‘As Ramonas’, unha ‘chicklit’ vilega

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘As Ramonas’, unha ‘chicklit’ vilega

‘As Ramonas’, unha ‘chicklit’ vilega

Ana Cabaleiro.

Eva Moreda.

As Ramonas, segundo título publicado de Ana Cabaleiro e premio García Barros 2018, reúne varias características que a converten nun digno e aínda pouco frecuente exemplo do que podería ser unha hipotética chicklit galega: literatura comercial feita predominantemente por e para mulleres (con todas as trabas que se lle queiran poñer, pero o marketing editorial é como é) que pretende ofrecer unha lectura accesible, entretida e contemporánea e que para iso confía en boa medida nun repertorio establecido de clixés argumentAis e de personaxes-tipo que podemos identificar baixo a etiqueta de “mulleres fortes”.

Todo isto conségueo case sempre a novela de Cabaleiro, aínda que con algúns reparos. A historia é a de Mona Otero, antiga fotógrafa de éxito agora reconvertida en retratista de vodas, que se ver forzada a recorrer ao Blablacar para viaxar a diario do Deza (onde vive) a Compostela (onde ten o estudio) cando lle retiran o carné de conducir. No medio ve como o seu matrimonio remata e enceta un proxecto que pensa que a pode levar de volta aos seus tempos de artista laureada. No seu momento, a novela vendeuse e promocionouse como unha novela “de mulleres” (e nesa dirección apunta tamén, penso, o título), pero é realmente unha soa muller, Mona, a que leva o peso da historia. De feito, Ra Meixide, que se nos presenta ao comezo do libro como un personaxe interesante e unha probable antagonista para Mona, desaparece case inmediatamente e só volvemos saber dela de segundas: queda reducida a ser “a outra” (no sentido de amante dun home casado, non de teoría postcolonial), con menos profundidade mesmo do que adoita verse neste tipo de literatura. Igual que Ra, o resto de personaxes non están traballados co mesmo tino que o está Mona, aínda que o conxunto ao cabo resulta porque do que se trata é de ofrecer estereotipos o suficientemente recoñecibles como para que non teña que traballar moito o lector. Se cadra este é, aínda que pareza paradóxico, un dos meirandes méritos de Cabaleiro. Sen case modelos do que podería ser unha chicklit galega ambientada nun entorno vilego-rural e non urbano, Cabaleiro é quen de presentarnos unha galería de personaxes recoñecibles, unha especie de costumismo actualizado que lle dá cor á novela (luminarias da política e da intelectualidade local, mozos e xa non tan mozos vivindo en precario, etc.).

A trama, que vén sendo tamén a da loita da heroína contra os elementos característica deste xénero, está en xeral ben deseñada, aínda que os dous principais xiros argumentais (non digo o que son para non destripar o libro) están presentados de xeito demasiado apresurado; podían precisar un pouco máis de pouso, de preparación. Os diálogos deitan momentos bastante conseguidos de coloquialidade e a voz narrativa é a que podemos esperar dunha novela das características que describín máis arriba, quitando algunha pasaxe na que Cabaleiro intenta un lirismo máis trillado ca outra cousa (“Mona sabe que esa liña vermella que nos papeis aparece case recta é unha mentira, que na realidade é un camiño de asfalto gris, sinuoso, coma unha vella serpe preguiceira, coa pel endurecida e remendada”, etc.; “Mona quere descubrir o resorte do animal creador que supón que é, succionar a súa sabedoría coma un colibrí avaricioso e pecadento chuchando unha orquídea, despoxándoa do seu néctar sagrado, da esencia do seu recendo”).

♦ As Ramonas, de Ana Cabaleiro, Galaxia, 2018. 176 páxinas. ♠16,50€


Source: BIOSBARDIA

2019-11-21T06:29:47+00:00 21 / 11 / 2019|BiosBardia|