Xurxo Chapela: “A lembranza é a unidade mínima da narrativa”

Inicio/Blogs/BiosBardia/Xurxo Chapela: “A lembranza é a unidade mínima da narrativa”

Xurxo Chapela: “A lembranza é a unidade mínima da narrativa”

César Lorenzo Gil.

Xurxo Chapela (Carballo, 1968) di que tardou 40 anos en saber como escribir Lémbrame (Positivas) e un mes en escribilo. Seguindo máis a liña de Joe Brainard ca a de George Perec, compuxo un mosaico de fragmentos vitais. Sobre este libro e dalgunhas outras cousas falamos nesta entrevista.

Como nace a idea de Lémbrome. Foi logo de ler a Perec ou facer memoria era un instinto que xa estaba con vostede e que acabou de florecer logo desa lectura?

En realidade, eu síntome máis identificado co I remember, de Joe Brainard ca co Je me souviens, de George Perec. Lin o primeiro e a partir dese dei co segundo. Tamén as memorias de Marcello Mastroianni (Mi ricordo) e algunha outra obra memorialística con este formato. Logo de publicar o meu libro souben dun blog que mantivo Olalla Cociña e que chegou a ter 200 ou 300 entradas utilizando a fórmula “Acórdome”.

A min interésame máis o libro de Brainard ca o de Perec, porque o primeiro é máis persoal, máis poético; o do francés é algo máis funcionarial, máis frío. Eu sempre digo que tardei 40 anos en saber como escribir este libro, un mes en escribilo e dous meses máis en corrixilo. Pode ser que estivese aí o tempo todo pero até que achei a fórmula, non puido saír.

Un dos fundamentos da OuLiPo, escola literaria na que participou o propio Perec, é considerar que ao creador está ben pórlle coutos, lindeiros, para que unha vez despreocupado do molde, xa que o ten que seguir rigorosamente, poida dedicarse unicamente ao contido e así dotalo de potencia literaria. Sentiuse cómodo vostede neses límites ou algunha vez preferiu saltar as normas e transformar este libro nunhas memorias máis convencionais ou incluso construír un grupo de relatos ou unha novela?

Eu son unha persoa que non ten nada atractivo que contar. O máis que podería facer sería poñer por escrito as historias da miña avoa. Pero a realidade é que a min, como escritor, non me interesa a narrativa clásica baseada no rosario presentación-nó-desenlace. O que me interesa é o estilo e con este mecanismo estaba cómodo. Encontrara a maneira máis acaída para o que quería dicir e sabía que tiña que ser fiel a ela até o final.

Nun libro coma o seu parece que encaixa coma unha luva a técnica da corrente de pensamento; uns pensamentos levan a outros e incluso se pode producir unha escritura en automático. Non sei se cómpre ter filtros para xerarquizar as lembranzas.

Eu empreguei filtros. Seleccionei aquelas lembranzas que ademais de falaren de min, das miñas vivencias, tivesen, por así dicilo, unha dimensión xeracional ou xeneralista, que identificasen tamén as persoas que lesen o meu libro. Escollo as películas, os episodios… Cando afirmo que lembro a Rivas, Ferrín ou Suso de Toro, está feito a mantenta. Quizais a min no seu momento non me interesaron tanto pero ao facer este exercicio de compilación da propia memoria, decátome do valor que tiveron para os lectores dunha época.

Antes dicíame que non lle interesa a narrativa clásica como escritor. E como lector?

Por suposto que me interesan moitos libros de narrativa clásicos. O que xa non dou lido, porque me aburren, son esas novelas suecas cuxo argumento está ben mellor expresado nunha serie ou nunha película. Coido que hoxe a linguaxe audiovisual explica mellor as tramas ca a literatura. E polo tanto a literatura que me interesa é a que supera a trama e se preocupa de como contar. E esa forma de contar non ten por que ser unha soa. Non é o mesmo facer unha novela de aventuras ca unha introspección persoal. Cada técnica serve para un determinado obxectivo e está ben que haxa esa variedade. O problema é cando vemos que todos os libros están escritos igual e nos que realmente o estilo ou é secundario ou nin sequera aparece.

Algunhas voces indican que ao eliminar os piares clásicos da narrativa, esta conclúe que en realidade nada se pode contar, que só podemos intentar esbozar algúns puntos, fragmentos que igual que facemos ao converter a luz das estrelas en constelacións, só os lectores lles poden dar coherencia.

Non penso que a narrativa dependa como xénero literario dese modelo clásico. Nese sentido, coido que a lembranza é a unidade mínima da narrativa. Máis sinxelo e máis puro ca iso non hai nada. E a partir de cada fragmento si se pode encontrar un todo coherente e autónomo. Quizais non debemos identificar narrativa con historia e sempre recordar que a mensaxe a vai completar, necesariamente, o lector.

Vostede non é un escritor moi prolífico.

Eu non son escritor. En realidade non teño talento para escribir. Publiquei tres libros, un moi malo, outro regular e este que me saíu riquiño. A min o que se me dá ben é editar. Sei onde está o erro, coñezo a musicalidade da frase, detecto a palabra que sobra. Teño talento para ver o que está mal feito nos traballos dos outros pero logo non son quen de aplicalo a min mesmo. Eu escribo e borro. É o bo da informática, que che permite eliminar e eliminar. Son moi crítico co meu traballo e tampouco teño ningún interese en publicar a determinado ritmo. Pero tamén digo que me gustaría encontrar a estabilidade profesional que me permitise gardar un par de horas ao día para escribir. Podo definirme como alguén que está a piques de colgar o boli mais que de momento sigo con el na man.

Sígoo moito polo facebook. É vostede moi crítico con certos tics da literatura galega. Recórdame a Rexina Vega e a Jaureguizar en moitas das súas apreciacións.

Comparto, en efecto, moitas das súas opinións. Pero teño que ser franco: as miñas apreciacións son as dun lector medio-baixo de literatura galega. Non coñezo polo miúdo o panorama actual. E feita esa salvedade, coido que o gran problema da cultura galega é que está nas mans dun establishment que leva toda a vida aí, nun permanente acougo que se traduce nunha cultura que leva estancada moito tempo e que non dá sinais de reacción. Só cómpre mirar que libros se premian, que libros se gaban na prensa, que libros se recomendan, que libros se presentan como os máis interesantes. E falo de narrativa; na poesía igual non ocorre o mesmo aínda que sería tema para outra conversa. E de literatura infantil non falo porque non a leo.

Vostede mesmo se define como lector medio-baixo en galego. Definiríase igual en lectura en xeral?

Non. Noutras linguas leo máis.

Corre o risco a literatura galega de perder de feito os lectores máis comprometidos, aqueles que len porque queren?

Contei nas redes sociais que dos últimos dez libros galegos que empecei a ler deixei oito sen acabar. Mira, o problema fundamental é que os mellores escritores galegos, historicamente, escribiron en castelán: Valle-Inclán, Cela, Torrente Ballester… Até podemos discutir se o mellor de Rosalía de Castro non está escrito en castelán. E na actualidade, os mellores escritores galegos, que ademais son xornalistas todos, escriben en castelán: Aníbal Malvar, Xoán Tallón, Manuel Jabois, Henrique Mariño. Por suposto que está Cid Cabido ou outros autores que ofrecen literatura de calidade pero en xeral aquilo que se promove fai que os lectores fuxan. Non temos tempo para lelo todo. Se teño que escoller entre gastar ese valioso recurso lendo a Carlos Reigosa ou en ler a Nelson Algren, con quen quedo? E fago esta dicotomía entre estes dous autores sen ningún ánimo especial, podería facelo con moitos outros. É esaxerado sentirme estafado co catálogo dalgún editor cando vexo que as obras que máis difunden e que, polo tanto, consideran as mellores que publicaron, non hai quen as dea lido? É que nin sequera as traducións se libran. De repente ves que obras de autores consagrados internacionalmente soan en galego impostados, aburridos, literaturizados no mal sentido da palabra. Como é posible que o ritmo sexa tan distinto en galego a respecto da tradución ao castelán?

Dos autores que vostede considera actualmente os mellores, case todos escribiron obra en galego.

Alguén pode explicar, seguindo argumentos lóxicos, que O váter de Onetti, de Xoán Tallón,  quedara inédito en galego por falta de editor? Falamos dun escritor que xa publicara libros en galego, que xa gañara premios e que logo publica este libro en castelán e agora é columnista en El País. En serio desde o 2011 houbo dez libros mellores ca ese publicados en galego? Non quero xeneralizar o que lle pasou a Tallón porque os demais casos son distintos. Todos eles son xornalistas que traballan a diario co castelán e que levan tempo instalados noutra lingua de expresión, incluso naqueles casos nos que falamos de persoas galegofalantes e proclives á normalización da lingua galega.

Que está a ler arestora?

Ía ler outra cousa pero acábame de chegar Etílico, de Carlos Mayoral e xa me puxen con el. E xa a seguir quero ler No me acuerdo, de Gabriel Quindiós e Yago Ferreiro, que vén ser como un reverso do meu libro.

Igual lle serve como inspiración para unha continuación de Lémbrome.

Non. Esa vía literaria xa está morta para min.


Source: BIOSBARDIA

2017-06-12T21:56:35+00:00 12 / 06 / 2017|BiosBardia|