandade da Coruña, entre a revista NósA Nosa Terra, o rianxeiro foi peza chave na consolidación do imaxinario cultural galeguista, especialmente no aspecto gráfico. Velaí o seguimento que o biógrafo fai da actividade artística de Castelao. Como artista, Castelao ten oportunidade de visitar as capitais das vangardas pero opta por unha arte plástica un tantiño anterior. A súa aposta non é aprofundar na reflexión artística senón no activismo. É por iso que Castelao está en todos os proxectos culturais do momento. Amais das publicacións citadas, del é o deseño da cabeceira do periódico Galicia,editado en Vigo na década do 1920. Colabora sempre que pode, cun alto ritmo de produción, tanto de imaxes coma de textos. Castelao é locomotora e exemplo para un galeguismo cuxa principal vontade naquel tempo era normalizar o uso do idioma en todas as áreas mais tamén elaborar un imaxinario. Este imaxinario, explícanos páxina tras páxina Seixas Seoane, ten unha trepia sagrada: a cultura popular e contemporánea, as referencias artísticas históricas, especialmente as que deixan pegada, caso do románico, e o elo con Murguía e demais precursores no encontro do pasado ideal, naquela Galicia primixenia (celta) onde os galeguistas buscan a esencia. Nese sentido foi fundamental para Castelao a viaxe a Bretaña e a súa comprensión da arte figurativa tradicional. O seu papel en moitas ocasións consistiu en actualizar ese deseño construído ao longo dos séculos nas novas linguaxes da modernidade, especialmente a edición e a prensa.

Miguel Anxo Seixas Seoane. AELG.

Castelao non tivo unha vida doada. Malia ser doutor en Medicina case sempre estraña os pesos na faldriqueira. Neste volume, a través de diferentes textos epistolares, el mesmo recoñece as dificultades para chegar a fin de mes. Castelao foi o que hoxe definiriamos como un precario. Acrecenta ao seu posto de funcionario de Estatística coas clases de debuxo e as múltiplas colaboracións. Castelao é enfermo. Padeceu da vista toda a vida e ten interese seguir o seu periplo pola Galicia dos oftalmólogos. E con toda a gravidade, iso non foi o peor que lle pasou. No 1928 perdeu o seu único fillo, Afonso, que tiña 14 anos, de saúde feble desde cativo. Seixas Seoane preséntanos un Castelao pouco familiar, seguindo o papel masculino da época, mais si preocupado polo benestar do neno e da muller, Virxinia. Nalgúns fragmentos das súas cartas vemos un Castelao tenro, vulnerable, inseguro como pai.

É reveladora esta descrición que fai do seu irmao o propio Vicente Risco con preciso trazo: “Con sus gafas de concha y su figura enlutada, pasea por Pontevedra al ritmo nervioso de los golpes de su bastón. Tiene toda la alegría de un niño y todo el lirismo de un poeta. Y hasta el lazo de su corbata, largo y desaliñado, guarda una sana sonrisa de picardía”. O Castelao que así describe ten ao redor de 35 anos.

Para o lector do século XXI, o libro de Seixas Seoane ten outros valores alén de seguir os pasos de Castelao, principalmente asomarse ao fondo da secuencia, ás personaxes secundarias, aos feitos grandes e pequenos que acontecían nunha Galicia contraditoria, efervescente, por exemplo, na loita pola redención dos foros, intimamente conectada coa modernidade americana (a Arxentina daquel tempo era unha potencia económica e cultural e a comunidade galega participaba desa prosperidade), mais tamén abafada polo caciquismo, o escuro dominio eclesiástico, condenada ao atraso educativo e de infraestruturas. Dános tamén unha moi interesante visión de moitos personaxes, secundarios nesta biografía, mais fundmentais na historia de Galicia: os irmandados nacionalistas, os agraristas, os artistas e mecenas… todos a bordo dun tren que para ir de Pontevedra á Coruña pasaba por Ourense.

 


Source: BIOSBARDIA

2020-01-30T06:07:37+00:00 30 / 01 / 2020|BiosBardia|