‘Arousa’, aventuras, tamén sexuais, para adolescentes

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘Arousa’, aventuras, tamén sexuais, para adolescentes

‘Arousa’, aventuras, tamén sexuais, para adolescentes

Carlos Meixide.

César Lorenzo Gil.

Arousa é a cuarta entrega da serie denominada popularmente como “Os cinco de Ons”, que Carlos Meixide escribe e autoedita desde o 2015: Ons, Cans e Guitiriz foran as novelas anteriores.

Nesta ocasión, os adolescentes protagonistas terán que resolver un misterio na illa da Arousa: o envelenamento de varios cans na veciñanza. As pesquisas dos e das rapazas serán fundamentais para averiguar quen fai tal malandraxe.

Meixide non agocha a súa vontade de homenaxe, adaptación e aggiornamento da idea orixinal de Enid Blyton, creadora da popular serie de “Os cinco” (por certo, sen tradución ao galego), que segue a venderse hoxe entre rapazada e preadolescentes. Mais o autor vilagarcián soubo entender o cambio social que se produciu en Galicia nos últimos 30 anos e propón unha narrativa dirixida a un público de hoxe, coas preocupacións que el intúe son as dos adolescentes que estudan nos institutos galegos na actualidade.

Arousa non fai concesións literarias. O formato é o do libro pero o esquema funcionaría igual (ou talvez mellor) na televisión. Meixide podería estar creando a primeira gran serie xuvenil galega nas pantallas pero a pobreza da nosa industria cultural fai que o seu esforzo (como o doutros moitos creadores) se teña que desenvolver na área máis “barata”: o papel.

E como resulta esta aventura estival convertida en lectura breve? O escritor domina mellor as personaxes ca a trama. Acerta nas atmosferas pero escorrega na acción.

Arousa é unha novela das voces baixas. Non hai grande épica nin conspiracións atómicas. Máis ben unha descrición das disfuncións da cotidianidade, as pregas da vida aparentemente tranquila dunha vila de Galicia. Un reverso que nalgún momento se pode poñer dramático mais que en xeral circula con harmonía polas angueiras diarias. Nesta novela ten case tanta forza a vinculación dun dos personaxes coa cociña como toda a trama dos envelenamentos. Toma case tanto protagonismo unha caixeira de supermercado coma un axente da Garda Civil.

Os diálogos, hábil arma do autor para engordar a novela, teñen tanto valor para avanzar a trama coma para situarnos na Arousa. De feito, o autor asume o pintoresquismo desde o inicio: os nativos diferéncianse porque falan cos trazos propios da illa; o resto dos personaxes, tamén galegos e con comarcas de orixe, exprésanse todos en galego estándar. Neste sentido, o libro é unha “novela de turistas”.

Ese exotismo “interior” complétase co exotismo de toda a vida, unha espectacular moza francesa, intelixente, bonita e activa sexualmente que vai desbaratar a rutina amorosa dalgúns dos protagonistas.

A alta carga sexual é talvez a meirande novidade desta obra a respecto do habitual nas novelas “de instituto” que se publican actualmente en galego. Hai escenas de sexo explícitas, bastante ben narradas, entre menores de idade. Eis a sorte dun libro autoeditado, que non debe negociar nin argumentos nin valores co equipo comercial de ningunha editora.

♦ Arousa, de Carlos Meixide. Autoedición, 2018. 134 páxinas. ♠12€


Source: BIOSBARDIA

2019-03-26T08:56:16+00:00 26 / 03 / 2019|BiosBardia|