Capitalismo e democracia. Foi a historia realmente como nola contaron?

Inicio/Actualidade Literaria/Capitalismo e democracia. Foi a historia realmente como nola contaron?

Capitalismo e democracia. Foi a historia realmente como nola contaron?

Capitalismo y democracia. 1756-1848. Cómo empezó este engaño, editado por Crítica, é unha obra póstuma do prestixioso historiador Josep Fontana, que morreu no 2018. É un dos libros máis interesantes para os interesados xa non só na historia das ideas senón tamén nas persoas con inquedanzas políticas.

Fontana foi un autor sempre a contracorrente, capaz ademais de ser divulgador dos seus coñecementos sen perder nin unha chisca de rigor nin unha pinga de compromiso cos seus principios académicos, científicos e intelectuais: é dicir, sendo fidelísimo ao seu xeito de ver o mundo, baseado no espírito crítico e na aprendizaxe constante.

Neste libro o autor intenta explicar como os variados procesos revolucionarios que axitaron Europa (tamén América e Asia) desde mediados do século XVIII consolidaron o capitalismo e a preeminencia dos intereses da clase burguesa por riba dos dereitos da maioría social e por riba da propia idea de democracia. Por iso, vincular capitalismo e democracia é, segundo o historiador, un intento da clase dominante (triunfadora dos diferentes procesos revolucionarios económico e político) por dulcificar a súa propia historia e garantirse para si propia un papel central e redentor fronte á sociedade do Antigo Réxime.

Dunha maneira didáctica e trufada de detalles que colorean a narración histórica como se fose unha obra de ficción, Fontana constrúe un relato amplo sobre a evolución política do mundo durante ese século crucial para o deseño do mundo de hoxe en día.

Amais de explicar como o Congreso de Viena intentou primeiro enterrar e logo reconducir a revolución francesa do 1789, Fontana repara no mito da revolución industrial como o triunfo dunha clase emprendedora e innovadora que superou os límites do feudalismo. O autor repara máis ben na tensión que naceu entre os intereses industriais capitalistas e a loita obreira e agraria por construír unha sociedade moderna baseada na igualdade e no compromiso igualitario por mellorar as condicións colectivas de vida. Fronte ao capitalismo que coñecemos, di Fontana, e antes da alternativa socialista, Europa puido vivir o triunfo dun modelo baseado no comunitario e na colaboración entre a maioría social.

2019-05-23T13:32:58+00:00 23 / 05 / 2019|Actualidade Literaria|

Deixe o seu comentario