‘A noite do lobo’, borrador de novela de aventuras

Inicio/Blogs/BiosBardia/‘A noite do lobo’, borrador de novela de aventuras

‘A noite do lobo’, borrador de novela de aventuras

Abel Tomé.

César Lorenzo Gil.

Abel Tomé (Outes, 1984) gañou o Premio Illa Nova de Narrativa 2019, restrinxido a autores menores de 35 anos, convocado por Galaxia, co’A noite do lobo. A historia é clásica e encaixa no xénero de novela de aventuras. Lourenzo d’Ourantes é un solitario cazador de lobos que vive en Luiçiana, territorio rebelde dentro dos dominios imperiais da Raíña, que recibe a encomenda de liberar o Val de Constança dunha besta criminal que levou a vida do fillo do Conde (sic). A novela ten tres partes pronunciadas: a primeira, a viaxe xunta Johan cara o condado. A segunda, a caza do lobo, que se vai converter nunha trama politico-criminal ao redor da posesión dos dominios de Constança. A terceira, xa claramente inserida no xénero fantástico, revela os segredos do pasado do protagonista e narrador en primeira persoa.

O autor escolle un territorio literario que se ensarilla cos fios mítico, lingüístico e histórico de Galicia. Non hai regras e nesa anacronía fantasiosa Tomé séntese a gusto. A toponimia propia baséase na nosa tradición e aparecen como exónimos países recoñecibles: As Américas, Portugal, Francia, Ingolstadt… O tempo parece situarse entre o século XVII e XIX segundo abalemos entre as referencias á conquista da selva (un trasunto do imperialismo español en América Central) ou a presenza de armas modernas (rifles) o personaxe-ensoñación de Víctor Frankens… (sic). Mais no fondo, estas coordenadas danlle igual ao novelista, que simplemente se aproveita da nosa cultura narrativa para mellor cultivar o que el desexa: un relato con aroma clásico, narrado coma un cómic: con frases curtas, telegráficas: “Comezou a chover. Ceo gris. Coma sempre. Terra húmida. As árbores verdes contendo rancor” (p. 115)”. Neste sentido, é moi curioso o uso das onomotopeas.

E velaquí a primeira contradición que sinala este libro. Publicado na colección literaria, a literatura só aparece nos cabezallos dos poemas, versos da estadounidense Emily Dickinson. Se vivísemos no tempo da lóxica, esta novela debería estar na colección xuvenil de Galaxia. Que non sexa asi e que, ao mesmo tempo, aparezan nesoutra colección libros que para nada se vinculan co público adolescente, demostra que a día de hoxe os criterios editoriais están baseados en temas alleos ao tratamento dos textos: prezo, formato, percepción do receptor nas librarías… Mais contodo, A noite do lobo é unha novela xuvenil de aventuras con ás de narrativa fantástica. Podería pensarse no Arnoia, Arnoia,de Xosé Luís Méndez Ferrín, mais a comparación só nos serve como espello distorsionado. Tomé e Ferrín utilizan o propio magma da nosa identidade nacional para compoñer unha novela que se desenvolve nos carreiros do mitolóxico. Mais se o escritor ourensán revisaba quen somos para darlle unha dimensión poética, Tomé usa simplemente ese escenario como unha muleta para facer unha novela-videoxogo, cun superheroe escuro. Eses elementos galegos son o adubo do prato pero a súa presenza é superficial e o autor non se permite unha revisión do noso imaxinario tal e como fixera Xosé Miranda no ciclo de Un paraugas azul.

Isto non ten nada de malo. Tomé quere facer unha novela áxil e centrada na produndización do seu protagonista narrador. E coido que o intento non pasa do borrador por varios motivos. Hai problemas na xerarquización dos acontecementos e dos personaxes. Cando o narrador é omnisciente pode escoller do seu universo as pezas ao seu antollo; o narrador en primeira persoa debe ordenar, máis nunha novela cunha trama ríxida e clara. O autor deléitase na onomástica protogalega (con especial adoración pola cedilla), na recreación das paisaxes maximalistas, na descrición tabernaria. Pero non se atreve a apostar só por iso, por construír unha novela ambiental. Obrígase a si mesmo a levar un fío. E finalmente fracasa por indecisión.

Outra mostra de que á novela lle falta edición (e repouso) é a súa construción estilística. A pesar de ter claro que a expresión vai ser do tipo xornalístico e que a escolla do vocabulario vai ser moderna e sobria en canto á riqueza de léxico, case sempre a obra ten unha frase de máis e unha elipse de menos. Case sempre os diálogos pecan de grandilocuencia. Hai ademais unha certa inconsistencia no uso dos tempos verbais e unha ineficaz estratexia rítmica: “O oso. Un oso. Pardo. Grande. Peludo” (p. 119). “Mirábaos. Ardían. Todos. Todo. Ardía todo” (p. 167).

Conforme pasan as páxinas, o autor vai quedando sen combustible. Redacta cun sacho, avanta nas frases sen apenas civilización narrativa, puro instinto para non perder o fío. Pero nótase canso. Un texto que nace canso as máis das veces cansa os seus lectores.

Tomé, con esta premiada novela, únese á ampla fornada de novas voces con acento vello. Non hai nin rastro de innovación senón todo o contrario. Volve mandar a vella coña: “publícase a novela máis moderna de 1896”. Búscase o clasicismo para asegurar o tiro. É un retorno a Stevenson pero a través da estética de produtos audiovisuais como Xogo de tronos ou Tabú. Moitos autores galegos non queren escribir libros senón series pero, como digo acotío, o papel é o celuloide das culturas pobres. Comparte A noite do lobo outra característica coas súas compañeiras de andel: o autor non se permite a aventura gratuíta, o personaxe escéptico ou directamente repulsivo. De fondo sempre alumea a xustiza social, a reivindicación dos oprimidos, a queixa contra os poderosos (neste caso a Igrexa). Até nun universo fantástico coma este relocen os mesmos soles.

Aínda que non me presta moito falar de lingua na crítica literaria, a primeira edición desta obra merece un breve comentario: hai bastantes erros de léxico e de sintaxe amais de grallas ortotipográficas, algo pouco habitual no catálogo de Galaxia. Espero que nas proximas reimpresións dea tempo a unha revisión en profundidade.

♦ A noite do lobo, de Abel Tomé, Galaxia, 2019. 214 páxinas. ♠17€


Source: BIOSBARDIA

2019-12-12T06:01:18+00:00 12 / 12 / 2019|BiosBardia|