Á procura de Simone Kahn

Inicio/Blogs/BiosBardia/Á procura de Simone Kahn

Á procura de Simone Kahn

Xesús González Gómez.

No ano 2005, Éditions Jöelle Losfeld[1], selo das Éditions Gallimard, publicou un importante volume en edición presentada, estabelecida e anotada por Georgiana Colville, unha «especialista» en mulleres surrealistas: Lettres à Denise Lévy (1919-1929) et autres textes (1924-1975), de Simone Kahn, a primeira esposa de André Breton.

Simone Kahn.

Non imos ofrecer unha biografía de Simone Kahn, nacida no Perú en 1897, coñecida despois como Simone Breton e máis tarde como Simone Collinet: Wikipedia entrega unha información «presentábel», aínda que non diga palabra dos amores de Simone mentres estaba casada con Breton e si dos amores deste con Lise Deharme (Lise Meyer), ao parecer non foi correspondido, Nadja e, sobre todo, Suzanne Munard. Agreguemos que que nesa entrada de Wikipedia agora foron borrados os nomes de Lise Deharme e Nadja.[2]

Simone, que coñecera a Breton en xuño de 1920 e casou con el o 15 de setembro do ano seguinte (ou sexa, 29 anos xustos antes da pronunciábel data do meu nacemento), tamén tivo os seus amores e os seus rollos –que diriamos hoxe– durante o seu matrimonio. Max Morise, membro do grupo surrealista e posteriormente coñecido tradutor de escritores norteamericanos (Steinbeck, Raymond Chandler, Don Tracy etc.) e adaptador de filmes holliwoodienses ao francés), namorouse perdidamente dela en 1923 e Simone, pola súa parte sufriu ese mesmo ano de 1923 unha experiencia de amor «místico». En 1925-1926 foi «presa» dunha paixón louca por Roland Tual (cinco anos máis novo que ela e tamén membro do grupo, e posteriormente coñecido produtor e realizador cinematográfico francés), paixón que non foi correspondida. En 1928, mentres Breton está semifuxido con Suzanne Munard, Simone escapa a Le Ciotat con Max Morise. Cando Breton soubo desta fuxida, encirrado por Suzanne pide o divorcio. El sempre que lle contara a ela os seus amores e aventuras «extra-matrimoniais»; ela nunca lle contou palabra sobre os seus[3]. En 1931 foilles concedido o divorcio, por aquel entón Breton non tiña parella (fora abandonado por Suzanne Munard, quen acabou casando con Emmanuel Berl) e Simone vivía con Max Morise, con quen rompería en 1934. Non se sabe o que aconteceu entre eles, mais Morise nunca quixo saber máis nada de Simone. No interín, nunha viaxe a España en 1932, Simone coñece o sociólogo Michel Collinet, con quen foi vivir en 1934 despois da ruptura con Morise e con quen casaría en 1938.

Simone era unha muller intelixente, fermosa, etc.; poñan todos os adxectivos que vostedes queiran. Segundo Youki Desnos (a muller de Robert Desnos), era a única persoa do grupo surrealista que lera O Capital e, ademais, era unha enciclopedia andante ou vivente. E tampouco tiña pelos na lingua: no «Cahier de la permanence» do Bureau de Recherches Surréalistes –foi unha das permanentes máis asiduas, xunto con Jacques André Boiffard, membro do grupo que salientou como fotógrafo; unha vez abandonado o surrealismo en 1929, e despois de colaborar na revista Documents, dirixida por George Bataille, esqueceu toda «veleidade artística» para se dedicar á súa profesión, a medicina, converténdose nun dos radiólogos máis importantes de Francia até o seu pasamento, acontecido en 1961, con quen se lle achaca unha liaison nunca demostrada–, o 7 de xaneiro de 1925 escribía: «Protesto contra os procedementos empregados contra algúns permanentes que se encargan dalgúns traballos e son tratados como instrumentos. Decátome de que non se lles pon ao corrente do funcionamento detallada da Revista [La Révolution Surréaliste] e do Bureau»[4].

No volume antes mencionado, no que se recollen as cartas que enviou á súa curmá Denise (Kahn de nacemento, Lévy polo seu primer matrimonio, e Denise Naville até o final da súa vida porque casou con Pierre Naville[5]), as misivas de Simone descobren unha personalidade forte, que se di nestes casos, mais tamén divertida. Namorada do seu marido mais disposta a outras aventuras (polo ton das cartas, mesmo dá a impresión de que a súa curmá e mais ela tiveran, ou teñen naquel momento, unha; tampouco está demostrado). Á parte, cada carta zumega informacións sobre o movemento surrealista e os seus membros. A segunda parte deste volume, «Autres textes», recolle diversos escritos de Simone: un «texto surrealista», aparecido no número 1, decembro de 1924, de La Révolution surréaliste; unha conferencia ditada no Perú, nunha viaxe de traballo do seu marido en 1965 (é o texto máis longo), sobre a pintura surrealista; un pequeno e interesante texto no que informa de como se «descubriu» o cadáver exquisito, que se publicou no catálogo da exposición «Le Cadavre exquis – son exaltation. – De 1925 à 1936», na Galería Schwarz, de Milán, do 5 ao 28 de febreiro de 1975; e unhas cartas enviadas a Sarane Alenxandrian, despois de que este lle remitise os seus libros sobre Breton e sobre o soño e o surrealismo[6]. A responsábel do volume ofrece tamén unha cronoloxía de Simone, da que se tira a maioría dos datos que se ofrecen na Wikipedia, e unha sumaria bibliografía.

Mais do que non fala, para nada, a responsábel da edición destas cartas (a citada Georgiana Colville) é que Simone, a partir de 1932, participou en diversos grupos trotskistas franceses, formou parte de La Gauche Révolutionnaire, grupo «entrista», inicialmente próximo ao trotskismo, mais, sobre todo, ao sindicalismo revolucionario, dirixido por Marceau Pivert, que milita na Sección Francesa da Internacional Obreira-Partido Socialista Francés (SFIO) –neste grupo militaron, entre outros, Daniel Guerin, Georges Soulès, coñecido como Raymond Abellio[7], que acabou colaborando con Pétain e despois da liberación de Francia refuxiouse en Xenebra; André Thirion[8], outrora un dos puntais do grupo surrealista, etc. Na SFIO, Simone chegou a estar incluída, xuntamente coa escritora Colette Audray (que pertencía ao mesmo grupo político) na Comisión de Acción Permanente (CAP), unha especie de comité central un pouco diluído. Cando en 1938 a Gauche Révolutionnaire é expulsada da SFIO. Pivert funda o Parti Socialiste Ouvrier et Paysan (PSOP), e Simone o seu marido acompáñano.

No momento da guerra de España, Simone e outros membros da Gauche Révolutionnaire, enfrontados a Léon Blum pola política de non-intervención, crean a revista L’Espagne socialiste, Organe illustré du CASP –Comité d’Action Socialiste pour l’Espagne–. Secretaria da revista e do CASP, representando a este viaxará a España acompañada de Michel Collinet e outros membros da SFIO, visitando Barcelona e Valencia en 1936, e o Madrid sitiado en 1937. O vespertino madrileño La Voz, na edición do 31 de marzo de 1937, daba en portada, a seguinte noticia:

 

Unha delegación do Partido Socialista francés en España

 VIRÁ A MADRID PARA COÑECER OS DETALLES DA NOSA DEFENSA HEROICA

Valencia 31 (9 m.). – O Secretario do Partido Socialista Ramón Lamoneda recibiu a visita dos delegados franceses da Federación Socialista do Sena, Simonet Kahan (sic), Michel Collinet e Weil-Curiel. Todos eles marcharán mañá a Madrid para visitaren os frontes e coñeceren a heroica resistencia da poboación madrileña. (Febus).

 

Durante a súa estadía en Barcelona, da que dá noticia Victor Alba: «Tamén se deixaban ver pola redacción [de La Batalla] Michel Collinet e a súa muller Suzanne [en realidade, Simone, e aínda non casaran], a belísima Colette Audray (que despois sería de Les Temps Modernes, de Sartre [non: Colette Audray, compañeira de estudos e amiga íntima de Simone de Beauvoir, nunca pertenceu a Les Temps Modernes; si foi secretaria de redacción da revista Arguments, a cuxo comité directivo pertenceron, entre outros Edgar Morin, Kostas Axelos, Roland Barthes, J.-F. Lyotard, etc.]), Martini, un mozo italiano que acabaría de deputado no seu país, e algúns outros»[9]. Durante a súa estadía en Barcelona tanto Simone Kahn como Michel Collinet colaboraron na prensa do POUM (Patido Obreiro de Unificación Marxista, que moitos alcuman de trotskista mais que en realidade era bikharinista), así, na revista Baluard de Sitges. Órgan del Comité de Defensa de Sitges, Simone Kahn publicou o artigo (en dúas partes): «La fábrica de cemento Fradera bajo el control de los obreros», nos números 1567 e 1468, do 19 e 26 de setembro de 1936 respectivamente. No número 1467, Michel Collinet tamén publicou o artigo, «Al pasar las fronteras…», no que lembraba a súa anterior estadía por terras catalás. O texto de Simone aparecerá tamén, sen sinatura, en La Révolution Espagnole. Édition française hebdomadaire du Parti Ouvrier d’Unification Marxiste P.O.U.M., ano I, número 5, 7 de outubro de 1936, co título «Une cimentière sous la gestion ouvrière». Neste mesmo hebdomadario, cuxa administradora era a citada Colette Audray, tamén publicaría Michel Collinet algún traballo, salientando, sobre todo, «La révolution dans une petite ville» (La Révolution Espagnole, nº 3, 17 de setembro de 1936).

[1] Filla de Éric Losfeld (1922-1979), mítico editor surrealista de Le Terrain Vague/Éric Losfeld –e de novelas eróticas e pornográficas como a serie Emmanuelle– e que foi o editor máis castigado pola xustiza e a censura, por riba da mítica Maspéro, da V República francesa. É altamente recomendábel o seu libro de memorias (sic): Endetté comme une mule ou la paisson d’editer, París, Belfond, 1998.

[2] Sobre os amores do fundador do surrealismo: Georges Sebbag l’amour-folie, Suzanne, Nadja, Lise, Simone, París, Jean-Michel Place, 2004.

[3] Véxase a carta que André Breton lle envía o 15 de marzo de 1920: André Breton, Lettres à Simone Kahn (1920-1960), París, Gallimard, 2006, presentadas e editadas por Jean-Michel Gouthier, pp. 363-365.

[4] Bureau de Recherches Surréalistes, Cahier de la permanence, octubre 1924 – avril 1925, París, Gallimard, 1988, presentado e anotado por Paule Thévenin, p. 75.

[5] «Pierre Naville (nacido en 1903). Escritor surrealista de 1924 a 1929. Desde entón consagrouse exclusivamente á actividade política (dirixe La lutte de Classes, La Vérité, etc.). Autor de La Révolution et les intellectuels, que peuvent faire les surréalistes (1926)», André Breton, Paul Éluard e outros, Diccionario abreviado del surrealismo, Buenos Aires, Ediciones Renglón, 1987, p. 68. Denise Naville (1896-1969), gran tradutora do alemán, entre outros traduciu a Von Clausewitz, Hölderlin (a súa correspondencia completa), Trotski, Bukharin, Engels, etc. Foi a primeira tradutora de Paul Celan ao francés.

[6] Sarane Alexandrian, André Breton par lui-même, París, Éditions du Seuil, 1971, Col. Écrivains de toujours, nº 90 (existe edición española, Barcelona, Editorial Laia, 1975, con cortes debidos á censura); e Le surréalisme et le rêve, París, Gallimard, 1974.

[7] Georges Soulès durante a ocupación nazi de Francia militou no Movemento Social Revolucionario, movemento de inspiración fascista próximo a Marcel Déat. Déat, que fora expulsado da SFIO en 1933, despois de fundar un Partido Socialista de Francia-Unión Jean Jaurès, mesmo despois de participar no Comité de Vixilancia dos intelectuais antifascistas, en 1935, acabou derivando cara ao fascismo e colaborando co goberno de Vichy e os nazis. En 1943, Soulès formou parte da Frente Revolucionaria Nacional, dirixida por Déat, que agrupaba a todas as organizacións partidarias da colaboración cos nazis. Á parte de todo isto, Abellio foi un excelente novelista. En España unicamente existe unha tradución dunha novela súa, Los ojos de Ezequiel están abiertos, Barcelona, Duomo Editorial, 2011, que recupera a tradución de J. Vila Selma, publicada en 1956 pola editorial madrileña Escelicer.

[8] Andre Thirion, Revolucionarios sin revolución I, II, III, Madrid, Edicusa, 1975.

[9] Victor Alba, Sísif i el seu temps. I. – Costa Avall, Barcelona, Laertes, 1990, p. 201. Daquela Victor Alba (Pere Pagès i Elies 1916-2003) era un mozo militante do Partido Obreiro de Unificación Marxista e redactor do órgano deste partido, La batalla.


Source: BIOSBARDIA

2019-12-04T06:59:38+00:00 04 / 12 / 2019|BiosBardia|