As cifras do Sant Jordi 2019 mantéñense estables

Inicio/Blogs/BiosBardia/As cifras do Sant Jordi 2019 mantéñense estables

As cifras do Sant Jordi 2019 mantéñense estables

Rafael Nadal.

Xesús González Gómez.

A unha semana da celebración da xornada de Sant Jordi, a presidenta do Gremi de Llibreters de Catalunya avanzaba que esperaban un aumento das vendas con respecto ao pasado 2018. Cifraba ese aumento en 1,5 millóns de euros. A día de hoxe o Gremi aínda non deu cifra ningunha baseada en datos máis ou menos reais. O xoves, día 25 de abril, nun comunicado, o Gremi afirmaba que a facturación alcanzara uns 22 millóns de euros, que o volume de vendas aumentara un lixeiro 0,6% con respecto ao ano pasado, e que se venderan 1,64 millóns de libros repartidos entre un total de 55.000 títulos. As cifras, como avanzabamos non se baseaban en datos máis ou menos reais, ou, cando menos, o Gremi non dixo de onde tirara os datos. Datos que, no que respecta ás vendas, contradín o que o mesmo gremio afirmara o 2018. Afirmaba o Gremi que o día de Sant Jordi dese ano 2018 (contabilizando sábado e domingo: o pasado ano Sant Jordi caera en luns) aumentaran as vendas un 1,72% con respecto ao ano anterior, chegando a un monto total de 22,02 millóns de euros, o que representaba un aumento dun 2% con respecto a 2017. Se este 2019, segundo o Gremio, se venderon libros por un total de 22 millóns de euros, ou as cifras do ano anterior non eran correctas ou as deste ano son erróneas ou traspapeláronse documentos. Pódese pensar que os/as responsábeis do Gremi consideran que o día 23 de abril deste 2019 se vendeu un 0,6% máis que o 23 de abril do pasado ano porque o total do 2018 tiña tamén en conta as vendas do día anterior (22 de abril). Pode que tal consideren, mais non o explicaron no seu comunicado; como non dixeron palabra das vendas producidas durante a Semana Santa, vendas nas que a maioría das librarías de Cataluña facía xa o 10% de desconto, o que se fai o día de Sant Jordi. Á espera de que o Gremi dea novos datos, se é que os dá, o pasado ano deunos catro días despois da xornada de Sant Jordi, aceptemos as cifras, parciais, que dan: no relatorio do 2018, por exemplo, afirmábase que subira a venda de libros en catalán: aconteceu o mesmo hogano? Non dixeron palabra. Mais tamén cómpre lembrarmos, como se dixo xa nesta mesma web durante dous anos seguidos, que as cifras entregadas polo Gremi non son completas: faltan as vendas das grandes superficies (Corte Inglés, FNAC, etc.) así como as vendas que se producen en supermercados e en papelarías que non están asociadas no Gremi de Llibreters. As verdadeiras cifras só as poden dar os editores, cousa que non fan. Mais pasemos ás listas de libros máis vendidos.

Como cada Sant Jordi, o lector catalán podía escoller entre unha variada oferta o libro, ou os libros, que comprar. No que respecta a narrativa, e sen querer sermos exhaustivos, aí vai unha pequena lista de obras máis que interesantes, tanto orixinais en catalán como traducións que se atopaban nas distintas librarías e postos de vendas:

Narrativa catalá. – Víctor García Tur: El país dels cecs; Xavier Mas: La mort lenta; Jordi Cabré: Digues un desig; Ramon Solsona: Disset pianos; Jordi Ibáñez Fanés: Un quartet; Santi Baró: La filla de la tempesta; Carles Casajoana: Les pompes del diable; Sebastià Portell: Ariel i els cossos; Simona Skrabec: Torno del bosc amb les mans tenyides; Jordi Lara: Sis nits d’agost; Toni Sala: Persecució; Maria Barbal: A l’amic escocès; Vicent Usó:_El paradís a les fosques; Rafael Nadal: El fill de l’italià; Sílvia Soler: El fibló; Marc Artigau i Queralt: La vigília; Àngel Casas: Carta d’unadesassossegada (i altres relats); Gerard Quintana: Entre el cel i la terra; Gemma Sardà: Mudances. Jordi Masó: L’hivern a Corfú. Ramon Mas: Estigmes. Ada Castells: Mare; Victor Català: Contes complets III.

É máis que evidente que eu non lin todos estes libros; dos que lin, recomendaría tres: Sis nits d’agost, de Jordi Lara (Edicions de 1984). Lara narra o «misterio» da morte (suicidio) de Lluís Mª Xirinachs. O autor define a súa novela como «novela sen ficción», mais non é unha biografía de Xirinachs, nin unha reivindicación política da súa figura: é unha indagación sobre a vida, sobre a morte e sobre a propia literatura. Outro dos libros que recomendaría é Torno del bosc amb les mans tenyides, da ensaísta eslovena –que escribe directamente en catalán, e vive en Cataluña– Simona Skrabec, publicado por L’Avenç. O libro é algo así como unha recompilación de historias atrapadas ao voo pola autora nas súas viaxes por distintos países: historias que son microrrelatos, fragmentos de diario, impresións diante dunha paisaxe, dunha cidade ou dunha persoa. E, máis que pola calidade intrínseca da obra, pola idade do autor e polo que promete: La mort lenta, de Xavier Mas (Altra), gañador do Premi Documenta. Mas ten 23 anos e entrega unha novela con áxiles e divertidos diálogos, que retrata con agudeza e certa emoción o final da primeira mocidade. Da lista que demos hai mellores, para min, novelas que a presente, por exemplo, a escacharrante L’hivern a Corfú, de Jordi Masó (Malesherbes), mais a idade de Mas é o que nos induce a recomendarmos a súa novela e a estarmos atentos ás súas próximas entregas.

Se o lector catalán podía escoller entre esa serie de libros narrativos escritos polos seus compatriotas, de entre os libros narrativos traducidos ao catalán nos últimos catro meses podía escoller, entre outros máis, algún dos seguintes títulos:

Éric Vuillard: 14 de juliol; Agota Kristof: Claus i Luca; Amélie Nothomb: Pica’t al cor; Sayaka Murata: La noia de la botiga 24 hores; Diane Setterfield: Vet aqui una vegada la taverna Swan; Michel Houllebecq: Serotonina; Marianne Power: Help Me!; Julian Barnes: L’única història; Maggie O’Farrell: Visc,visc i visc; Annette Hess: La casa alemanya; A M.Homes:_Dies temibles; Kate Mosse: La ciutat del foc; Alice Munro: Qui et penses que ets?; José Eduardo Agualusa: La societat dels somniadors involuntaris; Jennifer Egan: Manhattan Beach; Fleur Jaeggy: La por del cel; Lesley Nneka Arimah: Què vol dir quan un home cau del cel; Annie Tyler: La dona del rellotge; Kent Haruf: Benedició; Wu Ming: Altai; James Baldiwn: El blues de beale street; Daniel Defoe: Diari de l’any dela pesta; Nicolai Gogol: Vetlles en un veïnat de Dikanka; Andrei Bely: Petesburg; e as novas traducións de Hemingway: París era una festa; Baudelaire: El meu cor despullat e Natalia Ginzburg: Les veus del vespre.

Ou tamén podía escoller algunha novela policial, ben escrita directamente en catalán ou ben traducida: Andreu Martín: Tothom et recordarà; Jordi de Manuel: La barrera; Araminta Hall: El nostre joc més cruel; Hjort & Rosenfeldt: Mentides consentides; Donna Leon: En nom del fill; Camilla Läckberg: La gàbia d’or; Carlos Zanón: Carvalho. Problemes d’identitat; Guillermo Martínez: Els crims d’Alícia; Sandrine Destombes: El doble secret de la família Lessage; Petros Màrkaris: Universitat per a assassins; Andrea Camilleri: La roda dels equívocs.

Mais desta pequena mostra, e dos outros libros de narrativa, ben orixinais, ben traducidos, que se editaron en catalán nos últimos catro meses, os lectores/compradores, escolleron, entre os cinco máis vendidos (é a cifra que até hoxe deu o Gremi de Llibreters) os seguintes títulos:

  1. El fill de l’italià, Rafael Nadal (Columna).
  2. Digues un desig, Jordi Cabré (Enciclopèdia).
  3. El fibló, Sílvia Soler (Columna).
  4. Entre el cel i la terra, Gerard Quintana (Columna).
  5. A l’amic escocès, Maria Barbal (Columna).

 

Rafael Nadal (non confundir co tenista do mesmo nome), foi director de El Periódico de Catalunya, irmán do que foi alcalde de Girona durante moitos anos e logo conselleiro de Fomento da Generalitat cando o tripartito, Joaquim Nadal. Leva gañados os premios Josep Pla, Amat-Piniella, Anglada e con esta novela gañou o Premio Ramon Llul 2019. Dalgún dos seus libros leva vendidos máis de 30.000 exemplares; os seus libros son best-seller e esta última novela, baseada nun feito real, leva camiño de selo tamén. Jordi Cabré, autor tamén multipremiado, ganou con Digues un desig o Premi Sant Jordi 2018. A novela é un trhiller psicolóxico: un escritor famoso entra o día de Sant Jordi nunha libraría e ve con sorpresa que o libro máis vendido é a súa autobiografía: autobiografía que el non escribiu e que, ademais, o prexudica gravemente. Silvia Soler, xornalista, colaboradora e guionista de coñecidos programas de radio e televisión, novelista tamén multipremiada, en El fibló (O aguillón), narra a reunión de catro irmás nunha «masia» e a reconstrución das súas vidas, segundo reza a lapela. Gerard Quintana entra na lista dos máis vendidos coa súa primeira novela: Entre el cel i la terra, unha historia na que plasma, segundo palabras do propio autor: «o espírito de liberdade e de romper co estabelecido e vivir a propia vida». Lembremos que Quintana é o líder do grupo de rock Sopa de Cabra. Na quinta posición achamos outra autora abondo premiada, Maria Barbal, con A l’amic escocès, novela que, segundo algúns críticos, é como unha continuación da súa primeira, e exitosa, Pedra de tartera (Croio, sería unha tradución galega). A novela, esta si que a lin, ten unha primeira parte moi boa, pero baixa na segunda parte, en que a obra se converte nun melodrama. A min esta autora, sobre todo a súa primeira novela, lémbrame o noso Neira Vilas (cunha miga máis de calidade literaria). Até aquí os cinco libros máis vendidos polo que respecta ao apartado de narrativa en catalán. Con todo, cómpre lembrarmos que segundo o sempiterno Gremi de Llibreters, os 10 libros máis vendidos representan como moito un 5% do total das vendas. Outro dato que se pode tirar destes cinco títulos, é que todos están editados por editoriais do Grup 62, é dicir, do Grupo Planeta.

No apartado de non-ficción, amálgama no que entran libros de case toda caste (por non afirmar que de toda), a oferta era, tamén variada. Vexamos algúns títulos, orixinais en catalán e traducidos:

Albert Espinosa.

Rafael Vilasanjuan, Les fronteres de Ulisses (sobre a inmigración); Vicenç Villatoro: Massa foc (un pedante ensaio en que o autor fai dialogar a Machiavelli con Savaranola); Milena Busquets: Homes elegants (recolla de artigos publicados en El Periódico de Catalunya); Ignasi Moreta: Conversa amb Lluís Duch (Duch era un antropólogo e historiador da cultura, monxe de Montserrat e influído por Mircea Eliade); Josep Mª Capdevila: Les paraules i les coses (con este título tan foucaltiano, o crítico literario J. Mª Capdevila recolle unha serie de artigos sobre estética e filosofía); VV. AA: Art i cultura de postguerra; Ferran Ainsa: La Vaga de la Canadenca (aos cen anos da mítica folga dirixida polos anarquistas que conseguiu, por vez primeira en España, a xornada de oito horas); Joan Pérez Ventayol: Del filosemitisme a l’antijuidaisme (1917-1939). La qüestió jueva en els discursos i les actituds del catalanisme en el període d’entreguerres; Jordi Manent e David Paloma: Pompeu Fabra, vida i obra en imatges; Marina Garcés (coord.): Humanitats en acció; VV. AA: Perquè les dones salvaran el planeta; Lluís Quintana: Art i blasfèmia. El cas Veronese; Richard Sennett: Construir i habitar, etc. . Tamén foi ampla a oferta de títulos sobre os presos políticos cataláns ou escritos por estes. Algúns destes libros verémolos na lista de máis vendidos, que é a seguinte:

  1. Contes des de la presó, Oriol Junqueras e Neus Bramona (Ara).
  2. Tres dies a la presó, Jordi Cuixart e Gemma Nierga (Rosa dels vents).

3 . – Cuina mare, Joan Roca (Columa).

  1. Esperança i llibertat, Raül Romeva (Ara).
  2. Oriol Junqueras. Fins que siguem lliures, Sergi Sol (Ara).

Neste apartado gaña, por goleada, a independente (sic) Ara Llibres, e os grandes grupos obteñen un cada un: Planeta o de Joan Roca e Random House o de Cuixart/Nierga.

Houbo tamén oferta nos apartados de teatro e poesía, pero como non queremos alongar isto de máis, transcribamos, simplemente, a lista de máis vendidos en español, nos apartados de ficción e non-ficción:

  1. Lo mejor de ir es volver, Albert Espinosa (Grijalbo).
  2. Los asquerosos, Santiago Lorenzo (Blackie Books).
  3. Todo lo que sucedió con Miranda Huff, Javier Castillo (Suma).
  4. Yo, Julia, Santiago Posteguillo (Planeta).
  5.  – Toda la verdad de mis mentiras, Elisabet Benavent (Suma).

Como o apartado de non-ficción en catalán, os grandes grupos dominan: Random House (Espinosa, Castillo e Benavent) e Planeta (Posteguillo). Blackie Books, editorial radicada en Barcelona, consegue a excepción. E outra curiosidade, como no apartado ficción en catalán, ningunha tradución entre os cinco primeiros títulos máis vendidos. Lembremos que en catalán, no 2018 o posto número tres estaba ocupado por La dona a la finestra, de A. J. Finn. En castelán, entre os cinco primeiros no 2018, como este ano, non aparecía ningunha tradución: no sexto lugar aparecía Origen, de Dan Brown.

E no apartado de non-ficción en español, a cousa foi así:

  1. …Y ahí lo dejo, Gonzalo Boyé (Roca).
  2. El director, David Jiménez (Libros del KO).
  3. A mi no me callan, Pepe Rubianes (Alrevés).
  4. El Crash. Tercera fase, Santiago Niño Becerra (Roca).
  5. Cómo hacer que te pasen cosas buenas, Marián Rojas (Espasa).

Aquí o Grupo Planeta coloca tres fichas: Boyé, Niño Becerra e Rojas. As dúas restantes son para editoriais independentes. Lembremos que Libros del KO é a editora do exitoso Fariña, de Nacho Carretero.

En fin, visto lo visto, a verdade é que hai moita vida despois de Sant Jordi… por sorte para a literatura.


Source: BIOSBARDIA

2019-05-01T07:30:38+00:00 01 / 05 / 2019|BiosBardia|